Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Rosa Crujeiras asina no libro de Honra

Da vivenda ao estado do campus: retos da nova folla de ruta entre USC e Concello

Rosa Crujeiras e Goretti Sanmartín mantiveron en Raxoi un primeiro encontro institucional no que destacaron a importancia de reforzar a colaboración e abrir novas vías de traballo conxunto

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

O Salón Vermello do Pazo de Raxoi acolleu este mércores a recepción institucional á reitora da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras, nun acto no que Concello e Universidade escenificaron a súa vontade de reforzar a colaboración e avanzar na transferencia de coñecemento á sociedade.

Durante a súa intervención, tras asinar no Libro de Honra, Crujeiras leu o texto que acababa de deixar escrito, no que puxo en valor o papel histórico e identitario da Universidade na cidade: “A historia e identidade de Santiago constrúense en boa parte grazas á súa universidade. Unha universidade que habita a esta cidade e lle dá nome e que enche as súas rúas de historias de vida. Unha universidade que xera e transmite coñecemento. Unha universidade que debe ser vacina contra o non lugar. Porque Santiago é tamén Universidade”.

A reitora incidiu na necesidade de abrir a USC á cidadanía. "Hai que crear espazos de diálogo e de confianza. Niso nos poñemos ao servizo do Concello para ir traballando nesa liña e abrir as nosas portas á cidadanía de Compostela e axudar a construír comunidade”, incidiu.

Neste sentido, defendeu o papel da Universidade como axente clave no desenvolvemento económico e social. “A Universidade de Santiago ten que ser nesta cidade un motor de transformación. Temos que transferir o coñecemento e apoiala no seu progreso económico. Somos xeradores de emprego, pero podemos axudar a todo o tecido empresarial a labrar un novo futuro”, declarou.

Pola súa banda, a alcaldesa Goretti Sanmartín, destacou que esta primeira visita oficial serviu para definir as liñas de traballo conxuntas: “É un pracer recibir a Rosa Crujeiras, primeira reitora da Universidade de Santiago", manifestou. Sanmartín apostou por consolidar e ampliar a cooperación en distintos ámbitos: “Falamos de continuidade en traballos que teñen que ver coa colaboración en áreas como o aproveitamento de infraestruturas, actividades culturais, a aposta pola igualdade e o fomento da economía social”. Ademais, subliñou como prioridade que “o coñecemento da Universidade se poida transferir de maneira directa á sociedade e ao concello do que forma parte”.

Entre os eixos xa en marcha, a alcaldesa destacou “a asistencia no que ten que ver co novo modelo turístico, o deseño de estratexias verdes e a loita contra o cambio climático”, e avanzou que “se retomarán as reunións habituais” entre equipos de ambas institucións para impulsar novos proxectos.

Precisamente, a emerxencia climática e a sustentabilidade figuran entre os grandes retos sinalados pola reitora, que tamén puxo o foco na diversificación económica a través da innovación: “A creación de empresas de base tecnolóxica en distintos sectores na contorna de Santiago podería axudar á diversificación das bases económicas”, dixo. Xunto a isto, apostou por “abrir os nosos espazos e que sexan espazos de convivencia coa cidade”.

Crujeiras asinando no libro de Honra.

Crujeiras asinando no libro de Honra. / Jesús Prieto

Outro dos asuntos abordados foi o estado e a xestión do campus universitario. Segundo explicou Sanmartín, “os equipos técnicos da Universidade e do Concello” traballan xa para delimitar responsabilidades no mantemento e ordenar os espazos. A vivenda é outra das prioridades. Ao respecto, a alcaldesa apuntou que a declaración de zona de mercado residencial tensionado podería "facilitar" a aplicación de medidas para favorecer a residencia en Santiago.

O acto incluíu tamén a entrega dun agasallo institucional á reitora: un volume da exposición Antifémina, actualmente no Auditorio de Galicia, de Colita e Maria Aurèlia Capmany.

Dúas mulleres e un home compiten polo Reitorado da Universidade de Vigo

En relación coas eleccións ao reitorado da Universidade de Vigo, que se celebran este mércores en primeira volta con tres candidatos —Belén Rubio, Carmen García Mateo e Jacobo Porteiro—, Rosa Crujeiras reivindicou o avance das mulleres en postos de responsabilidade: “Non fun moi consciente do que supoñía ser a primeira reitora, pero ao longo destas semanas vin a importancia que ten que mulleres cheguemos a postos de responsabilidade. A miña máxima nestes anos é non ser a última”.

Tracking Pixel Contents