Xunta de goberno
Olmedo encamíñase á rehabilitación con actuacións nas fachadas e na cuberta
Raxoi aproba a reparación dos muros tradicionais dos parques de Belvís e de Bonaval e adxudica a Corgal o desbroce de viarios e sendeiros urbanos

Edificio dos antigos Almacenes Olmedo, do Toural, dende a Rúa Nova / Jesús Prieto

Case unha década despois de quedar sen uso, o edificio que albergou o histórico comercio Almacenes Olmedo, e foi sede de Compostela Aberta e de En Marea até 2017, asómase á súa próxima rehabilitación. Segundo comunicou este luns en rolda de prensa a voceira do goberno, Míriam Louzao, Raxoi vén de concederlle licenza á propietaria -SCQ Platforms SL- para "a adecuación arquitectónica da envolvente" deste inmoble situado no número 3 da Praza do Toural.
Cun orzamento de execución de 234.277 euros a propiedade vai acometer a primeira fase da rehabilitación do edificio. "O obxectivo da obra é actuar no interior do inmoble e garantir a conservación das estruturas orixinais e dos elementos singulares do edificio recollidos no Plan Especial", explicou a concelleira Louzao.
Con esta intervención vanse restaurar as fachadas e a cuberta, pero tamén os elementos de carpintaría e as reixas, de fundición. "Vai ser unha intervención necesaria para garantir a viabilidade da rehabilitación integral que a propiedade afrontará a continuación", aclarou a concelleira, que recalcou que agora do que se trata é de "frear o deterioramento do inmoble, mellorar a imaxe exterior e garantir a seguridade para a vía pública".
A concelleira de Turismo recordou que este inmoble do Toural data de 1880 "e construiuse paralelamente a unha adaptación do Pazo de Bendaña, co fin de completar a Praza do Toural coa dignidade que correspondía". Louzao tamén se referiu a que en 1898 se fixo unha nova intervención, da man de Manuel Pereiro Caeiro, na que se recubriron as fachadas con cemento Portland, para conseguir maior impermeabilización.
Os muros tradicionais
A xunta de goberno deste luns aprobou tamén o proxecto de Reparación e Acondicionamento dos Muros Tradicionais nos parques de Belvís e Bonaval, cun orzamento base de licitación de 103.307 euros e cun prazo de execución previsto de 9 meses. Neste proxecto, Raxoi establece o condicionamento de que "as obras de escavación serán obxecto de seguemento pola oficina municipal de arqueoloxía para o seu rexistro", polo que as actuacións se deben comunicar antes de iniciarse os movementos de terras.
A concelleira Míriam Louzao lembrou en rolda de prensa que "xa no 2024 se acometeron en Belvís as actuacións máis urxentes garantindo a estabilidade dos muros e a seguridade das persoas comezando polas estruturas que se atopaban en peor estado, o proxecto que aprobamos hoxe dalle continuidade a ese plan de mantemento".
Reparacións nos pavillóns
A voceira do goberno local anunciou que se lle deu luz verde á remodelación do pavillón do CEIP de Lamas de Abade, "un edificio proxecto hai 36 anos que só recibiu pequenos investimentos para adaptalo á práctica do hóckey e sanear a cuberta". O que se vai facer agora no colexio son intervencións na zona de vestiarios de equipos -na iluminación, a fontanaría, os pavimentos e os revestimentos- onde se van renovar os elementos de aseo e se vai incorporar un sistema de ventilación.
Míriam Louzao indicou que se vai actuar tamén no vestiario dos árbitros e no almacén, así coma nos servizos públicos, cun deles adaptado. Ademais, vaise renovar a cuberta das zonas de acceso a vestiarios e no pavillón proxectarase, entre outras cousas, unha nova porta lateral sur "para ter unha maior capacidade de evacuación, pero tamén se mellora a comunicación ao exterior, tamén do propio centro educativo". A concelleira de Educación explicou que se vai mellorar toda a zona de acceso á instalación deportiva "para evitar que nos días de moita choiva entre auga na pista". A obra ten un orzamento de 367.404 euros e un prazo de execución de 5 meses.
Tamén en relación aos pavillóns, Raxoi aprobou o proxecto de actuación no sistema de protección contra incendios do CEIP Monte dos Postes. "Un estudo que se fixera en 2020 detectara deficiencias que non permitían aumentar a capacidade da instalación". Segundo os informes valorativos o pavillón terá unha capacidade de 930 persoas -vírase reducida a 100- e o novo sistema de detección vai incluír bocas de incendio, a mellora dos extintores portátiles e mais da iluminación de emerxencia.
Louzao informou que "a proposta conta xa co informe favorable da dirección xeral de Patrimonio" que actúa por estar o colexio situado no ámbito do Camiño francés, e tamén da Consellería de Educación "por tratarse dun equipamento afectado ao uso educativo". A edil aclarou que a obra se fai dende o Concello, cun orzamento de 77.374 euros (IVE incluído) e o seu prazo de execución é de dous meses.
O Concello de Santiago adxudicou tamén a Coregal o servizo de desbroce e limpeza e mantemento e marxes de viarios e sendeiros da contorna urbana -un servizo reservado a centros especiais de emprego-. Para isto, comprométese un gasto por importe de 70.000 euros.
Suscríbete para seguir leyendo
- La panadería con una de las empanadas más famosas de Santiago: 'Uso a mesma masa coa que fago o pan
- Una casa de Santiago, entre las finalistas de los Premios Arquitectura 2026
- Violento asalto a una vivienda en Santiago: herido un vecino de Vista Alegre tras enfrentarse a dos individuos
- Fallece el empresario Isaac Rosón Ferreiro, hermano de la socialista Mercedes Rosón y padre del director xeral de Pesca de la Xunta
- Extraordinarios en las aulas de Santiago: «La clave es tener un buen método de estudio y no encerrarse demasiadas horas»
- Renfe estrena este miércoles el primer AVE directo Santiago-Madrid sin parada en Castilla y León
- Los vecinos de Conxo alertan de que la senda entre Santiago y O Milladoiro incumple normas de Patrimonio
- Santiago moviliza a 500 jóvenes para animar al papa León XIV a que peregrine a Compostela en el Año Santo 2027