Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Conectividade aérea

Lavacolla reabre e a alcaldesa saca peito da consecución de novas liñas

Goretti Sanmartín defende o traballo «en solitario» do Concello de Santiago para lograr tamén unhas mellores frecuencias de voos internacionais e reclama de novo un «sistema aeroportuario galego»

Acto de inauguración da ruta entre Santiago e Nova York, o pasado 28 de maio

Acto de inauguración da ruta entre Santiago e Nova York, o pasado 28 de maio / Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Goretti Sanmartín compareceu este venres no Pazo de Raxoi para dar conta da apertura, logo das obras, do aeroporto Lavacolla-Rosalía de Castro, e poñer o foco en que se cumpriron os prazos, de cara á proximidade da tempada «máis intensa, sen ningunha dúbida» para o turismo da cidade, «algo do que nos temos que parabenizar colectivamente».

A rexedora apuntou ás noticias dos últimos días sobre o establecemento de novas conexións, con cidades coma Nova York, Xerez, Amsterdam e Cork, así coma o incremento de frecuencias con Dublín, entre outras cidades. «Temos nestes momentos 17 conexións internacionais con 74 frecuencias e unha diversidade de compañías, que era tamén un dos obxectivos que tiñamos dende o departamento de Turismo de Santiago».

Sanmartín puxo en valor o conseguido e afirmou que se trata do «resultado dun traballo intenso, continuado, longo, feito polo Concello de Santiago en solitario, porque tamén, teño que dicir, unha semana máis, que seguimos sen esa política de coordinación e impulso do sistema aeroportuario galego que demandamos», en referencia á falta de colaboración que dende o Concello lle critican á Xunta de Galicia.

«Fronte ao ruído que moitas veces hai, o que dá resultado é o traballo», afirmou a alcaldesa, que defendeu que dende o departamento dirixido pola concelleira Míriam Louzao se fai un «traballo calado e intenso, con obxectivos moi claros e creo que compartidos pola maioría da veciñanza: convivencia e sostibilidade en canto a turismo». A rexedora defendeu unha vez máis que unha cidade boa para os que nela viven é tamén unha boa cidade para quen a visita.

Encontro de turismo

Goretti Sanmartín fixo referencia ao encontro, organizado dende a Rede Galabra de turismo, onde estivo presente o Concello de Santiago. «Falamos e escoitamos o que se di dende as investigacións que tratan do ámbito do turismo, as preocupacións da veciñanza e ese interese común por preservar os valores culturais, patrimoniais, comunitarios... Que fan de Santiago o que é. A nosa esencia».

A rexedora defendeu que o goberno local segue a traballar «nesa liña, nesa folla de ruta, que implica reorientar os fluxos» turísticos, e neste sentido a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, tivo xa xuntanza coa Xunta de Galicia e co Arcebispado de Santiago para ver de resolver a saturación que supoñen as colas de acceso á Catedral, máis aínda de cara ao próximo ano, 2027, Ano Xacobeo.

Na procura de aeroliñas

Nos últimos días tamén foi noticia, como recollía EL CORREO GALLEGO, a intención dunha empresa galega de crear unha nova aeroliña que opere dende o aeroporto Rosalía de Castro. Trátase de Fly2Galicia, detrás da que está a sociedade limitada Aviation and Mobility Services Group. Ao respecto desta noticia, que saltou a través das redes sociais, a concelleira de Turismo asegurou que dende o goberno local «levamos moito tempo en conversas». Mais non deu máis datos mentres estes non poidan ser oficiais.

Na mesma liña tamén se pronunciou a titular de Turismo, Míriam Louzao, sobre as declaracións da empresa Ryanair, que deixou a súa base en Lavacolla e que protesta, non só en Compostela, polas taxas que deben asumir as aeroliñas. Louzao asegura que as conversas son constantes con esta empresa, e que a sintonía é boa, de cara a que a aeroliña irlandesa volva ter en Compostela a actividade que tiña.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents