Dos orzamentos prorrogados á crise dos Ramón y Cajal: radiografía do primeiro Claustro da USC de Crujeiras
O máximo órgano representativo da comunidade universitaria quedou constituído este luns nunha sesión na que o valedor advertiu do maior número de queixas desde 1997

O Claustro Universitario da USC constituíuse este luns 11 de maio no Salón de Actos da Facultade de Dereito. / Santi Alvite

"Trataremos de que este Claustro sexa un espazo de diálogo, de escoita, de debate e de consenso co convencemento de que todos e todas traballaremos por esta Universidade". Así arrancou a constitución do Claustro Universitario da USC este luns 11 de maio nunha sesión extraordinaria no Salón de Actos da Facultade de Dereito.
O máximo órgano representativo da comunidade universitaria, que se elixe cada catro anos, quedou composto pola reitora Rosa Crujeiras, a secretaria xeral, Alicia Villalba, o xerente, Juan Díaz Villoslada, e 291 representantes dos distintos sectores da comunidade universitaria, quedando nove vacantes sen cubrir. Un total de 153 pertencen ao sector I, de profesorado doutor con vinculación permanente; 32 son membros das restantes categorías de persoal docente e investigador; 76 son alumnos/as e 30 pertencen ao sector IV, de persoal de administración e servizos. Tamén se elixiron os membros da Mesa do Claustro e da Comisión Electoral Central.
Unha vez constituído, en sesión ordinaria elixíronse representantes no Consello de Goberno e nas nove comisións do órgano de goberno universitario (Actividades Culturais, Asuntos Económicos, Titulacións e Ordenación Docente, Investigación, Internacionalización, Normalización Lingüística, Asesoramento e Axuda ao Valedor, Reclamacións, Desenvolvemento Estatutario.
"O curso 2024-2025 foi o que rexistrou un maior número de queixas desde 1997"
O Valedor da Comunidade Universitaria da USC, Miguel Alcaraz García, presentou o informe correspondente ao curso 2024-2025, no que tamén sinalou que mantivo recentemente unha reunión co novo equipo de goberno da Universidade.
Durante a súa intervención, Alcaraz García informou de que ao longo do curso se recibiron 76 consultas a través de diferentes medios. Segundo explicou, trátase de solicitudes de información e axuda que “non se traducen en queixas”. Arredor do 65% destas consultas proceden do estudantado e están relacionadas con cuestións de docencia e avaliación, así como con procedementos de xestión.
No que respecta ás queixas, rexistráronse un total de 99, das cales 12 non foron admitidas a trámite. O valedor destacou que cinco grandes ámbitos concentran arredor do 70 % das reclamacións. Entre eles figuran asuntos vinculados coa docencia e a avaliación académica, como o trato por parte do profesorado, a coincidencia de exames en día e hora ou a aplicación dos criterios de avaliación. Tamén se recollen queixas relativas a procedementos administrativos, nomeadamente sobre acceso á Universidade, matrícula, demoras na tramitación ou requirimentos de documentación. Outros bloques de reclamacións corresponden ao PDI e ao PTXAS, con cuestións relacionadas coas condicións laborais; ao ámbito dos estudos de mestrado e doutoramento, especialmente por non admisións derivadas do incumprimento de requisitos; e aos programas de intercambio solicitados polo estudantado, como Erasmus.
Alcaraz García subliñou que o curso 2024-2025 foi o que rexistrou un maior número de queixas desde 1997, ano no que a USC creou a figura do valedor universitario.
Desde a perspectiva do Valedor, “é preciso seguir facendo esforzos para facer efectivo o compromiso” da Universidade coa mellora do seu funcionamento, actuando sobre aqueles ámbitos nos que se detecten disfuncións. Neste sentido, apuntou á necesidade de adaptar a normativa aos novos contextos, o que pode implicar modificacións en textos como "a normativa de permanencia, a de avaliación ou os novos estatutos".
Entre as principais preocupacións trasladadas polo Valedor figuran a dificultade para atopar información na páxina web da Universidade e as demoras na resolución de determinados procedementos. “Non é defendible que pasen meses dende que o alumno se matricula ata que se lle comunica que hai erros na matrícula”, advertiu.
As novas liñas xerais de orzamento e a programación plurianual irán ao Claustro entre novembro e decembro
Pola súa banda, a reitora da USC, Rosa Crujeiras, agradeceu ao anterior equipo reitoral a colaboración prestada durante o proceso de transición, o que permitiu “manter a operativa da Universidade” neste cambio de etapa.
Crujeiras tamén avanzou algunhas das primeiras modificacións organizativas impulsadas polo novo equipo de goberno, entre elas a simplificación da estrutura directiva da Xerencia, que pasará a contar con tres vicexerencias centradas en persoal, economía e servizos á comunidade universitaria.

