Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tradición

A Escola de Música dálle a benvida á primavera

A praza da igrexa de San Pedro acolleu este sábado o clásico 'Concerto para a veciñanza'

A Escola Municipal de Música ofreceu o seu tradicional Concerto para a Veciñanza

Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Nunha mañá de sábado do máis primaveral, a praza da igrexa de San Pedro, na rúa á que lle dá nome, o esplendoroso sol de mediodía cedíalle o protagonismo á música. Ás 12.30 horas a Escola Municipal de Música (EMM) de Santiago daba os primeiros compases do seu tradicional Concerto para a veciñanza, unha aposta por mostrar o traballo do centro e tamén por facer comunidade.

Este evento anual da escola busca "promover o talento e a paixón pola música, dende o convencemento de que esta é un dos mellores medios para aprender, medar e madurar". Pero non queda aí, non se trata só dun afán formativo e creativo, o Concerto para a veciñanza procura tamén "dinamizar a vida local e cultural dos barrios, procurando descentralizar e achegar a música a todos os sectores da poboación compostelá contribuíndo a enriquecer a vida social e cultural de Compostela". 

E a comunidade santiaguesa non faltou á cita, e un bo número de persoas congregáronse na praza da igrexa para compoñer un público de todas as idades que gozou coa Banda e co Conxunto de Música Tradicional da EMM. Unha hora de concerto no adro desta igrexa que noutrora foi convento e soaron, dentro do repertorio tradicional, e baixo a dirección de Pablo Pascual temas como Danza do ramo verde, Muiñeira dos Padernes ou Mazurca da Terra Chá xunto a Greenlands ou Noces de Granit.

Baixo a batuta do profesor da escola Óscar Fernández a Banda agasallou o público presente coa súa versión da loa aos superheroes Who's that masked man -con arranxos de Jay Bocook- ou ese clásico dos oitenta, da banda Europe, The final countdown -arranxado por Frank Bernaerts. Houbo tamén música máis clásica de banda, coa marcha Juventus, de Rolf Amstad e non se deixou pasar Concierto de Aranjuez, de Joaquín Rodrigo, con arranxos do propio Óscar Fernández.

Repertorio tradicional, clásico e actual interpretado polo alumnado da Escola Municipal de Música, ao aire libre, para a veciñanza da zona, para quen acudiu a velos e, como non, para todos os peregrinos do Camiño francés que percorren os últimos metros até a Catedral cruzando a rúa de San Pedro.

Tracking Pixel Contents