Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O decano de Química da USC: «Estamos no primeiro terzo dos ránkings nacionais e internacionais»

O catedrático de Química Inorgánica buscará nos vindeiros seis anos avanzar na reforma do centro, actualizar as titulacións e simplificar a xestión administrativa

Sanmartín Matalobos, cunha orla da facultade de Química da USC detrás.

Sanmartín Matalobos, cunha orla da facultade de Química da USC detrás. / Jesús Prieto

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

O catedrático de Química Inorgánica Jesús Sanmartín Matalobos renova, por seis anos, como decano da Facultade de Química da USC tras ser reelixido nas eleccións do pasado xoves 16 de abril, con 44 votos a favor e cinco en branco.

P. Que significa para vostede a continuidade no decanato?

R. Significa ter a oportunidade de rematar un proxecto que comecei hai catro anos e no que tiña previsto mellorar aspectos relacionados coas infraestruturas, coas titulacións e coa administración.

P. Cales son os problemas máis urxentes que presenta actualmente o centro que dirixe?

R. Hai uns meses remataron unhas obras de adecuación destinadas a contar con laboratorios de docencia máis actualizados e, agora, necesitamos dotarlles do mobiliario axeitado. Esa é unha das nosas primeiras prioridades. No exterior non se requiren actuacións e no interior está prevista unha reforma integral, que comezou o ano pasado cos citados laboratorios situados na planta baixa da facultade.

«Actualizar a oferta académica sempre é un obxectivo en calquera titulación. Cada certo tempo revísase para adaptala ás demandas actuais»

P. Hai xa datas previstas para efectuar esas reformas?

R. Non hai unhas datas fixadas, pero si un plan que pon de manifesto unhas necesidades que teñen que ver con laboratorios de investigación e con zonas de despachos.

P. Fala de mellorar a eficiencia organizativa. Que fallos concretos detecta actualmente na xestión?

R. Non é que haxa fallos, pero si hai cousas que se poden optimizar. Trátase de facer máis simples e directos os procedementos para o alumnado e o profesorado, como formularios precubertos. Facilidades, en definitiva. No día a día notaranse melloras.

P. Que aspectos das titulacións actuais cree que necesitan unha actualización máis urxente?

R. Haberá que revisar algúns aspectos relacionados coas materias. A medida que imos progresando, algunhas vanse quedando atrás e van xurdindo novos temas de interese. Actualizar a oferta académica sempre é un obxectivo en calquera titulación. Cada certo tempo revísase para satisfacer a oferta actual.

P. Plantéxase a creación de novos graos ou mestrados?

R. Non. Xa contamos con suficientes. Falo simplemente de modificacións no plan de estudos. Na actualidade ofertamos o grao en Química, que se pode cursar simultaneamente con Física e Bioloxía, e catro mestrados: en Investigación Química e Química Industrial, en Química Orgánica, en Química na fronteira entre a Bioloxía e a Ciencia de Materiais, e en Química Teórica e Modelización Computacional.

P. Que diagnóstico fai do nivel de satisfacción do estudantado?

R. Creo que está contento co sistema actual. Estamos en contacto permanente co alumnado con esa idea de revisar os plans de estudo. De feito, o grao que se cursa simultaneamente con Física acabamos de revisalo e implantaranse os cambios o vindeiro curso.

P. Aposta polo diálogo e a transparencia como base do proxecto. Como se traduce iso na práctica?

R. Estamos accesibles en calquera momento, tanto para o profesorado como para o alumnado. Tratamos de escoitar e facer aquilo que se pode levar a cabo. Non prometemos nada que non se poida cumprir e non pechamos portas.

P. Cal é o posicionamento da facultade a nivel nacional e internacional?

R. Nos ránkings estamos na primeira metade ou mesmo no primeiro terzo, tanto a nivel nacional como internacional. Sempre se pode seguir mellorando, e niso estamos. Pode conseguirse cos cambios aos que me refería en relación coas actualizacións nos plans de estudo.

Tracking Pixel Contents