Precampaña
Compostela Aberta e Sumar exhiben sintonía para formar unha candidatura conxunta
Os dirixentes de ambas formacións escenifican na Ascensión a vontade de entenderse para as eleccións municipais de 2027, pero por agora evitan concretar a fórmula

Manuel Lago e Rocío Núñez, en primeiro termo, con Paulo Carlos López (Sumar), Xan Duro, María Rozase Martiño Noriega (Compostela Aberta), o pasado xoves compartindo mesa na Ascensión. / Jesús Prieto

A tradicional presenza dos principais dirixentes políticos composteláns e galegos nas casetas do polbo polo día grande das Festas da Ascensión produciuse esta semana nun clima de precampaña, tendo en conta que resta pouco máis dun ano para as próximas eleccións municipais. Ademais da confirmación de Borja Verea como candidato do Partido Popular por parte de Alfonso Rueda, produciuse outra imaxe que non pasou desapercibida, ao compartir mesa algunhas das caras máis visibles de Compostela Aberta e Sumar, afondando na sintonía que veñen exhibindo nos últimos meses e que podería culminar nun candidatura conxunta no próximo mes de maio.
Polo momento, ámbalas dúas formacións evitan concretar fórmulas, pero expresan unha clara vontade de entendemento. Por parte do socio minoritario do actual goberno municipal remítense ao expresado pola tenenta de alcaldesa, María Rozas, quen sinalou o pasado xoves que CA "sempre foi a casa de diferentes sensibilidades, diferentes organizacións -como Podemos, Anova ou Esquerda Unida-, e de moitas persoas sen outra adscrición partidaria". Rozas engadiu que estes partidos, tamén Sumar, "teñen manifestado publicamente que CA é o seu espazo de referencia en Santiago".
A voceira da formación maxenta en Santiago, Rocío Núñez, confirma a este diario ese recoñecemento, explicando que "o que se viu na Ascensión foi algo moi natural, non houbo nada forzado nin teatral, pois compartimos mesa con CA porque cremos que é o espazo político no que nos sentimos máis cómodas e representadas".
Evitan concretar fórmulas
No que respecta á fórmula para a integración de Sumar nunha lista electoral conxunta, Núñez sinala que "agora mesmo non é algo que nos preocupe ou que esteamos debatendo, si que estamos vendo vías de de colaboración". A voceira de Sumar apela a "ser capaces é de ter un proxecto político para Santiago" que recolla as necesidades da cidade e que "poida ampliar ese espazo de esquerda transformadora". En todo caso, sostén que "por nós non vai pasar que non haxa unha candidatura de unidade na esquerda".
En sentido semellante, manifestouse Rozas, quen tamén eludiu falar de fórmulas electorais e asegurou que "todas as persoas e organizacións que participan en CA saben poñer o foco no que realmente importa, que é facer políticas públicas que melloren Santiago e a vida da veciñanza".
Distancia coas non adscritas
Meses atrás, o secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, fixo un chamamento ao diálogo ás concelleiras non adscritas, especialmente a Mercedes Rosón, para explorar tamén unha candidatura unitaria. Non obstante, neste momento esa posibilidade parece máis lonxana, xa que Núñez sinala que fixeron ese ofrecemento por "responsabilidade política", pero que "non obtivemos resposta por parte dela". Desta maneira, sostén que "cada quen terá que explicar as súas decisións políticas e a que intereses responden, nós non imos quedar atrapadas aí".
O próximo 23 de maio Sumar Galicia celebrará a súa conferencia política, na que teñen previsto estudar as "vías de colaboración" nos diferentes concellos. No caso de Compostela, o seu obxectivo é que "manteña un goberno de esquerdas con capacidade trasnformadora", conclúe Núñez.
Suscríbete para seguir leyendo
- Compostela perde un dos seus activistas culturais: morre aos 52 anos Gonzalo Suárez Castro, da Unitaria
- Muere a los 85 años de edad Hipólito Rodríguez Visos, fundador de la emblemática empresa Mármoles del Río
- Suspendido el mayor festival de música urbana de Santiago
- Las fiestas de a Nosa Señora da Mercé de Conxo vuelven con música, pulpo y un emotivo homenaje a Kiko Fernández
- Christian Gálvez vuelve a Galicia: «Elegí Jacob para el ‘prota’ del libro que abre la saga como homenaje a Santiago»
- La Panadería Moure dice adiós a Pontepedriña tras más de 70 años: «Los clientes venían porque les gustaba nuestro pan, pero también por el trato»
- El pub de Santiago donde la gente se reúne para hablar de la muerte: 'Aquí nadie te juzga ni te mira raro
- El negocio de Santiago con 136 años que se adelantó a la venta online: 'El Internet de antes eran los buses