Novo modelo urbano
A veciñanza do Ensanche aposta pola humanización de Santiago de Chile e da Praza de Vigo
O edil Iago Lestegás presenta os resultados da enquisa en liña realizada entre marzo e abril deste ano e na que participaron un total de 551 persoas

Recreación da reurbanización programada para Santiago de Chile / cedida

En xaneiro deste ano o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, comunicou a intención do goberno local de sacar un concurso para a reurbanización da Rúa Santiago de Chile e mais da Praza de Vigo como proxecto piloto para mudar o modelo urbano do Ensanche.
Logo diso, abriuse un diálogo coa veciñanza e entre marzo e abril publicouse tamén unha enquisa en liña para coñecer as achegas da veciñanza que vive ou fai vida, por diversos motivos, nesa contorna. Este mércores o edil deu conta dos resultados desta sondaxe, na que participaron 551 persoas e cuxas suxestións se tomarán en conta nos pregos para a redacción final do proxecto.
Á vista dos resultados da enquisa, e conforme ás explicacións dadas polo titular de Urbanismo, a maioría dos participantes coinciden "coa filosofía do noso proxecto", solicitando unha menor presenza do vehículo privado e un maior espazo para as persoas, con suxestións que van dende a necesidade dunhas beirarrúas máis amplas até as propostas de dotar a área de máis arborado e espazos para o lecer e o descanso.
Máis espazo para o peón, menos para o coche
Un dos primeiros interrogantes da enquisa (sen opcións determinadas senón de redacción libre) ía referido aos obstáculos que dificultan na área a mobilidade peonil, no que unha inmensa maioría das persoas participantes fixeron referencia a un exceso de tráfico e ao insuficiente espazo das beirarrúas.
En relación con isto, as suxestións maioritarias sobre que uso darlle ao espazo público foron en máis da metade as de ampliar o verde urbano e as estancias de descanso (51,6 % en total, 27,8% no relativo á necesidade de áreas con máis vexetación e 23,8% na necesidade de mobiliario e áreas que permitan a conversa e o lecer).
Sobre a necesidade de máis arborado, máis de 100 persoas apostaron por árbores autóctonas e 30 dos participantes suxeriron a plantación de especies de folla perenne, punto no que o concelleiro Lestegás fixo un apuntamento sobre as recomendacións en deseño urbano. "Recoméndase que sexan de folla caduca porque dan luz no inverno e sombra no verán", a pesar de que entendía que suxestión viña pola acumulación de follas que se produce no outono.
En termos de inseguridade, a enquisa destaca que a maior sensación de vulnerabilidade se dá nos arredores dos locais de ocio nocturno e nas galerías.
En canto aos arredores da praza de Vigo, a maioría dos enquisados apostan "por unha zona multifuncional" con áreas de xogo infantil, lecer e descanso e con crear alí espazos para a cultura e o deporte. Ademais, parte dos participantes suxeriron tamén que a reurbanización se estenda á Avenida Rosalía de Castro. Un plan de futuro para o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás.
Os datos
Das 551 persoas que participaron na sondaxe en liña, un 52,8% eran homes (291) e un 44,6% mulleres (246), delas 477 viven en Santiago, 23 estudan na cidade e 51 residen noutros municipios. O concelleiro de Urbanismo recalcou no comezo da súa intervención no Pazo de Raxoi que neste enquisa podían participar "as persoas que fan uso dese espazo público", por tanto non só residentes nesa rúa.
Deste xeito, a primeira pregunta da sondaxe referíase á relación do participante do Ensanche, da que se extrae que un 53,8% dos participantes viven (25%) ou mercan (28,6%) na zona de Santiago de Chile e da Praza de Vigo. E un dos datos máis significativos reside en que a maior parte destes veciños achéganse ao Ensanche a pé (53,9%) fronte a un 26,7% que o fai cun vehículo privado.
Nesta liña, fronte á pregunta sobre "formas de mobilidade que se deben facilitar en Santiago de Chile e na Praza de Vigo", excluíndo o vehículo particular, a veciñanza aposta polo desprazamento a pé (39%) ou en transporte público (31%). Só o 21% fai a súa aposta por desprazarse en bicicleta, e pese a suma de 60% do desprazamento non contaminante (a pé ou en bicicleta) o edil Lestégas apuntou que "hai que facer o posible porque se incremente o uso da bicicleta".
A través deste enlace pódense coñecer os resultados da enquisa, publicados na web municipal.
- Compostela perde un dos seus activistas culturais: morre aos 52 anos Gonzalo Suárez Castro, da Unitaria
- Muere a los 85 años de edad Hipólito Rodríguez Visos, fundador de la emblemática empresa Mármoles del Río
- Llegan de Gran Canaria con sus dos hijos de 3 y 4 años para hacer el Camino tras una depresión y acaban siendo 'el aliento' de otros peregrinos
- Suspendido el mayor festival de música urbana de Santiago
- Las fiestas de a Nosa Señora da Mercé de Conxo vuelven con música, pulpo y un emotivo homenaje a Kiko Fernández
- Gonzalo Míguez, profesor de Física Atmosférica en la USC: 'Si cambia el clima, tendrá que cambiar nuestra forma de cultivar
- Luis Zahera y Tamar Novas protagonizan la próxima apuesta de Netflix y no es 'Clanes': una película con Santiago muy presente
- Christian Gálvez vuelve a Galicia: «Elegí Jacob para el ‘prota’ del libro que abre la saga como homenaje a Santiago»