Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Servizos básicos

Bouza reclama á Xunta fondos para o saneamento nas parroquias de Santiago

Acusa o Goberno autonómico de atender «soamente as necesidades dos concellos do Partido Popular» a través de Augas de Galicia

Aitor Bouza, secretario xeral do PSdeG de Santiago

Aitor Bouza, secretario xeral do PSdeG de Santiago / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Santiago

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, anunciou onte que os socialistas levarán ao Parlamento unha batería de iniciativas para reclamar que a Xunta financie as actuacións de saneamento e abastecemento pendentes no rural compostelán e acusou ao Goberno de Alfonso Rueda de «volver deixar á capital galega fóra das súas prioridades».

Bouza lembrou que esta mesma semana o Grupo Municipal Socialista reclamou o cumprimento do Pacto polo Rural e a reserva do 1% do orzamento municipal para as parroquias, pero advertiu de que a Xunta tamén ten competencias e recursos para actuar. «Non se pode consentir que a Xunta de Galicia liderada polo señor Rueda só atenda as necesidades, a través de Augas de Galicia, dos concellos do Partido Popular», denunciou.

Denuncia un «reparto desequilibrado»

O dirixente socialista sostivo que os datos demostran «un reparto claramente desequilibrado dos investimentos». Segundo indicou, no ano 2023 o 77% dos convenios de Augas de Galicia foron para concellos gobernados polo PP e en 2024 a porcentaxe elevouse ao 72,7%. Ademais, entre os anos 2023 e 2025, 65 dos 89 concellos beneficiarios estaban gobernados polos populares.

«Cartos hai e competencias tamén. Polo tanto, o que ten que facer a Xunta é incorporar a capital galega ás súas prioridades e atender as necesidades reais do rural compostelán», reclamou Bouza, que rexeitou que os investimentos da Xunta estean condicionados a outras negociacións ou acordos coa cidade.

Bouza solicitou ademais ao PP de Santiago que apoie as iniciativas dos socialistas. Neste sentido, instou a Borja Verea a «deixar de xogar ao Dr. Jekyll e Mr. Hyde, defendendo unha posición en Santiago e outra diferente no Parlamento galego».

Tracking Pixel Contents