Entrevista | Marcos Díaz González Director do Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro
"Non é viable especializar Lavacolla porque a decisión é das compañías"
O aeroporto de Santiago retoma a actividade despois de 35 días pechado por obras na pista
O director da terminal compostelana amosa o seu optimismo de cara ao futuro pola chegada de novas compañías e destinos

Marcos Díaz González posa ante os postos de facturación do aeroporto de Santiago na xornada previa á súa reapertura / Antonio Hernández

O Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro retoma a actividade este xoves despois de 35 días pechado pola renovación do pavimento da pista. O seu director, Marcos Díaz González, charla con EL CORREO GALLEGO sobre a culminación deste proceso e as expectativas para os próximos meses. Ante a chegada do primerio voo de United Airlines desde Nova York, sinala esta ruta como estratéxica para Galicia e remarca a importancia de converter a terminal compostelá na porta de entrada do tráfico transoceánico para todo o Noroeste peninsular.
Volve a actividade ao aeroporto despois de 35 días de peche polas obras. Como foi este proceso?
Foron días bastante máis complicados que estando aberto. A operativa diaria está máis engraxada, obviamente sempre xorden problemas, pero a obra da pista foi un reto a todos os niveis. Afortunadamente, todo saíu segundo estaba programado, e cumpríronse os distintos fitos que estaban marcados para chegar a tempo máis que dabondo para a apertura deste xoves.
Xa se percibe un aumento da actividade antes da reapertura. Que detalles quedaron por pulir para as últimas horas?
Os traballadores que houbo na terminal o mércores estiveron máis enfocados á nova operativa que comeza o xoves. O persoal da compañía United Airlines estivo poñendo a punto todos os sistemas, adestrando os axentes de handling e os distintos concesionarios comerciais fixeron os últimos preparativos para a reapertura. A nivel de infraestrutura está todo listo, soamente os quedan os pasaxeiros e os avións.
Foi unha obra de gran calado, pero van notar algo diferente os usuarios?
A finalidade da obra foi precisamente manter o nivel de seguridade que viñamos mantendo ata agora. A obra necesariamente ten que ser transparente tanto para as compañías como para os pasaxeiros. Todo ten que seguir funcionando exactamente igual como ata agora. A única diferenza é que estamos preparados para absorber a operativa prevista durante moitos anos, tanto a nivel de pista como de sistemas de aterraxe. A nivel de infraestrutura temos capacidade suficiente para soportar o desenvolvemento previsto durante bastantes anos.
Novas rutas internacionais
Coa reapertura vanse poñer en marcha tres novas rutas internacionais nos próximos días. Supón un estímulo para esta nova etapa?
Son boas noticias, non cabe dúbida, tendo en conta a previsión que tiñamos a finais do ano pasado. O feito de que as compañías que xa operan con nós sigan apostando por Santiago, incrementando frecuencias e incluso incorporando novos destinos ao panel de voos, e que novas compañías aposten por Santiago como infraestrutura e por Galicia como destino son noticias positivas. Invitan ao optimismo de cara aos vindeiros meses e anos.
A máis atractiva a priori é a conexión con Nova York, que ademais conecta Santiago directamente cun mercado turístico moi puxante. Como valora esta incorporación?
A ruta directa entre Santiago e Nova York é tremendamente estratéxica para Galicia porque incrementa de forma moi significativa as nosas posibilidades de conexión internacional. Desde Nova York pódese voar a todo o continente norteamericano. A nivel de chegadas e de turismo tamén supón unha mellora substancial ao converter Santiago na principal porta de entrada do tráfico transoceánico, non só para Galicia, senón para todo o noroeste peninsular. É unha oportunidade moi boa para atraer turismo de longo radio que ten un nivel de calidade moi elevado.

