Nova xestión nos aparcadoiros
Chega o informe de Eptisa sobre a municipalización dos parkings das prazas de Galicia e Vigo, un ano despois
O edil de Mobilidade anuncia no pleno que o próximo luns a adxudicataria entrega o documento definitivo e convocarase por segunda vez a comisión de estudo

Pleno ordinario de abril no Concello de Santiago / Jesús Prieto

Grazas á proposición que o PSdeG levou ao pleno deste xoves para "avanzar no modelo de xestión dos aparcadoiros municipais de Praza de Galicia e Praza de Vigo, o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, comunicou ao conxunto da Corporación e ao resto da veciñanza que a adxudicataria do estudo sobre a municipalización, Eptisa Servicios de Ingeniería, entregará o vindeiro luns 4 de maio o informe definitivo.
Conforme con iso, Duro anunciou que de seguido, "con tempo para que se poida estudar o documento", convocarase a comisión de estudo, creada en abril de 2025 e que tan só se reuniu naquela ocasión. Un feito que lle reportou ao concelleiro as críticas de todos os grupos, o primeiro deles o PSOE, na presentación da proposición que fixo o edil Sindo Guinarte.
O socialista lembrou que na constitución da comisión "houbo consenso" en tres puntos claves: convocar reunións trimestrais, contratar unha consultora externa para analizar a mellor forma de xestión e dar conta do mesmo. "Non se cumpriu ningunha condición", protestou Guinarte que tamén alertou de que a concesión do parking da Praza de Galicia "venceu en xullo de 2025" e mantense cunha orde de continuidade, "e a da Praza de Vigo vence no outono de 2026".
Neste punto o concelleiro do PP, Adrián Villa, asegurou que "non se vai chegar a tempo" antes de que venza o contrato da Praza de Vigo e fíxolle a Xan Duro un relatorio de todo o que falla no departamento que dirixe, dende a xestión da Praza de Abastos até o contrato de transportes. Duro recoñeceu na súa intervención que "non fomos todo o áxiles que deberíamos" pero tamén puntualizou que a demora se debeu "a debates xurídicos e á carga de traballo que soporta o departamento de Tráfico e Mobilidade".
"Exemplo de mala planificación"
Na súa intervención, o voceiro das edís non adscritas, Gonzalo Muíños, afirmou que a demora na chegada do estudo e a falta de xuntanzas da comisión dan conta "da mala planificación a medio e longo prazo" do goberno local. Muíños criticou que haxa "catro grandes concesións prorrogadas por mala planificación", en referencia, xunto á concesión dos parkings, á xestión da Praza de Abastos e á do Multiusos Fontes de Sar e Santa Isabel.
Muíños puxo sobre a mesa que tamén está prorrogado o contrato dos comedores escolares e denunciou unha vez máis que o Bipartito "ten un problema serio de planificación".
Unha vez coñecida a próxima xuntanza da comisión o edil interrogou o secretario municipal sobre a posibilidade da participación das non adscritas en dita reunión, "formamos parte da primeira", sendo aínda socialistas, "quería saber se imos poder participar e ter acceso a ese informe", concluiu Gonzalo Muíños.
"Decisións partidistas"
O voceiro das non adscritas quixo advertir tamén que "estamos a un ano das eleccións, pode entrar en xogo decisións partidistas, e vai ser un problema" conseguir sacar adiante o novo modelo de xestión nese tempo. Un comentario que recolleu o popular Adrián Villa para asegurar que o proxecto "non vai saír non por ningún bloqueo, senón porque non chegamos a tempo".
Villa, que na súa intervención se dirixiu a Xan Duro para dicirlle que "se lle está poñendo cara de ex concelleiro", lembrou durante o debate que o Partido Popular xa solicitara preparar o novo modelo de xestión en 2020, achacándolle ao resto das formacións que non se puxeran a traballar antes en previsión do remate das concesións.
"É surrealista estar un ano así" e dirixiuse de novo ao edil de Mobilidade para criticarlle que "están sangrando aos usuarios", que poderían coa municipalización do servizo gozar dunha tarifas máis asumibles. Neste punto Duro defendeu que se manteñen convenios de apoio ao comercio local, cos que se financia o uso do parking co recibo da compra. Entre estes dous parkings do centro da cidade suman máis de 600 prazas.
Suscríbete para seguir leyendo
- O Gozo Festival vence al temporal de lluvia y granizo
- Una conductora se precipita con su coche desde el periférico al polígono de Costa Vella mientras escapa de la Guardia Civil en Santiago
- La tormenta descarga en Santiago granizo de más de un centímetro de grosor
- La cafetería de Santiago recomendada por Tamar Novas y 'Lonely Planet': un rincón bohemio con 83 años de historia
- Pregón de las Fiestas del Apóstol: la concelleira descarta a Borja Iglesias
- Muere Alfonso Tourís Nogueira, el enfermero y sindicalista que dirigió más de dos años el PSOE de Santiago
- La primera panadería ecológica de Santiago que empezó con un carro y un caballo: 'Nuestro pan es para gente que quiere cuidarse
- Llegan las fiestas más internacionales de Compostela: 10 días, en lugar de 15, en aras de la 'calidad