Raquel Sendón, nova decana de Farmacia da USC: «Coa nova sede seremos tremendamente visibles»
A catedrática encara unha nova etapa marcada polo traslado á nova facultade e pola revisión do plan de estudos do grao

Raquel Sendón, decana da Facultade de Farmacia da USC. / Antonio Hernández

Raquel Sendón García (A Pobra do Caramiñal, 1975), catedrática de Nutrición e Bromatoloxía, vén de asumir o cargo de decana de Farmacia da USC, en substitución de Reyes Laguna Francia, actual vicerreitora de Ordenación Académica e Oferta Formativa. Ata o de agora vicedecana do centro, afronta a nova etapa co reto da actualización do plan de estudos do grao e o traslado da facultade ao novo edificio.
P. Como asume o cargo de decana de Farmacia?
R. Con moitas ganas de traballar, porque penso que é necesario, e tamén con optimismo. Creo que veñen tempos de cambio e espero que sexan positivos para toda a comunidade universitaria. E, por suposto, con responsabilidade, xa que temos retos moi importantes por diante.
P. Unha das súas grandes prioridades é a planificación do traslado ao futuro edificio docente da Facultade. En que punto real se atopa hoxe o proxecto e que calendario manexa para facelo efectivo?
R. Polo de agora non dispoño de información detallada. Teño pendente unha reunión co vicerreitor de Economía e Infraestruturas, polo que estou á espera de que desde a Universidade nos actualicen o calendario. En todo caso, todo apunta a que o proxecto segue o previsto e que a obra estaría rematada no curso 2027-2028.
P. Mentres non chega a nova sede, que actuacións urxentes considera imprescindibles?
R. Neste edificio, que ten máis de cincuenta anos, son necesarias moitas actuacións. Atopámonos nunha situación moi precaria. Se entrase en detalle, necesitaría varias follas. En termos xerais, cómpre un mantemento integral de todo o edificio, xa que existen deficiencias derivadas do envellecemento da fachada e dos illamentos. Na reunión co vicerreitor tamén se abordarán as actuacións inmediatas que se poden levar a cabo, así como os seus prazos.
P. Que cambios necesita a titulación para responder ás novas demandas profesionais e sanitarias?
R. Temos que adecuarnos a unha normativa que está a piques de cambiar. É inminente a publicación dunha modificación da orde que regula os coñecementos que deben adquirir os estudantes do grao en Farmacia. Cando chegue ese momento, teremos que comezar a analizar que contidos debemos incorporar. Ademais, tamén é un reto —como xa sinalei no meu discurso de candidatura— integrar a intelixencia artificial e avaliar de que ferramentas dispoñemos para facer fronte ao elevado absentismo do estudantado.
P. Sinalou tamén a necesidade de reforzar os mecanismos de coordinación docente.
R. Neste eido teño pendente analizar con máis detalle como actuar de maneira efectiva. En todo caso, considero que é fundamental reforzar a coordinación a través dun maior contacto persoal: falar directamente co profesorado e fomentar a súa implicación nas reunións convocadas, asegurando a súa asistencia. Estas reunións son tamén un espazo de encontro e de coñecemento mutuo, xa que en moitos casos o profesorado apenas se coñece. As persoas con máis traxectoria si teñen relación entre si, pero o profesorado máis novo non sempre. Ademais, moitos imparten docencia en distintos centros, o que dificulta esa interacción. Por iso, creo que é clave comezar a estreitar eses lazos e potenciar unha comunicación máis directa e fluída.
P. Sobre a mobilidade académica: por que custa aínda que máis estudantes de Farmacia participen en programas internacionais e que medidas propón para revertelo?
R. No noso caso particular temos unha elevada taxa de mobilidade saínte, pero onde estamos a ver que temos un punto máis fraco é na captación de estudantado de fóra. A miña primeira acción está encamiñada a facer pública toda a información que temos dispoñible na páxina web do centro, para que así quen se plantexe vir a Santiago a cursar un ano ou un semestre do grao en Farmacia vexa de xeito claro aspectos como con que universidades temos convenios e quen son as persoas que interceden e axudan cos mesmos. Cuestións prácticas que poden favorecer que poidan vir. Logo hai cuestións que se escapan da nosa acción, como pode ser o custo elevado do alugueiro en Santiago.
P. Tamén fala de optimizar o Sistema de Garantía de Calidade do centro. Traducido ao día a día do alumnado: en que melloras concretas se vai notar?
R. Probablemente o alumnado en si non perciba nin a complexidade nin o cambio. Cando chega unha convocatoria de calquera cuestión, para o alumnado xa está todo feito. Trátase de preparación de documentación que require coñecemento de moitas normas, labor de traballo para o PTXAS e para quen diriximos o centro. A simplificación pode afectar no sentido de que, se a nosa carga de traballo é lixeiramente menor, seremos máis áxiles. E así podemos ter máis tempo para facer visible a información.
P. Existe suficiente tecido empresarial e sanitario en Galicia para ofrecer prácticas externas con calidade ao estudantado?
R. Creo que temos un moi bo tecido empresarial relacionado co eido farmacéutico e, ademais, penso que está implicado. Con todo, iso non significa que non se poida ampliar aínda máis. Temos programas que nos permiten ter estudantes de prácticas non só en farmacia hospitalaria, que é obrigatoria, senón tamén en optativas en centros de saúde, en cooperativas terapéuticas e en espazos da Consellería de Sanidade.
P. A Facultade de Farmacia foi historicamente un referente da USC. Que precisa hoxe para volver ser un dos seus grandes buques insignia?
R. Evidentemente, a nova sede vai axudar. Pero penso que temos todo o que precisamos: estudantado con ganas e persoal moi implicado. Necesitamos quizais un pouco máis de apoio da nosa administración en relación cos recursos económicos. Con todo, as deficiencias da sede fixeron que fixeramos todos un gran esforzo; entón, coa nova sede seremos tremendamente visibles. No presente, para nós é moi triste que se pense que neste edificio non hai ninguén.
P. E ao remate do seu mandato, cal sería o logro que lle gustaría ter acadado?
R. A nosa facultade ten que ser unha seña de identidade desta institución. Xa o somos, pero penso que temos que facer visible todo o noso traballo e que o noso estudantado sinta que pertence a unha gran comunidade, que é a nosa facultade, porque penso que se senten un pouco orfos. E por último gustaríame acadar una acreditación institucional para o noso centro.
- Un gallego licenciado en la USC, nuevo presentador de ‘Directo al grano’ tras la llegada de Gonzalo Miró a ‘Malas Lenguas’ en sustitución de Jesús Cintora
- Muere Luciano Pérez Villar, 'Chano', histórico referente de la hostelería compostelana
- María Meijide, la última vecina de un histórico edificio del Toural, deja Santiago: “Unha parte moi importante do meu traballo está aquí”
- Denuncia que cierran en Santiago su ciclo de FP a un curso de terminar sin darle opciones
- A menos de una hora de Santiago: los 5 mejores lugares para ver el eclipse total del 12 de agosto
- Una familia, 24 personas y 110 km: “Para mí el mérito es habernos juntado”
- La heladería que conquista a los peregrinos de Santiago con un sabor único en el mundo: 'Tenemos que reponerlo dos veces a la semana
- La lluvia desata una mañana caótica en Santiago y Oroso: tres accidentes con dos vehículos volcados en menos de una hora