A reitora da USC, Rosa Crujeiras, e a secretaria xeral, Alicia Villalba. / Santi Alvite
En materia económica, a reitora explicou que a USC traballará durante 2026 con orzamentos prorrogados. “Non hai marxe para a súa execución”, advertiu, ao tempo que indicou que o equipo reitoral está revisando “polo miúdo” a situación económica da institución. As modificacións que se vaian realizando serán trasladadas ao Consello de Goberno e, segundo avanzou, entre novembro e decembro levaranse ao Claustro as novas liñas xerais de orzamento e a programación plurianual. O obxectivo é negociar en 2027 un novo plan económico.
Neste contexto, advertiu de dificultades especialmente nos capítulos II e VI do orzamento, correspondentes ao gasto corrente e aos investimentos. A este respecto, lembrou que segue en execución a primeira fase da Cidade da Saúde, aínda que cun “pequeno retraso”, e que tamén continúan os traballos relacionados coa Facultade de Xeografía e Historia. Ademais, recoñeceu que existen demandas de actuacións noutros centros universitarios e insistiu en que “é moi preciso investir non só nos centros, senón tamén nas residencias universitarias”.
Contratos Ramón y Cajal: "O equipo reitoral está estudando fórmulas para facilitar a incorporación deste perfil investigador"
No ámbito das titulacións, Crujeiras indicou que o Grao en Traballo Social non estará integrado na USC durante este curso, polo que o estudantado non poderá beneficiarse das bonificacións de matrícula. Tamén explicou que en Lugo aínda non se iniciaron os trámites para integrar Enfermaría e Relacións Laborais.
Outro dos asuntos abordados foi a situación dos contratos Ramón y Cajal, unha cuestión pola que a USC abre unha investigación interna. A reitora asegurou que o equipo de goberno adoptará “as medidas oportunas para evitar que isto volva producirse. “Somos conscientes de que isto afecta a moitas persoas que pretendían incorporarse á investigación e ten un custo reputacional importante”, afirmou. Engadiu ademais que o equipo reitoral "está estudando fórmulas para facilitar a incorporación deste perfil investigador", aínda que recoñeceu que, "cun escenario de orzamentos prorrogados, serían necesarios fondos adicionais".
A reitora tamén anunciou que a modificación dos Estatutos da USC se retomará “canto antes”, coa previsión de convocar un Claustro a comezos de setembro para avanzar neste proceso.
Finalmente, destacou como unha das noticias positivas para a Universidade a obtención por parte do CiQUS do selo María de Maeztu, e trasladou os seus “parabéns ás persoas que traballan no centro”.
- Compostela perde un dos seus activistas culturais: morre aos 52 anos Gonzalo Suárez Castro, da Unitaria
- Muere a los 85 años de edad Hipólito Rodríguez Visos, fundador de la emblemática empresa Mármoles del Río
- Suspendido el mayor festival de música urbana de Santiago
- Las fiestas de a Nosa Señora da Mercé de Conxo vuelven con música, pulpo y un emotivo homenaje a Kiko Fernández
- Christian Gálvez vuelve a Galicia: «Elegí Jacob para el ‘prota’ del libro que abre la saga como homenaje a Santiago»
- El pub de Santiago donde la gente se reúne para hablar de la muerte: 'Aquí nadie te juzga ni te mira raro
- El negocio de Santiago con 136 años que se adelantó a la venta online: 'El Internet de antes eran los buses
- De rodarse muy cerca de Santiago al ‘prime time’ de Antena 3: así es la serie que revive hoy en TV la Galicia del siglo XX