Proxectos parados
Raxoi dálle para adiante á reanudación das obras na rúa García Lorca
O proxecto parouse pola aparición dunha tubaxe de fibrocemento coa que non se contaba
O goberno local amplía o prazo de execución en dous meses: até abril de 2027

Obras na rúa García Lorca, no barrio de Vite / Antonio Hernández

A xunta de goberno local celebrada este luns aprobou a modificación do proxecto de reurbanización da rúa García Lorca, paralizada dende o mes de xaneiro pola aparición dunha tubaxe de fibrocemento recuberta totalmente (nos seus 600 metros de lonxitude) por formigón. Un elemento "imprevisto" no proxecto inicial segundo explicaba en rolda de prensa a voceira do goberno local, Míriam Louzao.
A concelleira explicou a complicación "significativa" desta circunstancia para a xestión dun residuo como é o amianto, "dado que ao estar en contacto a tubaxe de fibrocemento co formigón debe considerarse igualmente contaminado". A edil relatou as cuestións burocráticas que o goberno local debeu resolver cos servizos de obras, contratación e asesoría xurídica até chegar á autorización deste modificado que se comunicou a Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa, a adxudicataria da obra, mais esta presentou alegacións. "Estas alegacións non foron aceptadas polos informes técnicos".
A xunta de goberno aprobou para este cambio un modificativo de 117.993 euros (IVE incluído) e ampliou o prazo de execución en dous meses, co que o remate das obras se establece para o 22 de abril de 2027.
Diálogo coa veciñanza
Míriam Louzao recoñeceu os inconvintes que sempre xera unha obra para a veciñanza da contorna, máis neste caso cunha obra paralizada, e defendeu que "o concelleiro de Obras -Xesús Domínguez-, xunto co persoal técnico e os responsables da contratista explicaron esta situación á veciñanza", nunha reunión no mes de xaneiro, "tan pronto se puideron analizar as consecuencias".
A voceira do goberno de Santiago asegura que se informou "de todos os pasos que cumpría dar" e engadiu que se "recolleron todas as peticións para minimizar os problemas". Dende Raxoi aseguran que se mantiveron abertas as canles de comunicación cos afectados, pero Louzao recoñeceu que "non cabe máis que darlle a razón á veciñanza sobre as molestias que está a padecer cunha obra importante e complexa afectada por unha situación imprevisible".
Con todo, a voceira do goberno reafírmase en que "o Concello, técnica e politicamente, actuou con total dilixencia e transparencia", algo que continuará a facer cando Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa poida estar en disposición de reanudar as actuacións na rúa García Lorca e engadiu que Raxoi "continuará facendo un seguemento estrito dos traballos".
- Así es la terraza más desconocida de Santiago: un oasis secreto para desayunar entre árboles centenarios
- Una casa de Santiago, entre las finalistas de los Premios Arquitectura 2026
- Crónica social compostelana | Alicia Molanes y Jorge Mirás ya son padres primerizos
- Fallece el empresario Isaac Rosón Ferreiro, hermano de la socialista Mercedes Rosón y padre del director xeral de Pesca de la Xunta
- Los vecinos de Conxo alertan de que la senda entre Santiago y O Milladoiro incumple normas de Patrimonio
- Emotiva despedida en el Peleteiro: más de 150 alumnos ponen fin a su etapa en Bachillerato
- Llegan las fiestas 'más picheleiras': este es el programa completo de la Ascensión 2026
- La construcción del Ensanche Norte para 3.609 viviendas obliga a expropiar 90.000 metros cuadrados de fincas en la otra punta de Santiago