Entrevista | Carlos Toural Novo decano de Ciencias da Comunicación da USC
“A intelixencia artificial debe entenderse como unha ferramenta de apoio, non como un substituto da función social do xornalismo”
O profesor fixa como prioridades a renovación das titulacións, a adaptación tecnolóxica e a mellora da empregabilidade

Carlos Toural será decano de Ciencias da Comunicación da USC durante os seis próximos anos. / C.T.

P. Vén de ser elixido decano de Ciencias da Comunicación da USC por unanimidade. Que lectura fai dese apoio da Xunta de Facultade?
R. O feito de que a Xunta de Facultade apoiara a candidatura de xeito tan xeneroso non fai máis ca responsabilizarnos, a min e ao equipo que me acompañará os próximos seis anos, dun xeito, se cabe, máis comprometido co centro e a súa comunidade. A confianza depositada na nosa proposta deberemos lexitimala cunha xestión racional e eficiente da facultade.
P. Estivo moi ligado ao antigo reitor Antonio López como director de Gabinete. Que balance fai daquela etapa?
R. O balance é moi positivo. Foron oito anos ao lado de Antonio no goberno da Universidade. Foi, sen dúbida, unha etapa de gran aprendizaxe, de afondar no coñecemento da institución, de reforzar a relación coas persoas que a compoñen e de consolidar, de xeito sólido, o meu perfil no ámbito da xestión. Logo destes anos teño a fortuna de contar con Antonio entre os grandes amigos, foi das persoas coas que máis tempo compartín nos últimos anos e de quen aprendín moito da política universitaria e da relación entre institucións e administracións.
P. Que agarda da nova reitora?
R. O que agardo da nova reitora é o que, entendo, agarda calquera membro da comunidade universitaria: bo tino na toma de decisións e xenerosidade á hora de abordar os problemas que poidan xurdir no día a día da xestión universitaria.
"Da nova reitora agardo bo tino na toma de decisións e xenerosidade á hora de abordar os problemas que poidan xurdir no día a día da xestión universitaria"
P. Cales considera que son os grandes retos da Facultade para os vindeiros anos?
R. A FaCom afronta unha nova etapa marcada por retos decisivos: o proceso imparable e continuo de dixitalización das profesións, o impacto da intelixencia artificial na elaboración de información e na produción de contidos, a necesidade de renovar as titulacións que se imparten, a mellora da empregabilidade e a proxección social dunha institución chamada a exercer un papel central no debate público contemporáneo.
P. De todas esas cuestións, cal considera prioritaria neste momento?
R. Imos ter que analizar moi polo miúdo o ámbito das titulacións impartidas no centro para poder reforzar o perfil dos profesionais que saen ao mercado laboral dende a facultade. É fundamental fortalecer os perfís de xornalistas e comunicadores e comunicadoras audiovisuais facendo pé na súa función social esencial. Nun mundo marcado polo consumo de información e contido audiovisual, é fundamental consolidar capacidades relacionadas co pensamento crítico, a ética profesional, a verificación da información, a comunicación inclusiva e a responsabilidade democrática fronte á desinformación e á polarización dixitais.
No ámbito das titulacións, debemos valorar tamén a posta en marcha dun novo grao que atenda a demanda de perfís híbridos en relación á comunicación dixital e ás necesidades que manifestan as empresas á hora de xestionar a súa comunicación e imaxe. Son cuestións que iremos vendo, xa que da capacidade que teñamos para adaptarnos a unha sociedade con necesidades cambiantes dependerá o futuro da facultade.
P. No seu programa fala dunha candidatura de “continuidade e renovación”. Que balance fai da evolución da FaCom nos últimos anos?
R. Ao longo de máis de trinta anos de traxectoria, a FaCom foi guiada por distintos equipos decanais que contribuíron á súa consolidación e evolución institucional, impulsando a modernización das infraestruturas, a actualización docente e a defensa da identidade académica do centro. Ese labor permitiu fortalecer unha comunidade universitaria cada vez máis plural, participativa e esixente. A historia da facultade é tamén a dun traballo colectivo no que profesorado, persoal técnico e estudantado contribuíron a construír un proxecto común.
A miña candidatura mira ao futuro, ante o que teremos que tomar decisións importantes, da man do aprendido nestas décadas de tradición. Conto no equipo con xente nova, que atesoura xa experiencia e coñece moi ben tanto o centro, como a academia e o ámbito profesional das titulacións que impartimos.
A miña antecesora, Ana Isabel Rodríguez, e o seu equipo conseguiron algo moi importante nos últimos anos, marcados pola postpandemia: a FaCom é un centro cheo de dinamismo, de vida académica e de ilusión. Debemos, a partir de agora, loitar porque isto siga sendo así, ao tempo que avanzamos en cuestións que, como dixen antes, teñen que ver coas titulacións, os perfís profesionais, a empregabilidade e o impacto da proxección institucional da facultade.
P. Tamén insiste en coidar a comunidade universitaria. Detecta certo desgaste ou cansazo tanto no profesorado como no alumnado?
