Persoal municipal
Raxoi precisa que nos próximos meses cubrirá 12 prazas de bombeiros
Manuel César responde á denuncia do PSOE, na que acusaba o Concello de incumprir o seu compromiso por convocar solo tres: "Hai un erro no título"

Un camión dos Bombeiros de Santiago durante unha intervención / ECG

Santiago cubrirá nos próximos meses doce prazas de bombeiros, tres da categoría C2 e nove da categoría C1. O concelleiro de Facenda, Manuel César, precisou este mércores o número de vacantes que ten previsto cubrir o goberno local despois de que o PSOE denunciara un incumprimento do seu compromiso por entender que só tiña publicadas as bases para a cobertura de tres postos.
"Se ben é certo que no título había un erro, e só aparecían as tres prazas do C2, despois se ledes o BOP (Boletín Oficial da Provincia) completo, aparecen as nove prazas tamén do C1 convocadas, o que pasa é que hai un erro material", matizou César. "As prazas de bombeiros están convocadas, faltaría publicalas no DOG (Diario Oficial de Galicia) e no BOE (Boletín Oficial do Estado) e abriríase o período para que poidan presentar instancias e desenvolver o proceso selectivo", engadiu respecto dos próximos pasos a seguir.
Prazas doutros servizos municipais
Na súa crítica, a edil socialista Marta Abal tamén indicaba que están sen executar as ofertas de emprego público de 2023, 2024 e 2025 para a cobertura de postos doutros servizos da administración municipal. Sobre este punto, César sinalou que "nestes momentos estamos traballando na oferta de 2026, a oferta máis antiga que temos sen convocar é a de 2023, que temos de prazo ata decembro, e agardamos convocala nos próximos meses".
O concelleiro engadiu que "a idea é tamén xuntar varias ofertas por motivos de economía de medios e tamén a nivel de xestión para non ter que desenvolver unha única oferta". En todo caso, para bombeiros e policías "están convocados os procesos selectivos", subliñou.
Sentenza sobre o interventor
O titular de Facenda deu conta desta cuestión nunha comparecencia para informar sobre a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) coñecida a semana pasada que obriga a revisar a denegación dunha prórroga na xubilación para continuar no seu posto ao anterior interventor municipal, unha decisión tomada pola xunta de goberno local no ano 2024. O fallo xudicial ordena retrotraer o procedemento ao momento no que se adoptou esa decisión para que se emita un informe por parte da xefatura de Persoal e unha nova resolución.
O TSXG entende que no expediente non figura o informe da área competente na materia, entendendo que esta é a de Persoal, mentres que Raxoi defende que si se cumpriu este trámite, xa que sostén que ese departamento é o de Administración, unha interpretación que compartía o fallo emitido en primeira instancia.
César sinalou que o Concello ten sobre a mesa a posibilidade de acatar o fallo do TSXG ou presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo, unha decisión que aínda non está tomada.
- Borja Verea aspira a gobernar Santiago en 2027: «Un alcalde ten que ser útil»
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- Ni Ensanche ni Casco Histórico: los barrios de Santiago en los que el alquiler se come casi la mitad de la renta familiar
- No son peregrinos. Son chavales de fiesta': El Barroquista cuestiona el turismo de Santiago
- Una familia, 24 personas y 110 km: “Para mí el mérito es habernos juntado”
- La heladería que conquista a los peregrinos de Santiago con un sabor único en el mundo: 'Tenemos que reponerlo dos veces a la semana
- Una panadería de Santiago se cuela entre las mejores de España: 'Empecé vendiendo hamburguesas en Venezuela
- Los políticos compostelanos se toman un descanso: retorno a las raíces para desconectar de Raxoi