Centros escolares
Raxoi avanza no modelo de comedores antes de poñer en marcha a cociña central
Os orzamentos municipais gardan un millón de euros para este proxecto que a oposición critica porque «non mellorará os menús», como di o goberno

A cociña central que proxecta o goberno local pode ter capacidade para 2.500 menús / cedida

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este venres en rolda de prensa para dar conta dos avances do Concello cara ao novo modelo de comedor escolar que impulsa o Concello. A comisión de estudo para determinar a mellor forma de xestión do servizo reuniuse xa dúas veces, a última o pasado mércores 13 de maio, e conta xa co estudo realizado por persoal municipal que determina que a xestión directa supón un menor custe por menú.
Esta comisión está formada, ademais de pola concelleira de Educación, Míriam Louzao, por cadansúa persoa representante dos grupos políticos e das concelleiras non adscritas e polas persoas titulares da secretaría xeral, da Intervención, da Coordinación, das áreas de Cultura e Dinamización cidadá e de Réxime interior e da Asesoría xurídica.
Sanmartín explicou que o estudo encargado, e que se discutirá na comisión correspondente, conclúe que a forma máis acaída, cos menús máis baratos, é a da xestión municipal. «A intención do Concello é construír unha cociña central para a elaboración dos xantares e almorzos. Terá capacidade para 2.500 menús de xantar e 832 almorzos diarios, co que se podería facer fronte á futura incorporación, se así o desexaren, dos tres centros educativos que agora mesmo teñen o seu servizo de almorzo e comedor xestionado polas Anpas (o CEIP Pío XII, o López Ferreiro e o Lamas de Abade).
Actualmente, o Concello vén atendendo os comedores en 10 centros de educación infantil e primaria a partir dun convenio de colaboración coa Consellería de Educación asinado por vez primeira o 5 de xullo de 2013.
A alcaldesa Sanmartín defendeu que a intención do seu goberno é a de «asumir este servizo entendéndoo como conciliación, porque a consellería non o entende como servizo educativo». E alén de criticar que a Xunta non asuma as súas competencias plenas nesta materia, defendeu o traballo que se fai dende Raxoi e que inclúe parte dos requirimentos que haberá cando se conclúa a cociña central xa nos seguintes pregos do contrato de comedores. Entre as condicións, un apoio maior para os cativos con necesidades especiais.
Os populares, contra unha «macrocociña centralizada»
O edil do PP Borja Rubio amosou este venres o rexeitamento do seu grupo á creación dunha nova empresa pública e da construción dunha macrocociña centralizada para os comedores escolares de Santiago.
Rubio denunciou que o proxecto do goberno local é un «engano» que non supón ningún avance na calidade da alimentación infantil, senón un simple cambio de titularidade da empresa provedora.
O concelleiro quixo desmontar o relato do goberno, evidenciando que o «novo sistema exposto na memoria técnica seguirá sendo un servizo de cátering industrial», algo que aclarou a alcaldesa na rolda de prensa explicando que esta fórmula é a que propón uns menús máis baratos á vista dos estudos realizados polos técnicos.
Aínda así, o Partido Popular lamenta que o goberno pretenda presentar como pechado un modelo que aínda debe ser debatido e votado tanto na comisión correspondente como no pleno, circunstancia que tamén explicou que debería acontecer Goretti Sanmartín na súa comparecencia deste venres.
- Las nuevas conexiones nacionales de Lavacolla permitirán viajar a Italia por 30 euros
- Ghaleb Jaber Ibrahim, empresario e impulsor de la Fundación Araguaney, será el pregonero de las Festas do Apóstolo 2026
- Cambio de tiempo en Santiago: MeteoGalicia alerta de fuertes precipitaciones este lunes
- Una conductora se precipita con su coche desde el periférico al polígono de Costa Vella mientras escapa de la Guardia Civil en Santiago
- Pregón de las Fiestas del Apóstol: la concelleira descarta a Borja Iglesias
- Piden cuatro años de prisión para un policía urbanístico de Santiago por falsificar el informe de una obra en Fontiñas
- Muere Alfonso Tourís Nogueira, el enfermero y sindicalista que dirigió más de dos años el PSOE de Santiago
- El restaurante de Santiago para comer caldo, raxo y tarta por menos de 20 euros: un icono de 95 años que nació de una historia de amor