Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Medio século de historia

«Mil primaveras máis» para o Museo do Pobo Galego

San Domingos de Bonaval acolleu a celebración dos 50 anos do padroado antropolóxico e etnográfico máis importante de Galicia coa sombra, moi presente, de personalidades coma Ramón Otero Pedrayo.

Carlos García Amigo e Blanca Bello Sobral, o dúo de corda, durante a súa actuación no museo

Carlos García Amigo e Blanca Bello Sobral, o dúo de corda, durante a súa actuación no museo / Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

«Mil primaveras máis», Concha Losada, presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, citaba o autor mindoniense Álvaro Cunqueiro no día no que a entidade antropolóxica e etnográfica galega cumpría 50 anos. Un 24 de abril de 1976 nunha xuntanza no Hostal dos Reis Católicos xurdía esta entidade, impulsada, entre outros, por «don Ramón», dicía a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en referencia ao escritor e xeógrafo ourensán Otero Pedrayo, de cuxo pasamento tamén se cumpre este ano medio século.

A figura de Pedrayo estivo moi presente no acto de celebración dos 50 anos do Museo do Pobo Galego. Foi menor a presenza feminina, a pesar de que a profesora Concha Losada presida o padroado e do papel fundacional de María Xosé Fernández Cerviño. Poucas máis mulleres tiveron papel relevante no Museo do Pobo, que cando menos se puxese en valor durante a celebración do 50 aniversario da súa creación. Si estiveron presentes as mulleres no evento, nas cordas de viola de Blanca Bello e na voz de Faia Díaz.

Sen embargo pasaron, palabra a palabra, na voz dos e das intervintes intelectuais e escritores galegos contribuíntes á creación do Museo do Pobo Galego, non só Ramón Otero Pedrayo, tamén Domingo García-Sabell, Xerardo Fernández Albor, Antón Fraguas, Agustín Sixto Seco, Justo Beramendi –ex presidente do padroado–, Ramón Piñeiro ou os arquitectos César Portela, Manuel Gallego Jorreto ou o ex alcalde de Santiago Xerardo Estévez.

O auditorio do Museo do Pobo acolleu un acto institucional no que non faltou a música, co dúo de cordas de violonchelo e viola de Carlos García Amigo e Blanca Bello Sobral, a voz de Faia Díaz entoando a capela o repertorio tradicional recollido no Arquivo Lomax, e a gaita de Oli Xiráldez, que interpretou no remate do acto o himno galego, onde todo o público acompañou cantando os versos de Eduardo Pondal.

«Levamos cincuenta anos falando nesta casa ao pé de Rosalía», comentou Concha Losada no auditorio do Museo do Pobo, «unha casa fermosísima» que conta con 2.000 afiliados e que naceu coma unha «iniciativa cívica coa intención de non depender dunha única institución», como así é.

No acto interveu tamén a rexedora compostelá, que asegurou que «don Ramón», ao que chamaron patriarca e preclaro as persoas intervintes no acto institucional de aniversario, «vive grazas ao voso labor», do padroado do Museo do Pobo Galego. Sanmartín fixo súas as palabras de Antón Fraguas cando tomou posesión do seu escano na Real Academia Galega en 1956 facendo mención ás ruadas de Loureiro, en Cotobade.

Goretti Sanmartín non deixou pasar o reclamo que é a escaleira helicoidal do Museo do Pobo pero tampouco o éxito, que adopta como propio e de Santiago, de conseguir a recuperación das figuras do Mestre Mateo, que agora se expoñen no museo, logo de seren recuperadas da familia Franco, 90 anos despois do golpe de Estado.

Falaron tamén no evento, entre outras personalidades o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, que puxo en valor o traballo antropolóxico e etnográfico do Museo do Pobo así como todo o seu labor, neste 50 anos, en favor da «divulgación» cultural. «Unha institución útil e aberta capaz de dialogar coas novas xeracións», definiu Lorenzo a entidade da que se celebraba o aniversario.

Unha divulgación e un carácter didáctico que tamén reivindicou a alcaldesa Goretti Sanmartín facendo mención á MICE –Mostra Internacional de Cinema Etnográfico– que acollen os muros de San Domingos de Bonaval e que xa celebrou máis de vinte edicións.

Tracking Pixel Contents