Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A loita de Raxoi contra os pisos turísticos ilegais: 85 inspeccións este ano e sancións de 30.000 euros

Iago Lestegás asegura que a anulación do rexistro único estatal “non afecta” o labor que desenvolve o Concello

Un grupo de visitantes na Praza do Obradoiro, na zona vella de Santiago.

Un grupo de visitantes na Praza do Obradoiro, na zona vella de Santiago. / Antonio Hernández

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Manu López

Manu López

Santiago de Compostela

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, fixo balance este mércores das actuacións de Raxoi contra os pisos turísticos ilegais despois de que o Tribunal Supremo anulase o rexistro único estatal. O edil asegurou que esta sentenza “non afecta” o labor que desenvolve o goberno local, que se traduce en 85 inspeccións realizadas este ano nas que se detectou actividade irregular en 15 casos. Ademais, impuxéronse tres sancións por expedientes iniciados en 2025, dúas delas de 30.000 euros e outra de 18.000 euros.

Caída do número de pisos turísticos

Por outra banda, produciuse nos últimos anos un notable descenso dos pisos turísticos que operan na capital galega. Segundo o Instituto Nacional de Estadística (INE), entre agosto de 2024 e novembro de 2025, o número de vivendas vacacionais baixou de 661 a 374, un 43,4%. Mentres, no Rexistro de empresas e actividades turísticas (REAT), de ámbito autonómico, a caída foi de 811 en xaneiro de 2024 a 608 en xuño de 2026, un 25%.

Lestegás achacou esta disparidade de datos á diferente procedencia dos mesmos. O INE analiza os anuncios publicados en cada momento, mentres que no REAT son os propietarios dos pisos vacacionais os que deben completar un trámite para darse de alta. 

“Nós comprobamos que no REAT hai moitos aloxamentos que están inscritos que non están exercendo a actividade de alugueiro turístico”, indicou Lestegás, que asegurou que a caída das cifras “é consecuencia do labor de inspección e control desenvolvido polo Concello de Santiago en exercicio das súas competencias en materia urbanística”.

Pide maior implicación da Xunta

Ademais, reclamou á Xunta que, a través da Axencia de Turismo de Galicia, comprobe “se un establecemento cumpre os requisitos” antes de inscribilo no REAT. “O papel da Xunta non pode limitarse a dar de baixa un aloxamento que este concello lle notifica que carece de título habilitante municipal. O seu rexistro segue incluíndo centos de aloxamentos turísticos en Santiago de Compostelaque non cumpren os requisitos para exercer a actividade”, engadiu. 

Asesoramento sobre alugueiro

Lestegás fixo este balance nunha comparecencia para informar da posta en marcha dun servizo de asesoramento municipal en materia de alugueiro residencial, destinado tanto a caseiros como a inquilinos. Porase en marcha o 15 de xuño e funcionará dous días á semana. A duración inicial é dun ano e será prestado pola entidade Provivienda, cun custe para as arcas municipais de 13.000 euros. 

Este novo servizo forma parte do plan de medidas correctoras que acompaña a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado. 

Tracking Pixel Contents