Vida para os barrios
Xantar popular en Sar: «Unha festa para a veciñanza»
O días 1 e 2 de maio, con protagonismo do sábado, o campo da Colexiata de Sar foi o escenario dun xantar popular polo día do Traballador. Un encontro de veciños, achegados e peregrinos para facer boca entre o San Blas e A Nosa Señora

«Más allá del mar habrá un lugar donde el sol cada mañana brille más». Cantaba o gran Nino Bravo e soaba este sábado no campo da Colexiata de Sar, nunha versión entre ‘verbeneira’ e electrónica no comezo da sesión vermú do Xantar do Traballador. Un encontro popular no que no inicio, meteoroloxicamente, non só non brillaba o sol, senón que chovía, pero si brillaba o ánimo da veciñanza do barrio de Sar, que como bos picheleiros non lle teñen medo á chuvia e si teñen gusto pola festa, polo que non fallaron á cita.
Dende as dúas da tarde, The Voice (Néstor Peña e Santi Pulido) puxéronlle música á sesión previa ao xantar popular ao que asistiron arredor dun cento de persoas e que contaba cun menú infalible, máis alá da música: polbo á feira e carne ao caldeiro. Un Xantar polo Traballador que organizou a Comisión de Festas de Sar para darlle un bocadiño de festa aos veciños entre o San Blas (3 de febreiro) e A Nosa Señora (15 de agosto). «Unha festa para a veciñanza do barrio», contáballe a EL CORREO GALLEGO a presidenta da comisión, Antía Antelo Giadás, ao tempo que desexaba que o tempo permitise pasar un bo xantar e un bo «tardeo» e deixase de chover, como así aconteceu.
Veciños, amigos e peregrinos
A este xantar popular estaba prevista a asistencia de arredor dun cento de comensais, pero máis alá da intencionalidade da comisión, «unha festa para a veciñanza de Sar», e como non podía ser doutro xeito, había non só veciños deste barrio compostelán senón amigos destes residentes no barrio da Colexiata, achegados, curiosos e mesmo peregrinos.
Foi o caso de Jose e Fani, asturianos que viñeron facendo o Camiño de Inverno dende O Barco de Valdeorras, el andou xa en catro ocasións a Ruta Xacobea, no caso dela era a primeira vez. «Vimos los carteles», comentaron para xustificar a súa presenza na sesión vermú: «Ides quedar ao xantar?», «Claro que si!» foi a rotunda resposta. «El Camino es un completo», comentaba Jose, «te encuentras contigo mismo, te superas, te valoras... es auténtico. Pero también nos gusta integrarnos en la cultura, tratar con la gente del barrio».
A xente do barrio de Sar coa que se mesturou este sábado a parella de peregrinos chegaba tamén das formas máis diversas. Uns sabían da motivación do xantar e valoraban o traballo da comisión, buscando organizar celebracións entre unha e outra festa do barrio: «É unha boa comisión», comentaba un dos asistentes, mentres outros afirmaban tamén que «non sabemos moi ben por que temos este xantar popular, pero polo menos achégamonos a pasar o tempo no campo, que nos días da festa pouco paramos».
Xunto a veciños, peregrinos, amigos e achegados do barrio estiveron tamén na festa a concelleira titular dese departamento, Pilar Lueiro, e os edís do Partido Popular Borja Rubio e Nerea Barcia. Só esta última foi quen de atreverse a formar parte da coreografía popular, dirixida por The Voice, para danzar O Cabaliño.
As vésperas e as seguintes
O xantar popular da Colexiata de Sar era a cita grande, pero a festa non se fixo agardar ata as 14 horas do sábado, xa na véspera houbo verbena e música até a madrugada. Actuaron Aires de Broña, Marcos Magán, Luciano Masaro e os DJs Ariax e Javi S. Antía Antelo valoraba moi positivamente o éxito de convocatoria, «sobre todo para a xente máis nova», que encheu o campo da festa na sesión vermú e sobre todo na sesión nocturna.
O sábado, a sobremesa e o ‘tardeo’ prolongáronse canto puideron, pero o Sar non descansa. En xuño outra festa, desta volta o primeiro domingo coa tradicional cita do gaiteiro Carlos Núñez na Colexiata de Sar (con entradas xa á venda en Ataquilla.com), dentro da súa xira Lugares máxicos. E descansando o barrio facendo festa noutros lares: en maio na Ascensión e en xullo no Apóstolo, xa logo chega agosto, o día grande, o 15. E volve a celebración para os que proclaman aquilo de «Eu, de Sar de toda a vida», un festexo ao que están convidados tamén os que non son de Sar de toda a vida.
- La panadería con una de las empanadas más famosas de Santiago: 'Uso a mesma masa coa que fago o pan
- Una casa de Santiago, entre las finalistas de los Premios Arquitectura 2026
- Violento asalto a una vivienda en Santiago: herido un vecino de Vista Alegre tras enfrentarse a dos individuos
- Fallece el empresario Isaac Rosón Ferreiro, hermano de la socialista Mercedes Rosón y padre del director xeral de Pesca de la Xunta
- Extraordinarios en las aulas de Santiago: «La clave es tener un buen método de estudio y no encerrarse demasiadas horas»
- Renfe estrena este miércoles el primer AVE directo Santiago-Madrid sin parada en Castilla y León
- Los vecinos de Conxo alertan de que la senda entre Santiago y O Milladoiro incumple normas de Patrimonio
- Santiago moviliza a 500 jóvenes para animar al papa León XIV a que peregrine a Compostela en el Año Santo 2027
