Vén o maio máis agardado
Tanxugueiras abre as festas da Ascensión e presenta ‘O Cuarto’ no arranque da celebración máis agardada polos picheleiros
Do 12 ao 17 de maio Compostela celebra as súas festas pero as atraccións xa chegan á Alameda o día 8, tamén a nora

Tanxugueiras durante a súa actuación o ano pasado nas festas da Ascensión / Jesús Prieto
O trío Tanxugueiras abre as Festas da Ascensión o día 12 de maio cun espectáculo na Praza do Obradoiro (de 19 a 21 horas) no que, entre outras sorpresas, coincide co lanzamento do seu último disco ‘O Cuarto’. As cantareiras únense así a un cartel das Festas da Ascensión que suma alén das citas tradicionais coma os cabezudos ou a Feira Cabalar, músicos como Mondra ou o picheleiro Kike Varela.
As festas celébranse do 12 ao 17 de maio pero as atraccións xa se instalan o venres 8 “tamén a nora grande, que todo o mundo pregunta”. Falaba así na rolda de presentación de parte do programa da Ascensión a concelleira de Festas, Pilar Lueiro. A edil adiantou tamén as datas e horarios inclusivos (sen música e iluminación para respectar as persoas neurodiverxentes) os días 8, 16 e 17 de maio de 17 a 19 horas.
O programa
Como é habitual, no marco das festas máis picheleiras terá lugar Los 40 Santiago Pop, que traerán a grandes nomes como as extriunfitas Chiara Oliver e Ruslana, Marlon, Samuraï, Daniela Blasco, Kenneth, O Xoán, Tapa D'Orella e ao DJ compostelano Kike Varela xunto a Álvaro Puga. A cita será na Praza da Quintana, o mércores 13 de maio a partir das 21.00 horas.
O xoves, día da Ascensión, a Banda Municipal de Música tocará na Praza da Quintana. É a data das citas tradicionais, xunto á banda sairán a desfilar os cabezudos, en Amio sera a Feira Cabalar e na cidade vella Folk na Rúa, coas agrupacións compostelás Ultreia, Bricadeira, Cantigas e Agarimos e a Agrupación Folclórica de Sar. E tamén no día grande das festas, a única actuación xa anunciada co “cantareiro” Mondra.
Ao día seguinte chega ás 20.30 horas á Quintana o ComposFest, cuxo cartel está aínda por desvelarse, e o tradicional Torneo de Chave. Unha cita clásica na Ascensión, como tamén o é a Festa dos Maiores, no recinto feiral de Amio.
Os vehículos clásicos volven a Área Central o día 16 e no ámbito deportivo levarase a cabo o Campionato Galego de Espada. E mentres tanto, en Belvis, unha nova edición da Romaría das Flores, que se estenderá até o día seguinte, con sesión vermú.
O día 16 é tamén a data do Son Estrella Galicia, cuxo programa se presenta estes días pero do que xa sabemos que formará parte Alba Reche.
A última xornada de Festa será o 17, Día das Letras, coa XXV Carreira da Ascensión, en bicicleta con Latexo Percusión facendo pasarrúas e co espectáculo, na Quintana, ‘Circe e Morganas’, en celebración da homenaxe das letras galegas a Begoña Caamaño.
Nesta Ascensión 2026 non faltará o teatro, nin as orquestras na Alameda, nin os Cantos de Taberna.

Cartel de Sara Romero das Festas da Ascensión de 2026 / Concello de Santiago
Cartel de Sara Romero
No tocante ao cartel desta edición, é autoría de Sara Romero, compostelá graduada en Belas Artes. “O cartel nace da idea de movemento: de ir todos cara á festa, como unha invitación colectiva a vivir a Ascensión”, explicou Pilar Lueiro, e engadiu que a composición se constrúe arredor dunha figura central que camiña acompañada polo ambiente festivo.
Xunto a figura central aparecen outros elementos representativos de Compostela e das súas festas como son os cabezudos, a música tradicional, o pichel ou o polvo á feira, tan presente estes días na Alameda. Completan a imaxe o palco da música e a nora, ese primeiro sinal que anuncia a todo compostelán a chegada das festas.
- La panadería con una de las empanadas más famosas de Santiago: 'Uso a mesma masa coa que fago o pan
- Una casa de Santiago, entre las finalistas de los Premios Arquitectura 2026
- Violento asalto a una vivienda en Santiago: herido un vecino de Vista Alegre tras enfrentarse a dos individuos
- Fallece el empresario Isaac Rosón Ferreiro, hermano de la socialista Mercedes Rosón y padre del director xeral de Pesca de la Xunta
- Extraordinarios en las aulas de Santiago: «La clave es tener un buen método de estudio y no encerrarse demasiadas horas»
- Renfe estrena este miércoles el primer AVE directo Santiago-Madrid sin parada en Castilla y León
- Los vecinos de Conxo alertan de que la senda entre Santiago y O Milladoiro incumple normas de Patrimonio
- Santiago moviliza a 500 jóvenes para animar al papa León XIV a que peregrine a Compostela en el Año Santo 2027
