Pleno municipal
Raxoi non volverá debater sobre a que se destinan os ingresos pola venda de parcelas municipais
O pleno rexeita a proposición socialista para que o goberno local abra negociación “cos grupos” para definir a que se dedican

A maior parte dos ingresos por venda de parcelas municipais vaise dedicar á rehabilitación de vivenda, como é o caso da Caramoniña / Jesús Prieto

Cos votos en contra de BNG, Compostela Aberta e as concelleiras non adscritas e coa abstención do Partido Popular, os dous concelleiros do PSOE en Raxoi quedaron sós na súa proposición ao goberno local de “abrir negociación cos grupos da Corporación e decidir a que actuacións se van destinar os ingresos do Concello pola venda de parcelas municipais”.
“Negocien o destino deses máis de cinco millóns de euros”, instou ao goberno a socialista Marta Abal, defensora da proposición, advertindo o Bipartito de que “os cartos non poden quedar parados no banco habendo necesidades urxentes que atender”.
Pero o único que colleitou a edil Marta Abal foron críticas dos demais grupos por levar a pleno un debate dunha cuestión xa definida no acordo de orzamentos de 2025 asinado polo PSOE co executivo de Sanmartín. E especialmente dura foi a súa ex compañeira de bancada, a agora non adscrita Mercedes Rosón.
“Grupos e non integrantes da Corporación local”
A concelleira Mercedes Rosón tachou de “soez” a redacción da proposta socialista na que se insta ao goberno local a “iniciar unha negociación cos grupos políticos e non con integrantes da Corporación. Exclúennos”, denunciou, xa que as non adscritas non teñen por lei consideración de grupo.
Rosón criticoulle aos socialistas que “queren enredar e confundir á poboación”, posto que “non cabe revisar acordos xa asinados”, en referencia ao pacto orzamentario de 2025. A edil preguntou aos concelleiros do PSOE “que acordos novos queren incluír no último ano de mandato? O que hai é que executar o acordado”.
Mercedes Rosón insistiu na “clara intencionalidade de excluír as non adscritas e facerlle o xogo ao PP” con esta proposición, e aproveitou para reclamar unha vez máis a falta de palabra dos seus ex compañeiros logo de romperen a disciplina de voto co seu ‘Si’ á ordenanza reguladora das VUT. “Temos palabra e coidamos que a xente coa que acordamos tamén a ten”.
A maior parte dos ingresos, para rehabilitación
O concelleiro de Vivenda, Iago Lestegás, ademais de lembrar que o destino dos ingresos pola venda de parcelas municipais “asinouse no acordo orzamentario de 2025”, deu conta da venda de tres soares que suman dende este mesmo xoves 5,1 millóns de euros.
Lestegás declarou que “a maior parte dos ingresos irán para a rehabilitación”, para sacar ao mercado vivenda de alugueiro protexido. Nesta liña o concelleiro mencionou as vivendas da Caramoniña, que se van financiar con cargo a fondos Edil (60%) e fondos municipais (40%).
O edil anunciou a intención do goberno local de que as obras na Caramoniña comecen en 2027 e tamén fixo referencia ás poucas ofertas presentadas para as catro parcelas postas a venda, das que unha delas quedou deserta e as demais recibiron cada unha un par de propostas.
Mercantilizar o solo
A concelleira popular Rosario Ferreiro enfrontouse unha vez máis ao edil Lestegás para reafirmar que o PP “non nos gusta a política de vivenda deste goberno”, e deseguido enumerar algunhas das propostas populares como a creación dun banco público de vivenda ou a habilitación de vivendas en baixos nos barrios de Santa Marta e Conxo.
Ademais, Rosario Ferreiro criticou que no que vai de mandato non se puxo no mercado “nin unha soa vivenda pública e nada sabemos da Empresa Municipal de Vivenda”. Neste punto a edil puxo de novo sobre a mesa que “o Concello non lle cede parcelas á Xunta, e opta por mercantilizar solo público”.
Unha vez máis o concelleiro Lestegás defendeu que esa cesión non se produciu porque “a Xunta non aceptou que fose vivenda pública en alugueiro”, con carácter permanente. O concelleiro tamén matizou que dende o goberno local “somos escépticos coa política do PP”, na Xunta dende 1990, salvo nun período de catro anos, e aclarou que das vivendas que a Administración autonómica vai construír en Mallou “só o 20% vai ser vivenda pública”.
- Llegan de Gran Canaria con sus dos hijos de 3 y 4 años para hacer el Camino tras una depresión y acaban siendo 'el aliento' de otros peregrinos
- Muere ahogado en una playa de O Grove Carlos Nieves, histórico concejal del PSOE de Santiago que estuvo 24 años en Raxoi
- Muere a los 85 años de edad Hipólito Rodríguez Visos, fundador de la emblemática empresa Mármoles del Río
- Suspendido el mayor festival de música urbana de Santiago
- Gonzalo Míguez, profesor de Física Atmosférica en la USC: 'Si cambia el clima, tendrá que cambiar nuestra forma de cultivar
- Luis Zahera y Tamar Novas protagonizan la próxima apuesta de Netflix y no es 'Clanes': una película con Santiago muy presente
- «Comer los callos o la cabra era una tradición y también un privilegio»
- Fallece en Santiago Diana Katherine Ramos, la joven que había protagonizado una misteriosa desaparición diez años atrás en Albacete