Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Lingua galega

A revolución do Correlingua toma Santiago: "Defender e coidar o galego é moi bonito"

A Alameda de Santiago acolleu a recepción a alumnado de centros de ensino de toda a provincia para celebrar e reivindicar a lingua galega

Manu López

Manu López

Santiago

A celebración da lingua galega converteuse este martes en revolución na Alameda de Santiago coa festa do Correlingua, que acadou a súa 26 edición involucrando o alumnado dos centros de ensino de toda a provincia. Baixo o lema 'Co galego no corazón, facemos revolución', a rapazada encheu o Paseo Central para deixar claro que a mellor maneira de defender o galego é empregalo en todos os ámbitos.

Reivindicación do galego "arredor do mundo"

Así o explicaba Nerea, do CPI de Zas, quen afirmou que "defender a nosa lingua e coidar dela é moi bonito. Falo en galego todos os días na casa, no instituto, en todos os sitios". Do mesmo centro chegaba Lois, que comentou que "é importante participar no Correlingua para reivindicar o uso do galego, que se debe falar en todos os sitios de Galicia, e por que non, arredor do mundo". Presentes tamén estiveron os centros composteláns, como o IES Antonio Fraguas, onde estudan Ángela e as súas compañeiras, que destacaron que ademais da xornada de hoxe foi "moi divertido" participar en actividades como a elaboración de pancartas ou poemas.

Precisamente, nas pancartas non faltou imaxinación e, ademais do lema desta edición, puideron lerse frases como "Saca a lingua que levas dentro"; "Na escola, no patio, na rúa, a lingua é túa"; ou o "Nós tamén navegar" inspirado no poema de Xohana Torres, acompañado da imaxe de Begoña Caamaño, autora homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas.

Acto na Alameda

Durante o acto de recepción da rapazada, conducido pola actriz Isabel Risco desde o palco da música da Alameda, houbo entrega de premios aos centros participantes e mesmo foi parabenizada polo seu aniversario Aroa, unha alumna do colexio Agro do Muíño de Ames.

Nos discursos institucionais, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, proclamou que a xente de fóra que chega a Compostela tamén quere falar galego. "Así que se o din os que veñen de fóra, se o din as persoas que chegan aquí, que temos que facer nós?", preguntou, ao que a multitude contestou ao unísono "falar galego!".

Pola súa banda, a deputada provincial de Lingua, Sol Agra, celebrou que "aínda queda mocidade coma vós, mocidade activa que se rebela e que fala na lingua propia". Tamén interviron outras entidades organizadoras do Correlingua, como a CIG e a Mesa pola Normalización Lingüística.

Tracking Pixel Contents