Peregrinos a cabalo
Pura Raza Galega no Camiño de Santiago: dez exemplares completan con éxito a ruta
Xinetes e amazonas de todas as idades, dende nenos ata adultos, participaron no percorrido que culminou na Praza do Obradoiro este domingo

A expedición, á súa chegada ao Obradoiro tras completar un tramo do Camiño de Santiago / Cedida

Unha comitiva de dez exemplares de cabalo de Pura Raza Galega, cos seus correspondentes xinetes e amazonas, fixo a súa entrada triunfal na Praza do Obradoiro este domingo, tras completar con éxito a súa ruta polo Camiño de Santiago desde o Monte do Gozo. Desde a asociación de criadores desta especie, Puraga, consideran que o feito de ter completado este traxecto demostra "a súa nobreza e o seu vínculo indisoluble coa historia de Galicia".
A expedición destacou pola súa heteroxeneidade, contando con participantes de todas as idades, dende nenos a adultos, o que "reflicte o compromiso co relevo xeracional e a polivalencia destes animais como compañeiros ideais para a equitación de ocio en familia", destacan.
Tras a parada simbólica do grupo ante a Catedral de Santiago, o presidente de Puraga, Miguel Ángel Pernas Martínez, amosou a súa satisfacción polo éxito da ruta. Durante o encontro, quixo agradecer publicamente "o esforzo dos participantes, o compromiso dos socios e o apoio fundamental das entidades colaboradoras".
Clave na prevención de incendios
Así mesmo, o presidente aproveitou para lembrar que actos coma este son "vitais" para que a sociedade recoñeza o papel do cabalo Pura Raza Galega, non só como patrimonio cultural, senón como unha ferramenta real de traballo e un aliado estratéxico na prevención de incendios forestais a través do control da biomasa.
Pernas salientou especificamente que esta actividade conta co apoio directo da Deputación da Coruña, e puxo en valor tamén o labor de apoio constante que administracións como a Deputación de Lugo e a Consellería do Medio Rural prestan a Puraga, demostrando, xunto coa institución coruñesa, "un interese real pola pervivencia dunha raza equina única e absolutamente nosa".
Actividades en Sergude
Tras o seu paso pola capital galega, a comitiva dirixiuse ás instalacións do Centro de Razas Equinas Autóctonas de Galicia, no Pazo de Quián (Sergude, Boqueixón). Alí continuaron coas actividades programadas, que incluíron unha recepción oficial e un xantar de confraternidade que se prolongou ata as primeiras horas da tarde, servindo de punto de encontro para gandeiros e defensores da raza chegados de toda a comunidade.
- Fly2Galicia conectará Santiago con ocho destinos nacionales y europeos desde diciembre
- Adiós a otro comercio del casco histórico de Santiago: «Moita xente vén, proba, e logo compra nas plataformas»
- Santiago activa radares fijos en dos de los principales accesos a la ciudad
- 100 años y una vida dedicada a la Iglesia: la historia de Ricardo Bello
- Los 113 años de historia de Comercial Tojo se resisten a la nueva realidad del casco histórico: “Quien me da de vivir son los vecinos de Santiago”
- ¿Vas a ver el eclipse en Santiago? El Concello cerrará el acceso en coche a dos de los puntos más populares para contemplarlo
- Así será el nuevo edificio que transformará esta zona de Santiago: 18 viviendas, locales comerciales y una fachada acristalada
- El arzobispo de Santiago nombra a Roberto Martínez Díaz nuevo rector del Seminario Menor