Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Día das Letras Galegas

A USC reivindica o legado feminista e literario de Begoña Caamaño

O Colexio de Fonseca conmemorou este martes 12 de maio o Día das Letras Galegas coa presentación dun volume que afonda nas múltiples facianas da escritora, xornalista e activista homenaxeada este ano pola Real Academia Galega

Pola esquerda, Ana Cabana, Chus Nogueira, Rosa Crujeiras, Goretti Sanmartín e Francisco Cidrás, no acto institucional co que a USC conmemora o Día das Letras Galegas.

Pola esquerda, Ana Cabana, Chus Nogueira, Rosa Crujeiras, Goretti Sanmartín e Francisco Cidrás, no acto institucional co que a USC conmemora o Día das Letras Galegas. / Santi Alvite

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

L.R.

Santiago

O legado de Begoña Caamaño, escritora, xornalista e activista a prol dos dereitos das mulleres, resoou este martes 12 no Colexio de Fonseca. No acto institucional co que a USC conmemora cada ano o Día das Letras Galegas, a reitora Rosa Crujeiras destacou a obra literaria e o labor xornalístico desta autora que ocupa “un lugar central da cultura galega contemporánea”, como recoñeceu a Real Academia Galega ao dedicarlle a celebración do 17 de maio, “non só polo que escribiu, senón polo modo ético e consciente no que exerceu a palabra”. “Caamaño reivindicou a palabra das mulleres, levando por bandeira na súa actividade o feminismo, a sororidade, a defensa da lingua e a xustiza social”, salientou a reitora.

O acto tamén contou coa participación da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e da vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana. A sesión incluíu ademais unha lectura dramatizada de fragmentos de Morgana en Esmelle a cargo de estudantes do grao en Lingua e Literatura Galega e unha actuación musical da artista Alba María.

O volume colectivo presentado no acto, Begoña Caamaño: mudar o mundo, cuxa edición correu a cargo da profesora da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, María Xesús Nogueira, e que acaba de ver a luz co selo Edicións USC, profunda na figura da creadora homenaxeada. “Lendo son todas as Begoñas posibles, lendo son máis Begoña”, afirmaba a propia Begoña Caamaño. Tomando esta frase como punto de partida, a profesora Nogueira “foi desenleando, a través dun percorrido pola súa traxectoria, os fíos de todas esas begoñas posíbeis”.

Nogueira repasou a traxectoria xornalística e activista de Caamaño, desde os seus inicios na radio en Vigo ata o seu compromiso co feminismo e coa comunicación en galego. Destacou o seu papel como pioneira entre as primeiras xornalistas que cubriron información social e sindical na rúa, así como a súa implicación na fundación de Mulleres Galegas da Comunicación (MUGACOM). A profesora subliñou ademais que Caamaño concibía o feminismo “como outra forma de estar no mundo”.

A intervención serviu tamén para reivindicar a dimensión literaria de Begoña Caamaño, marcada pola revisión feminista dos grandes mitos clásicos. Nogueira repasou as novelas Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, protagonizadas por mulleres tradicionalmente relegadas a un segundo plano, e lembrou que a autora deixou esbozado un terceiro proxecto arredor da figura de Sherezade antes do seu falecemento en 2014.

Sétima muller celebrada individualmente na historia do Día das Letras

Francisco Cidrás, director do departamento de Filoloxía Galega, lembrou que desde o ano 1970 este acto das Letras comprende tamén a presentación dun libro dedicado á persoa homenaxeada e preparado dende o devandito departamento. Nesta ocasión, a Real Academia acordou dedicar o Día “a unha muller excepcional, que todos temos na memoria polo seu coñecido activismo e sobre todo porque aínda debería estar entre nós, e vai para doce anos que nos deixou.

Begoña Caamaño convértese así na sétima muller celebrada individualmente na historia do Día das Letras, na décimo cuarta de contarmos as cantareiras homenaxeadas por xunto na celebración do ano pasado”.

O profesor Cidrás salientou que a obra de Begoña Caamaño “é unha constante reflexión sobre a necesidade de dialogar cos mitos e coas tradicións cunha ollada crítica. Sobre a necesidade de darlles unha volta colocando os focos nas sombras da tradición e denunciando as sombras que os focos do poder ocultan. Sempre cunha perspectiva humanitaria e coa mirada posta en como debemos construír o futuro máis que en sacralizar como foron as cousas no pasado, sen preguntarnos por que foron dese xeito e se é de xustiza que sigan sendo así, só porque así o foron sempre”.

Asinan os diferentes capítulos que integran a obra Dolores Vilavedra, Mª Teresa Amado Rodríguez, Mario Regueira, Carme Silva Domínguez, Ana Romaní, Tareixa Navaza, Belén Regueira, Ana González Liste, Marga Tojo, Cláudia Morán Mato, Lucía Junquera, Marilar Aleixandre, Rexina Vega, María Reimóndez e Cynthia Menéndez.

Tracking Pixel Contents