Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A USC fortalecerá áreas de xestión mentres segue a investigación pola perda das becas Ramón y Cajal

A reitora, Rosa Crujeiras, asegura que o novo equipo atopou a institución fóra do listado de universidades receptoras e anuncia medidas para evitar que a situación volva repetirse

Unha investigadora nun laboratorio da Universidade de Santiago.

Unha investigadora nun laboratorio da Universidade de Santiago. / Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

L.R.

Santiago

A reitora da Universidade de Santiago (USC), Rosa Crujeiras, insistiu en que se “reformularán e fortalecerán” as áreas de apoio á xestión universitaria tras a exclusión da institución do listado de universidades habilitadas para acoller persoal investigador seleccionado nas bolsas Ramón y Cajal.

Preguntada sobre esta cuestión despois dun encontro co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, Crujeiras lembrou que a tramitación destes contratos posdoutorais “faise en decembro” e que o novo equipo reitoral atopou esta situación á súa chegada. “A USC non estaba no listado de universidades que poden acoller investigadores e investigadoras seleccionadas”, subliñou.

A reitora explicou que continúa aberta unha investigación interna para esclarecer o ocorrido e evitar que a situación se repita no futuro. O obxectivo, segundo indicou, é “tratar de paliar esta situación, que condiciona o crecemento dos nosos centros de investigación e departamentos”.

Crujeiras asegurou tamén que o equipo de goberno traballa xa este ano en medidas para minimizar o impacto desta exclusión e "garantir que isto non volva ocorrer”. Tamén precisou que as persoas instrutoras “están facendo o seu traballo” e que polo momento non hai unha data concreta para a conclusión da investigación.

"Nun escenario de orzamentos prorrogados, serían necesarios fondos adicionais para a incorporación deste perfil investigador"

Esta cuestión xa fora abordada pola reitora durante a constitución do Claustro Universitario da USC, celebrada o pasado luns 11 de maio nunha sesión extraordinaria no Salón de Actos da Facultade de Dereito. Naquela intervención, Crujeiras aseguraba que o equipo de goberno adoptará “as medidas oportunas para evitar que isto volva producirse”.

Somos conscientes de que isto afecta a moitas persoas que pretendían incorporarse á investigación e ten un custo reputacional importante”, advertiu. Ademais, engadiu que o equipo reitoral “está estudando fórmulas para facilitar a incorporación deste perfil investigador”, aínda que recoñeceu que, “nun escenario de orzamentos prorrogados, serían necesarios fondos adicionais”.

Tracking Pixel Contents