Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Conservación patrimonial

Do Arco de Mazarelos ás capelas da Catedral: Raxoi aproba a restauración de elementos emblemáticos do patrimonio santiagués

Limparase o único arco da muralla compostelá que permanece no seu lugar orixinal, ademais de eliminar elementos "descontextualizados" e repararanse as cubertas da ábsida catedralicia

Arco de Mazarelos

Arco de Mazarelos / Antonio Hernández

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago de Compostela

A xunta de goberno local aprobou este luns o proxecto de execución “para limpeza, restauración e conservación do Arco de Mazarelos”. Un plan que foi elaborado e vai desenvolver a oficina técnica do Consorcio de Santiago. A concelleira Míriam Louzao explicou que se vai actuar “nos paramentos, para a consolidación da fábrica e a eliminación das vías de auga de chuvia da parte superior e tamén dos encontros dos edificios lindeiros”.

O proxecto conta cun orzamento de execución de 51.436 eutos e un prazo de catro meses e prevé “a eliminación ou recolocación de todos os elementos descontextualizados, como a cablaxe, as placas ou a varanda superior”. Louzao lembrou que este arco e o único da muralla compostelá que permanece no seu lugar e de que por el entraban á cidade “o viño do Ribeiro e o cereal de Castela”, así coma outros produtos comerciais dos arredores, coma a comarca da Ulla.

Arco de Mazarelos

Arco de Mazarelos / Antonio Hernández

A ábsida catedralicia

Cun orzamento de 281.394 euros e un prazo de execución de 7 meses, a xunta de goberno local celebrada este luns deulle luz verde á “restauración das cubertas absidiolas” da Catedral de Santiago. A concelleira Míriam Louzao especificou na súa comparecencia de prensa que a xeometría destas cubertas é irregular, polo que se estaban a producir filtracións de auga que se van resolver con estas actuacións.

“A Catedral conta cun plan director que foi aprobado no 2009 e que recolle un estudo das patoloxías existentes no edificio e ordena as propostas da actuación clasificándoas segundo as súa prioridade e sitúa entre as prioridades secundarias as referidas ás cubertas das capelas da ábsida”, explicou Louzao.

A edil aclarou tamén que dende a restauración do Pórtico da Gloria en 2010 e até 2021 xa se realizaron “diferentes actuacións nas cubertas que agora se completan coas zonas que quedaran se restaurar” na cabeceira do templo, como a sacristía da Capela de San Pedro, a Capela da Concepción da Prima e a da súa sacristía ao carón da capela románica de San Bartolomeu ou a capela do Espírito Santo. Ademais, o proxecto prevé actuar nas fiestras exteriores dalgunha delas.

Apoio ás vítimas de violencia

A Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home recibiu xa de Raxoi a licenza para reformar a edificación que será a Residencia de Atención Integral para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero. Trátase dun proxecto que conta cun orzamento de execución de 481.477 euros.

Segundo explican dende o goberno local as actuacións realizaranse nun inmoble de tres plantas cunha superficie construída total de algo máis de 400 metros cadrados. O edificio distribuirá na planta baixa os espazos comúns, instalarase un ascensor e os dormitorios, 11 en total, ocuparán as restantes plantas. Coa reforma mellorarase tamén a accesibilidade e a eficiencia enerxética do inmoble.

Horizonte Compostela

A xunta de goberno aprobou tamén a proposta da Unidade de Xestión de Fondos Externos sobre a senda financeira asignada ao Plan de acción Horizonte Compostela. Trátase dun proxecto para asignación de fondos Feder ao Plan Horizonte Compostela que recolle actuacións incluídas na Axenda Urbana de Santiago en relación coa zona norte da cidade.

A contía asignada a este proxecto dende Europa é de 8,7 millóns de euros, o que eleva o investimento público do mesmo as 14,5 millóns. Agora, para acceder ás actuacións cofinanciadas o Concello pasa a ser organismo intermedo lixeiro (OIL), para o que deberá desenvolver o documento de funcións do órgano e mais o manual de procedementos do mesmo.

Festa dos Maiores en Amio

Noutra orde de cousas, o goberno local tamén adxudicou na xuntanza deste luns o contrato para o xantar da Festa dos Maiores, que será o vindeiro sábado 16 no Recinto Feiral de Amio. A adxudicataria é Casa Taboada, única oferta presentada, cun prezo por comensal de 34,21 euros.

A edil Míriam Louzao lembrou que o Concello comprometeu para esta actividade anual encadrada nas Festas da Ascensión un gasto total de 64.608 euros. Os prezos públicos para formar parte deste xantar quedou fixada nos 10 euros, achegando o Concello de Santiago a diferenza. As entradas para participar desta festa xa están á venda na billeteira do Teatro Principal de Santiago.

Tracking Pixel Contents