Xunta de goberno
Raxoi destina 3,5 millóns aos comedores escolares mentres prepara un novo modelo
O servizo seguirá baixo xestión privada coa vista posta en asumir o control directo
O goberno tamén deu luz verde á relación de postos de traballo

Un comedor escolar nunha foto de arquivo / Pixabay

A xunta de goberno do Concello de Santiago deu luz verde este luns ao novo contrato de comedores escolares nos centros que xestiona –en nove o xantar e en dez o almorzo– e nas tres escolas rurais. Raxoi destina 3,5 millóns de euros a esta licitación mantendo un curso máis o servizo a cargo dunha empresa privada mentres prepara un cambio de modelo co que prevé asumir a xestión directa.
Polo momento, a voceira do goberno municipal, Míriam Louzao, destacou que nos pregos deste novo contrato xa se introducen "melloras importantes". A primeira ten que ver cun Real decreto que impulsa o fomento dunha alimentación saudable e sustentable nos centros educativos, atendendo á planificación e á educación nutricional. Ademais, aumenta o persoal de monitoraxe e refórzase a atención para as nenas e nenos con necesidades especiais. Do mesmo xeito, inclúense as tres escolas unitarias nas que o Concello empezou a ofrecer o xantar neste mandato.
División en dous lotes
O contrato divídese entre os lotes de monitoraxe (2,2 millóns) e alimentación (1,3 millóns), sendo o primeiro deles por dous anos prorrogable por outros dous. A previsión de cambio de modelo afecta ao segundo, que se manterá por un ano e poderá prolongarse ata outros tres de forma individualizada. A alcaldesa Goretti Sanmartín deu conta o pasado venres de que un estudo elaborado por persoal municipal determina que a xestión directa supón un menor custe por menú. En base a isto, a rexedora indicou que o plan do Bipartito pasa pola creación dunha cociña central para a elaboración dos xantares e almorzos.
Louzao tamén salientou que os prezos públicos non sufrirán alteracións pese a que se produce un incremento do custe do servizo, xa que a previsión de ingresos, situada para 2026 en 1.008.626,26, implica que o Concello se vai facer cargo dunha boa parte da prestación. Os centros incluídos nesta licitación son Apóstolo Santiago, Cardeal Quiroga Palacios, Fontiñas, Roxos, Vite, Mestre Rodríguez Xixirei, Monte dos Postes, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas e Arquitecto Casas Novoa (só almorzo), xunto coas escolas rurais Bispo Teodomiro (Marrozos), O Gaioso (O Eixo) e do Rial (Laraño).
Nova relación de postos de traballo
Por outra banda, a xunta de goberno tamén aprobou unha nova relación de postos de traballo (RPT) do Concello con cambios organizativos e funcionais que afectan a 61 postos de condutores, conserxes, parques e persoal de diversas categorías dos departamentos de Prensa, Educación, Deportes, Cultura, Lingua, Servizos Sociais e Emprego.
Louzao explicou que esta RPT recolle os postos creados como resultado de empregar o máximo permitido pola taxa de reposición e inclúe separadamente, por primeira vez, o tipo de dedicación de cada posto e a xornada que ten atribuída. En calquera caso, apuntou que "como documento dinámico que é, prepárase xa a seguinte modificación". Este cambio virá marcado polo acordo ao que chegou Raxoi coa representación sindical para desbloquear o conflito con policías e bombeiros a finais do ano pasado, que contempla a elaboración dunha nova RPT con valoración de postos. Os traballos xa están en marcha a través dun convenio asinado coa USC.
Vixilancia do estadio Verónica Boquete
Ademais, o goberno local aprobou o expediente do contrato mixto de subministración e servizo dun novo sistema de seguridade e vixilancia para o Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro (fase I) cun orzamento base de licitación por importe de 203.391,09 euros (IVE incluído). Agora abrirase o procedemento aberto de adxudicación.
- El gallego licenciado en la USC por el que apuesta RTVE para presentar ‘Directo al grano’ tras los cambios de Javier Ruiz, Jesús Cintora y Gonzalo Miró
- Muere María Pardo, la exconcejala de Santiago que gestionó tres años el urbanismo de la ciudad y ejerció de portavoz del PP
- La profesora compostelana que encontró su lugar en Australia: 'En Galicia deberíamos vivir más enfocados en nuestra naturaleza
- La Panadería Moure dice adiós a Pontepedriña tras más de 70 años: «Los clientes venían porque les gustaba nuestro pan, pero también por el trato»
- Un vehículo se sale de la vía en una calle de Santiago, se empotra contra un banco y deja varias personas heridas
- Cuatro orquestas y diez conciertos: la gran verbena con Los Satélites que llega esta semana a 30 minutos de Santiago
- La reina de las flores: un recuerdo a María Pardo
- Los compostelanos que resisten a la presión turística: vivir y trabajar en la zona vieja de Santiago