O PSdeG denuncia que o goberno local de Santiago “perverte” a taxa turística
Guinarte acusa ao Bipartito de destinar os fondos recadados sen o informe do Foro de Turismo Sustentable e para financiar gastos que xa existían

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, no Pazo de Raxoi. / Cedida
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, denunciou este martes que "o Goberno da señora Sanmartín está a incumprir a súa propia normativa ao anunciar o destino dos ingresos da taxa turística sen contar co informe previo da Comisión Permanente do Foro de Turismo Sustentable, órgano previsto na ordenanza reguladora".
“O goberno municipal ten xa recursos da taxa turística, decidiu o fin deses recursos, a finalidade a que se van a dedicar eses recursos da taxa turística, e non o fixou pasando, como é preceptivo, como di a Lei da Xunta, como di a Ordenanza Municipal, por ese órgano que ten que informar ese destino”, advertiu.
Guinarte lembrou que o grupo socialista xa cuestionara a tramitación da taxa turística porque o Goberno local “comezou a casa polo tellado”, ao aprobar a ordenanza sen ter previamente constituído o órgano encargado de informar sobre o uso dos fondos recadados, cuestionando tamén o suposto consenso co sector turístico ao que fai referencia o executivo municipal e asegurou que, segundo trasladaron distintas asociacións, “non se lle comunicou cal ía ser o destino deses fondos”.
Exposición pública
O portavoz socialista advertiu ademais de que o Foro de Turismo Sustentable “aínda non entrou en vigor” e lembrou que o regulamento segue en período de exposición pública, polo que o Goberno municipal está decidindo o destino dos fondos sen contar co órgano competente, indicando ademais que “a taxa turística vaise dedicar a subvencionar, a pagar, cousas que xa se viñan celebrando con anterioridade”, en referencia a festivais e actuacións culturais anunciadas polo Goberno municipal. Guinarte advertiu de que o executivo local "perverte a taxa turística, está desvirtuando o sentido da taxa turística”.
Neste sentido, o portavoz defendeu que os ingresos obtidos deberían empregarse para “mellorar a convivencia, para compensar os impactos do turismo, para reforzar os servizos en zonas tensionadas, para impulsar unha mobilidade máis sustentable e para protexer o patrimonio afectado pola presión turística”, lembrando ademais que o propio executivo defendía que este recurso debía servir para que a cidadanía percibise “os efectos tamén positivos do turismo”, compensando os impactos derivados da presión turística. “Pero vemos que en absoluto se fixou así”, criticou.
Arco de Mazarelos
Guinarte puxo como exemplo, entre outros, a actuación prevista no Arco de Mazarelos, lembrando que "xa conta con financiamento previo do Consorcio de Santiago", polo que advertiu de que "tampouco nese caso se pode presentar como unha actuación financiada realmente coa taxa turística".
Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista reclamou ao Goberno de Sanmartín que acelere a aprobación definitiva do regulamento do Foro de Turismo Sustentable e convoque “o antes posible” a súa Comisión Permanente para que os sectores implicados poidan pronunciarse sobre o destino dos fondos. “Esa non é a finalidade da taxa turística, nin esa decisión respecta a filosofía e o sentido da taxa turística para que sexa, como sempre se dixo, algo socialmente aceptado”, concluíu.
- Reabre en Santiago una de las cafeterías más queridas del casco histórico: 'Volvemos con la misma ilusión y ganas
- El bar de Santiago premiado como uno de los mejores de España: 'Cuando lo montamos nos decían que era una locura
- La panadería de Santiago que triunfa con su café con flores: 'Estamos vendiendo más flores que pan
- Vuelve la fiesta que hace viajar a Santiago 50 años atrás: verbena, juegos tradicionales, música y magia
- Santiago estrena una nueva conexión con Andalucía con el primer vuelo directo a Jerez de la Frontera
- Buscan figurantes en Santiago para la nueva película de Vaca Films: estos son los requisitos
- Atropello en Rosalía de Castro: dos peregrinas heridas tras perder el control del vehículo un conductor octogenario
- El restaurante más antiguo de Galicia lleva casi dos siglos abierto en Santiago: 'Fuimos ultramarinos, aserradero e incluso hicimos ataúdes