O director do aeroporto de Santiago, coa pista recén renovada ás súas costas / Antonio Hernández
Caída do tráfico nos últimos meses
As novas rutas arrancan despois dunha etapa complicada, cunha perda do 30 % dos pasaxeiros no comezo deste ano. Están identificadas as causas?
Como a xente sabe, Ryanair pechou a base que tiña no noso aeroporto. Concentraba aproximadamente o 45 % da oferta de prazas do aeroporto e recortou a súa oferta nun 70 %. Isto tradúcese nun 30 % de baixada que vimos sufrindo desde outubro ou novembro do ano pasado. A previsión que tiñamos ata abril vaise cumprindo. Non obstante, somos optimistas de cara ao futuro por estas novas incorporacións que estamos tendo e a aposta que están facendo non só as novas compañías que están aparecendo, senón as que xa operaban en Santiago, incrementando frecuencias e novos destinos.
E agora, teñen marcado algún obxectivo para chegar a unha cifra de pasaxeiros?
O obxectivo é seguir traballando na mesma liña. O aeroporto é unha infraestrutura que usan as compañías aéreas para un fin. Ten que prestar un bo servizo e traballar coas compañías e coas institucións locais para ofrecer un paquete completo atractivo de destino. O obxectivo é non frear o crecemento da rexión como emisor de turismo, ou outro tipo de tráfico, e como receptor; ten que ser un facilitador, non un fin dunha ruta.
Que importancia pode ter o próximo Ano Xacobeo no crecemento do aeroporto?
Non hai previsións nin sequera para finais deste ano, e moito menos para o ano que vén. Tradicionalmente, un ano xacobeo e o seguinte son bos desde un punto de vista turístico e isto tradúcese nun incremento dos pasaxeiros, pero aínda é cedo para coñecer a programación do ano que vén.
Coordinación aeroportuaria
Que balance fai das xuntanzas do Grupo de Traballo de Conectividade Aérea de cara á coordinación aeroportuaria?
É un grupo máis técnico e máis enfocado á creación do produto global que ofrecen as compañías aéreas. É un grupo de traballo moi positivo onde todos os participantes aportan o seu punto de vista, a nivel de coñecemento, de infraestrutura, ou de medios de promoción. Son optimista de cara aos vindeiros meses porque se está traballando na liña adecuada.
Que pensa da proposta de especialización dos aeroportos galegos lanzada polo Clúster de Turismo?
Nun mercado liberalizado como o do tráfico aéreo, non se pode forzar ás compañías aéreas a operar nun sitio ou noutro. Podes orientar os casos de negocios en función da potencialidade que se lle vexa nun principio, pero ao final a decisión de operar desde un aeroporto ou doutro é da compañía aérea. Desde un punto de vista de xestión da infraestrutura non é viable especilizar un aeroporto nun determinado tipo de tráfico porque a decisión final corresponde á compañía aérea. Os tres aeroportos son perfectamente funcionais, están preparados para absorber tráfico nacional e internacional, de negocios e turístico, e hai que traballar nesta liña.
Cre que debería existir unha coordinación tamén co aeroporto de Porto?
Habería que concretar que se entende por coordinación. O aeroporto de Porto é doutro país, non pertence á nosa rede e ademais está xestionado por unha empresa privada. O concepto de coordinación é moi amplo.

Aspecto da pista do aeroporto de Santiago despois das obras / Cedida
Crecemento dos usuarios do tren
En canto ao tren e ao seu crecemento, veno como un competidor ou como un aliado?
O importante é que a rexión, tanto Santiago como Galicia vaia a máis, sexa por avión, sexa por mar ou sexa por tren. Como xestor da infraestrutura, cantos máis viaxeiros por avión, mellor. Pero como visión de rexión e de país é positivo o crecemento do tren. Cantos máis medios de transporte, canta máis oferta haxa, é mellor tanto para saír como para chegar a Galicia. Son os viaxeiros os que deciden optar por un medio ou por outro en función das súas necesidades. O que temos que facer é prestar mellor o servizo para que a parte da operativa do avión que corresponde ao aeroporto sexa o máis áxil, o máis sinxela e o máis barata posible, e tratar de aportar o maior valor ao que o pasaxeiro paga polo billete de avión.
E sería desexable unha conexión ferroviaria do aeroporto coa estación de tren?
Son cuestións estratéxicas que escapan do meu ámbito de decisión. Eu preferiría traballar na liña do que temos entre mans, en mellorar o servizo que temos no aeroporto. Temos liñas de bus que conectan coa cidade e agora o Concello traballa nunha nova licitación para melloralas, e temos o servizo de taxis. Prefiro centrar os esforzos no que temos a man e máis a curto prazo. Pensar nunha conexión ferroviaria é unha quimera agora mesmo.
Suscríbete para seguir leyendo
- Compostela perde un dos seus activistas culturais: morre aos 52 anos Gonzalo Suárez Castro, da Unitaria
- Muere a los 85 años de edad Hipólito Rodríguez Visos, fundador de la emblemática empresa Mármoles del Río
- Suspendido el mayor festival de música urbana de Santiago
- Las fiestas de a Nosa Señora da Mercé de Conxo vuelven con música, pulpo y un emotivo homenaje a Kiko Fernández
- Gonzalo Míguez, profesor de Física Atmosférica en la USC: 'Si cambia el clima, tendrá que cambiar nuestra forma de cultivar
- Luis Zahera y Tamar Novas protagonizan la próxima apuesta de Netflix y no es 'Clanes': una película con Santiago muy presente
- Christian Gálvez vuelve a Galicia: «Elegí Jacob para el ‘prota’ del libro que abre la saga como homenaje a Santiago»
- El pub de Santiago donde la gente se reúne para hablar de la muerte: 'Aquí nadie te juzga ni te mira raro