Pleno extraordinario en Raxoi
Santiago aproba os orzamentos de 2026, os máis alto da historia pese a división política
A Corporación desestima as alegacións presentadas e permite a entrada en vigor das contas unha vez sexan publicadas no BOP
O Bipartito logra o visto bo co apoio das non adscritas, que manteñen a posición da moción de confianza

Votación no pleno extraordinario para a aprobación definitiva dos orzamentos de Santiago, celebrado este mércores en Raxoi / Cedida

O pleno de Santiago deu luz verde definitiva este mércores aos orzamentos municipais para 2026 nunha sesión extraordinaria na que foron desestimadas as alegacións presentadas e corrixidos os erros do borrador inicial. As contas saíron adiante sen votos en contra neste último trámite, no que as concelleiras non adscritas manteron a posición adoptada na moción de confianza e confirmaron o seu apoio ao "mal menor" que para ao seu xuízo representa a proposta de BNG e Compostela Aberta. Ademais, o PP abstívose nas dúas votacións, mentres que o PSOE fixo o mesmo na primeira e optou polo 'si' na segunda.
Desta maneira, os orzamentos entrarán en vigor cando se produza a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A cifra para este exercicio ascende a 148,5 millóns de euros, o que supón un incremento do 1,64 % respecto a 2025. Incluíndo as entidades do sector público municipal, alcanza os 152 millóns. O capítulo de investimentos descende un 50 %, ata os 6,3 millóns de euros, que se completan con algo máis de 2,6 procedentes de baixas producidas en anos anteriores.
Alegacións desestimadas
O concelleiro de Facenda, Manuel César, explicou que as alegacións foron desestimadas pola oficina orzamentaria ao non encaixar nos supostos legais previstos. A primeira delas era a reclamación dun funcionario de cambiar de grupo profesional, mentres que as outras dúas chegaron da asociación veciñal Sandra Prego Rial de Pontepedriña. A entidade solicitou que nos investimentos se incluíse a reurbanización da Rúa Samos, o mantemento, accesibilidade e seguridade de infraestruturas e sevizos nos grupos de vivendas Compostela e Cardenal Quiroga e a reposición do alumeado da área deportiva da zona.
César apuntou que as alegacións da asociación "foron inadmitidas porque non existe ningún procedemento de contratación nin sentenza firme que obrigue a executar estas obras". En calquera caso, indicou que "tentaremos levar adiante estas reclamacións coas partidas establecidas no orzamento".
A oposición tamén se mostrou favorable á demanda veciñal e levaron o debate político de novo ao contido do proxecto orzamentario e á moción de confianza superada pola alcaldesa para poder sacalo adiante. Mercedes Rosón destacou que as non adscritas manteñen o seu voto a favor do "mal menor" para dar resposta ás peticións que lles fixeron veciños e colectivos de favorecer a entrada en vigor das contas, unha posición "máis responsable que mediática". A concelleira proclamou que "mantemos a crítica" e que o apoio non supón "lexitimar" os orzamentos.
Polémica entre non adscritas e PSOE
Rosón tamén reivindicou que o respaldo a Goretti Sanmartín na cuestión de confianza debatida o pasado 26 de marzo serviu para descartar unha posible moción de censura, na que non ían participar, un argumento que aproveitou para atacar o seu antigo partido, afirmando que "nin somos tránsfugas nin nos vendemos por catro pesetas, como si fixeron os nosos compañeiros do PSOE que agora seguen no grupo socialista precisamente por iso".
Marta Abal defendeuse desta acusación asegurando que "nunca lle contestamos porque este ámbito non nos parece o apropiado, pero nin vendidos nin desleais", denunciando que os edís expulsados do PSOE realizan descalificacións públicas cara o seu grupo "pleno si e pleno tamén".
Orzamentos "sen ambición"
Máis alá desta polémica, Abal xustificou a abstención da súa formación sobre as alegacións -na corrección de erros votaron a favor- polas mesmas razóns que propiciaron adoptar esa posición na cuestión de confianza. As demandas da asociación veciñal "poñen de manifesto" que son unhas contas "sen ambición", segundo dixo a concelleira. Ademais, a caída dos investimentos reflicte que "non é o orzamento do impulso nin da transformación, é o orzamento da resignación, da parálise e tamén evidencia a ausencia dun proxecto para Santiago". "Hai que planificar mellor e priorizar os recursos públicos, aí é onde este goberno falla", engadiu.
Quen mudou a súa posición respecto da moción de confianza foi o PP, que pasou de votar en contra a absterse neste último trámite. Rosario Ferreiro apuntou que "son os orzamentos máis tardíos, centrados en cubrir a subida do gasto corrente e coa maior caída do investimento en 15 anos". Ademais, tildounos de "idealistas" porque conteñen "máis multas e impostos, que semella que se pintan a demanda para conseguir que os números cadren".
Ferreiro remarcou que as contas "non traen nada novo", advertindo como "única novidade" os proxectos financiados con fondos EDIL, dos que dubidou que se vaian cumprir os prazos establecidos nestas axudas europeas. Así, aseverou que "falla o modelo de cidade, estamos ante un goberno que se limita a xestionar o día a día" e concluíu que é "un orzamento de subsistencia, sen ambición e sen proxecto de futuro".
Suscríbete para seguir leyendo
- Primer AVE ‘directo’ de Santiago a Madrid sin paradas intermedias en Castilla y León
- Luto en el CHUS y en la Universidad de Santiago por la muerte de la conocida doctora Chelo Astorgano
- Santiago estrena terraza secreta: un oasis de paz junto al río Sarela para desconectar al atardecer
- Los dueños de fincas en el Ensanche Norte pueden renunciar a la expropiación a cambio de participar en el desarrollo urbanístico de la zona
- Cincuenta estudiantes son reconocidos por su esfuerzo académico en la residencia Almirante Martorell de Santiago
- Siete operarios y una semana de trabajo para montar la noria de la Ascensión en Santiago: 'Es una de las más grandes de Europa
- Santiago reconstruida en digital: la ciudad que vuelve a existir en 3D
- La Guardia Civil investiga a dos personas por el uso fraudulento de una tarjeta de tacógrafo en Santiago