R. A pandemia derivada da irrupción da COVID-19 puxo de manifesto a fraxilidade do que coñecemos por saúde mental e tamén o diverso do contexto social que afecta a cada persoa que compón a nosa contorna e, polo tanto, a comunidade universitaria. Debemos, partindo do aprendido, insistir no acompañamento, dende a perspectiva humana, na etapa universitaria coma un dos valores do centro. Tamén, por suposto, no que ten que ver co desenvolvemento da carreira laboral e profesional de persoal docente e investigador ou do técnico de xestión en administración e servizos.
P. No referente ás instalacións e aos equipamentos, cales son actualmente as principais necesidades da facultade?
R. Neste ámbito temos pendente unha reunión co Vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade. É importante para unha facultade coma a nosa que se recoñeza o seu grao de experimentalidade. Os espazos técnicos nos que impartimos docencia ou investigamos teñen pouco que ver cos ámbitos das ciencias sociais e requiren un investimento forte para evitar a obsolescencia e pemitir que o noso estudantado chegue ao mercado laboral o máis preparado posible.
En canto á facultade, é evidente a relevancia arquitectónica do edificio ideado por Álvaro Siza que abriu as súas portas no ano 2000. Este proxecto supuxo un fito histórico na arquitectura compostelá, sendo o primeiro edificio de fóra de Portugal en recibir o prestixioso Premio Secil de arquitectura. A cuestión clave é que, para continuar a poñer en valor esta xoia da que dispoñemos, é esencial facer un investimento constante no seu mantemento. É esta unha cuestión na que tamén insistiremos nos próximos anos.
P. Como se pode ensinar xornalismo nun contexto no que a intelixencia artificial xa redacta textos, edita vídeo ou xera imaxes?
R. Ensinar xornalismo no contexto actual require conservar e reforzar a esencia da profesión. A tecnoloxía pode automatizar tarefas e producir contidos, pero non pode substituír plenamente valores fundamentais do oficio como o criterio, a responsabilidade ética, a capacidade de contextualizar ou o compromiso coa verdade e co servizo público.
Por iso, a formación dos futuros xornalistas debe centrarse tamén en aprender a utilizar a intelixencia artificial de maneira crítica e responsable, incorporando competencias tecnolóxicas e dixitais sen renunciar ao rigor profesional.
Nun ecosistema marcado pola desinformación e polos contidos xerados automaticamente, serán máis necesarios ca nunca profesionais capaces de achegar credibilidade, pensamento crítico e capacidade de interpretación da realidade.
P. Hai preocupación pola precariedade laboral no sector. Que papel pode xogar a universidade para mellorar a empregabilidade do alumnado?
R. A preocupación polo futuro laboral é unha cuestión patente no noso estudantado e nas súas familias. Pero eu diría que na mesma medida en que o é para calquera estudante que comeza coa súa formación universitaria, elemento que considero ferramenta fundamental para fortalecer a empregabilidade e facilitar unha inserción laboral máis sólida e versátil das persoas novas.
Contamos cun mercado laboral en constante transformación, marcado pola dixitalización, a innovación tecnolóxica e os cambios nos modelos produtivos. Neste contexto, a formación universitaria convértese nun elemento clave para ampliar oportunidades profesionais e mellorar a capacidade de adaptación. A universidade non só proporciona coñecementos especializados, senón tamén competencias transversais como o pensamento crítico, a comunicación, o traballo en equipo ou a resolución de problemas, habilidades cada vez máis valoradas polas empresas e institucións.
Ao mesmo tempo, os desafíos existentes no ámbito laboral poden entenderse tamén como unha oportunidade para impulsar perfís profesionais máis preparados, innovadores e capaces de responder ás novas demandas sociais e tecnolóxicas. Por este motivo é polo que temos na revisión das titulacións un dos eixes básicos do mandato.
P. Se ao final do mandato tivese que resumir o éxito da súa xestión nunha idea, cal lle gustaría que fose?
R. Coidar do que funciona ben e cambiar o que se pode mellorar. Son dúas fórmulas para o éxito que son tan fáciles de escribir como complexas de aplicar. Temos seis anos por diante para traballar.
- Reabre en Santiago una de las cafeterías más queridas del casco histórico: 'Volvemos con la misma ilusión y ganas
- El bar de Santiago premiado como uno de los mejores de España: 'Cuando lo montamos nos decían que era una locura
- La panadería de Santiago que triunfa con su café con flores: 'Estamos vendiendo más flores que pan
- Vuelve la fiesta que hace viajar a Santiago 50 años atrás: verbena, juegos tradicionales, música y magia
- Santiago estrena una nueva conexión con Andalucía con el primer vuelo directo a Jerez de la Frontera
- Buscan figurantes en Santiago para la nueva película de Vaca Films: estos son los requisitos
- Atropello en Rosalía de Castro: dos peregrinas heridas tras perder el control del vehículo un conductor octogenario
- El restaurante más antiguo de Galicia lleva casi dos siglos abierto en Santiago: 'Fuimos ultramarinos, aserradero e incluso hicimos ataúdes