Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Visita instiucional

A Deputación define o próximo reto da vía verde: conectar Santiago e A Coruña

O goberno provincial sitúa en outubro o novo prazo para rematar as obras

Sanmartín destaca o impulso económico que suporá para o rural norte

Representantes do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña, diante dun dos túneles da vía verde durante a visita

Representantes do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña, diante dun dos túneles da vía verde durante a visita / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Manu López

Manu López

Santiago

As obras para completar a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle seguen avanzando nos tramos que decorren pola capital galega, aínda que con atraso respecto dos prazos previstos inicialmente polo mal estado de dous túneles na zona da Sionlla, tal como publicou este diario a semana pasada. Así o confirmaron este martes representantes do Concello e da Deputación nunha visita institucional na que indicaron que agardan rematar en outubro e definiron o seguinte reto deste proxecto: conectar Santiago e A Coruña.

A vía verde, unha vez finalizada, unirá Compostela con Cerceda nun circuíto de 36 kilómetros a través do antigo trazado do ferrocarril, converténdose na senda ciclista e peonil máis longa de Galicia. O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, declarou que "o reto definitivo" da infraestrutura pasa por "conectar sustentabelmente a cidade da Coruña con Compostela, a capital provincial coa capital galega". Regueira recoñeceu as dificultades do proxecto, pero defendeu que "os obxectivos políticos tamén están para salvalas", lembrando ademais que xa existen concellos que apoian unha ampliación de preto de vinte quilómetros máis. "Nós non queremos renunciar aos retos por difíciles que sexan", remarcou.

No horizonte máis inmediato, alén de finalizar o percorrido pendente, tanto Regueira como a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, estableceron a recuperación do edificio da Estación da Sionlla e a conexión co polígono. "Quédanos pouco máis dun quilómetro" para facer realidade a unión con esta zona industrial, subliñou a rexedora.

Atraso polo estado dos túneles

"O reto inmediato é rematar a obra na súa totalidade", afirmou Regueira durante unha visita que precisamente estaba orientada a coñecer sobre o terreo a realidade dos traballos e os imprevistos xurdidos durante a execución, como a caída de cascallos desde a bóveda dun dos túneles da antiga vía ferroviaria. Estes imprevistos son os que provocaron que o trazado non finalice en verán, tal como estaba previsto.

"Agardamos solventar as dificultades que apareceron e que a vía verde sexa unha realidade para Compostela xusto á porta do Ano Xacobeo", indicou. En relación cos prazos, lembrou que o vindeiro 31 de maio conclúe o Plan de sustentabilidade turística en destino, polo que considerou necesario rematar "canto antes", marcando finais de outubro como o horizonte máis realista.

O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, incidiu en que "a seguridade debe primar por riba de todo", en referencia aos problemas detectados durante as obras, porque "queremos que esta sexa unha senda segura e que a xente poida gozar dela". Leira engadiu que non se contaba con ter que acometer esta actuación, pero "a folla de ruta xa está encamiñada".

Impulso económico para as parroquias do rural norte

Sanmartín tamén quixo poñer o foco na importancia que terá a senda na dinamización económica das parroquias do rural norte de Santiago, concretamente as de Enfesta, A Gracia, Berdía, Busto e Nemenzo. "Non só os imos poñer no mapa estes lugares, senón que se poderá promover un turismo diferente", salientou. Tamén Regueira fixo fincapé na idea de que será "un dos elementos de turismo singulares e diferenciadores con outros territorios".

Dos 36,5 quilómetros da senda, 13 discorren polo termo municipal compostelán divididos en tres tramos. A actuación supera os 2,2 millóns de euros de investimento, dos que o Concello achega 444.000.

Tracking Pixel Contents