Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xunta de Goberno

O castelo da Rocha Forte seguirá sen mantemento: a única oferta non pasa o filtro

O Concello de Santiago declara deserto este contrato e acorda a prórroga durante seis meses do Servizo de Axuda no Fogar

Carlos Delgado, da Asociación Cultural A Rocha Forte, entre os resto do castelo o pasado mes de agosto

Carlos Delgado, da Asociación Cultural A Rocha Forte, entre os resto do castelo o pasado mes de agosto / Antonio Hernández

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Manu López

Manu López

Santiago

Despois de case tres anos cun mantemento de mínimos, o parque arqueolóxico da Rocha Forte, que inclúe os restos dun castelo medieval, terá que seguir agardando para contar cunha conservación acorde ao seu valor patrimonial. O Concello de Santiago vén de declarar en xunta de goberno como deserta a licitación deste servizo por non acreditar o único licitador presentado a solvencia técnica consonte o exixido nos pregos durante o prazo que tiña para facelo.

Co vencemento do anterior contrato, os traballos de mantemento víñanse realizando a través dun acordo de transición. Para a Asociación Cultural A Rocha Forte, estas actuacións resultaban insuficientes para a conservación do monumento e denunciaron o en diferentes ocasións o seu "estado de abandono". O goberno local activou en outubro do 2025 un concurso público co obxectivo de formalizar un vínculo durante tres anos con posibilidade de prórroga cunha empresa que se fixese cargo de maneira estable. A única entidade que presentou oferta foi Tempos Arqueólogos, pero finalmente non foi quen de acreditar os requisitos establecidos nos pregos. Como consecuencia, o castelo permanecerá na mesma situación á espera de próximos movementos e o Concello anula o gasto de máis de 90.000 euros que tiña autorizado inicialmente.

Prórroga do SAF

En materia de contratación, a xunta de goberno acadou outro acordo de relevancia ao decretar a prórroga do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) durante cinco meses, dende o 1 de xuño ata o 31 de outubro de 2026, comprometendo un gasto de 2,6 millóns de euros. O Concello adxudicou este servizo en abril do 2024 por dous anos á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Siad24 e Protección Geriátrica por un importe superior aos 12 millóns, converténdose nun dos contratos de maior contía deste mandato e permitindo aumentar o número de horas e de usuarios atendidos, ata chegar á cifra récord de 808 no 2025, segundo datos de Raxoi.

A concelleira de Servizos Sociais, María Rozas, manifestou nunha comparecencia recente que o goberno municipal ten a intención de licitar o servizo este ano e non esgotar todas as prórrogas contempladas nos pregos actuais. "Aínda que o novo contrato trouxo avances evidentes queremos seguir avanzando para ter o mellor servizo", indicou.

Axudas para actividades culturais

Na reunión deste luns, a xunta de goberno tamén deu luz verde á apertura de dúas convocatorias de subevencións para actividades culturais por un total de 285.000 euros, dos cales 250.000 euros van destinados ao sector profesional e outros 35.000 súmanse a unha liña de axudas para asociacións. O período de solicitude iniciarase a partir da data de publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña e será de 15 días naturais.

Ademais, no relativo ás licenzas de obra, Raxoi outorgou a autorización á empresa Ronsel Atlántico para a construción dun edificio para 18 vivendas, locais comerciais, garaxes e rochos nas parcelas situadas na Avenida de Rosalía de Castro, 120-122 e Avenida do Mestre Mateo, 7. O orzamento de execución material da obra ascende a 1,9 millóns de euros.

Tracking Pixel Contents