Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Destinado a caseiros e inquilinos

Raxoi activa un servizo de asesoramento sobre alugueiro: "A subida dos prezos é inasumible"

Ponse en marcha o 15 de xuño e funcionará dous días á semana durante un ano

O Concello agarda que o Ministerio de Vivenda aprobe a declaración de zona tensionada no mes de xullo

Colas no exterior dunha inmobiliaria de Santiago

Colas no exterior dunha inmobiliaria de Santiago / Antonio Hernández

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Manu López

Manu López

Santiago

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, anunciou onte unha nova medida en materia de vivenda. Raxoi activará a partir do próximo 15 de xuño un servizo de asesoramento municipal sobre alugueiro residencial, destinado tanto a caseiros como a inquilinos. A medida forma parte do plan de medidas correctoras que acompaña a declaración de zona de mercado tensionado e chega nun momento no que a escalada de prezos sufriu unha leve desaceleración, pero continúa sendo "inasumible", segundo declarou o edil.

O novo servizo de asesoramento terá unha duración inicial dun ano e será prestado pola entidade Provivienda, cun custe para as arcas municipais de 13.000 euros. A atención será telefónica, telemática e presencial dous días á semana en horario de 9.00 a 14.00 horas. Os venres resérvanse para a modalidade presencial na sede de Urbanismo, sita no número 8 da rúa das Casas Reais, e outro día á semana será por teléfono. En caso de que o día de atención sexa festivo, trasladarase ao laborable inmediatamente anterior. Habilitarase tamén un correo electrónico para atender consultas e solicitar citas.

Lestegás declarou que esta ferramenta ten como obxectivo "garantir o acceso á información clara, actualizada e accesible, contribuíndo á resolución de dúbidas das persoas arrendadoras ou arrendatarias". Entre outras cuestións, ofrecerá información sobre a normativa vixente; orientará os inquilinos sobre a imposición de fórmulas non contempladas na lei e sobre como proceder en casos de incumprimento dos límites legais do prezo; e asesorará sobre os prezos máximos aplicables, dereitos e obrigas, bonificacións ou prórrogas dos contratos.

Declaración de zona tensionada

Mentres Raxoi vai implementando as medidas que acompañan a declaración de zona tensionada, segue á espera de obter o visto bo definitivo por parte do Goberno central. Segundo indicou o edil, as previsións pasan pola obtención da luz verde do Ministerio de Vivenda en xullo, tendo en conta que vén aprobando estas solicitudes con periodicidade trimestral e a única que tiña sobre a mesa correspondente aos tres primeiros meses do ano foi validada en abril.

Tracking Pixel Contents