Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A USC celebra a graduación da primeira promoción do Grao en Intelixencia Artificial

A Rede ECIA e o CiTIUS desempeñaron un papel clave na formación práctica e investigadora dos novos especialistas en intelixencia artificial.

Alumnos de la USC en época de exámenes en la Biblioteca Concepción Arenal.

Alumnos de la USC en época de exámenes en la Biblioteca Concepción Arenal. / Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

L.R.

Santiago

A Universidade de Santiago celebra a graduación da primeira promoción do Grao en Intelixencia Artificial que iniciou a súa andaina no curso 2022-2023.

Formar especialistas en IA por primeira vez na historia de Galicia supuxo un reto de enorme magnitude para todas as persoas implicadas no proceso de construción da titulación. E entre todos os matices que acabaron por dar forma ao itinerario formativo desta xeración de novos profesionais, un dos trazos diferenciais foi a estreita colaboración establecida entre a USC e o tecido socioeconómico. A través da Rede ECIA (Entidades Colaboradoras na Formación en Intelixencia Artificial), formada por un total de 30 organizacións, distintas empresas, administracións públicas, centros tecnolóxicos e de investigación ou agrupacións sectoriais, participaron activamente na formación do alumnado.

Esta colaboración materialízase mediante a proposta de casos de uso reais para as materias de proxecto integrador, a acollida de estudantes en prácticas e a participación de profesionais externos en labores de mentorización e titorización. Actualmente, 47 profesionais colaboran neste marco, contribuíndo a achegar a realidade do sector ás aulas universitarias.

A experiencia adquirida durante estes catro anos será obxecto de análise e recoñecemento nunha xornada específica na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC (ETSE), que reunirá as entidades colaboradoras para poñer en valor o papel da cooperación entre a universidade e a sociedade na formación de talento especializado.

Participación decisiva de profesorado do CiTIUS

A consolidación do grao estivo estreitamente vinculada á participación do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes ), co financiado pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Dos 75 docentes que imparten docencia na titulación, 35 pertencen ao centro de investigación da USC. Se se consideran exclusivamente as materias de carácter tecnolóxico, a presenza do CiTIUS alcanza cerca do 70% do profesorado.

A contribución do centro esténdese tamén á actividade investigadora desenvolvida polo estudantado. Dos 35 traballos de fin de grao realizados por esta primeira promoción, 31 están a ser titorizados desde o CiTIUS. Ademais, estudantes da titulación participan regularmente en programas de bolsas de verán, bolsas de colaboración e prácticas formativas desenvolvidas en distintos grupos de investigación do centro.

Esta conexión entre a formación e a investigación proporciona ao estudantado acceso directo a algunhas das principais liñas de traballo en intelixencia artificial desenvolvidas actualmente na USC, incluíndo tecnoloxías lingüísticas, IA fiable, aprendizaxe e razoamento automáticos, robótica, computación de altas prestacións, realidade virtual e aumentada, visión por computador, ciencia e enxeñaría de datos e procesos, deseño electrónico de dispositivos intelixentes e imaxe hiperespectral.

Actos previstos con motivo da graduación

Os actos organizados con motivo desta primeira graduación comezarán o xoves 4 de xuño coa xornada da Rede ECIA, un encontro que servirá para recoñecer a implicación das entidades colaboradoras e dos profesionais que contribuíron á formación práctica do estudantado, cunha previsión de asistencia de 60 persoas directamente relacionadas coa rede.

Por outra banda, na tarde dese mesmo día terá lugar na ETSE a conferencia aberta ao público O problema de antropomorfizar a intelixencia artificial' impartida por Ramón López de Mántaras, unha das figuras máis influíntes da intelixencia artificial en España e referente internacional neste eido. A sesión ofrecerá unha reflexión sobre algúns dos principais desafíos conceptuais e sociais asociados ao desenvolvemento destas tecnoloxías.

A programación culminará o venres co acto académico de graduación da primeira promoción do Grao en Intelixencia Artificial, presidido pola reitora Rosa Crujeiras. Entre as autoridades convidadas figuran Alberto Gago, director da AESIA, que exercerá como padriño profesional da promoción, e Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.

Tracking Pixel Contents