Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A USC agarda un novo calendario

Un derrumbamento do terreo atrasa as obras da nova facultade de Farmacia

A empresa adxudicataria OHLA presentará en xullo un novo plan de execución cun incremento do orzamento previsto

A USC ultima o traslado dos libros de Historia para recuperar a cafetería

Maquinaria e materiais para a construción da nova Facultade de Farmacia da USC, integrada no complexo Ciencias da Saúde do Campus Sur.

Maquinaria e materiais para a construción da nova Facultade de Farmacia da USC, integrada no complexo Ciencias da Saúde do Campus Sur. / Antonio Hernández

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

A Universidade de Santiago continúa avanzando nas principais actuacións de infraestruturas previstas nos seus campus, con especial atención á primeira fase do futuro complexo de Ciencias da Saúde, unha obra que concentra boa parte dos investimentos comprometidos pola institución nos vindeiros anos e que ten un retraso sobre o grao de execución prevista.

No edificio de prácticas e laboratorios da Facultade de Farmacia xa se acadaron as cotas de cimentación previstas, mentres que no futuro aulario continúan os traballos nun sector que ten unha execución máis complexa desde o punto de vista técnico.

O vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade da USC, Pablo Durán, explica que durante as escavacións realizadas na zona máis próxima á Escola Técnica Superior de Enxeñaría produciuse un derrubamento do terreo que obrigou a adoptar medidas correctoras e alterou o calendario previsto. «Tiveron que facer unha solución que paralizou uns meses a obra, se ben no mes de maio recuperouse un pouco o ritmo», sinala.

Despois de reunirse o mércores 3 de xuño coa dirección de obra, Durán mantivo este venres un encontro cos responsables da empresa adxudicataria OHLA para coñecer o novo plan de obra tras unha suspensión temporal dos traballos, iniciados en novembro do pasado ano e prolongados durante case tres meses. «A empresa mudou os directores de execución recentemente e ata mediados de xullo non teremos novas cifras», aclara. A fase 1 de Ciencias da Saúde fora licitada nun primeiro momento por 23,7 millóns de euros e para este exercicio estaba prevista unha execución de 7,4 millóns.

Por outra banda, continúan os traballos da fase 1A da reforma integral da Facultade de Medicina e Odontoloxía. Durante a execución xurdiron diversas incidencias que obrigaron a prolongar algúns procesos, ata o punto de que a empresa adxudicataria solicitou ampliar o prazo de execución ata o mes de xullo. Entre as actuacións previstas figura a habilitación de novos espazos docentes, entre eles unha aula de simulación que deberá estar operativa para o inicio do próximo curso académico en setembro.

Inminente traslado dos fondos da cafetería de Xeografía e Historia para un espazo na planta baixa do edificio

No ámbito patrimonial, a USC avanza igualmente na rehabilitación do edificio da antiga cafetería da Facultade de Xeografía e Historia. O inmoble foi adaptado provisionalmente como depósito de publicacións periódicas da biblioteca tras a tramitación dun expediente de emerxencia en 2024, pero a intención da universidade segue sendo recuperar o seu uso orixinal. Neste sentido, nas vindeiras semanas levarase a cabo o traslado de 27.000 fondos bibliográficos a un espazo na planta baixa do edificio principal da facultade para liberar o espazo e preparar a futura licitación da concesión. «Estivemos estudando o proxecto que había, xa que tiña un custo elevado para a empresa adxudicataria, polo que lle daremos unha volta para requirir un menor investimento e poder proceder o antes posible á súa reapertura», explica Durán.

«Os recursos da USCson insuficientes para atender todas as necesidades de infraestruturas»

Pablo Durán

— Vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade da USC

Dous millóns anuais para obras e 1,2 millóns para repartir entre facultades para o seu mantemento

As actuacións de conservación e rehabilitación inclúen tamén os traballos de saneamento de fachadas e carpinterías realizados no Instituto da Lingua Galega, xa rematados, que «permitiron mellorar tanto a conservación do edificio como a súa eficiencia enerxética» cun financiamento do Consorcio de Santiago.

Todas estas intervencións enmárcanse no Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026 e no actual Plan de Infraestruturas Universitarias, aínda que desde a USC admiten que os recursos dispoñibles resultan «insuficientes» para responder a todas as necesidades de conservación, mantemento, rehabilitación e mellora requeridas dun parque inmobiliario amplo, diverso e con numerosos inmobles de alto valor patrimonial. Isto, en palabras do vicerreitor, fai que «sexa preciso seguir avanzando en futuras planifacións e marcos de financiamento».

Durante as últimas semanas, a Universidade vén mantendo reunións cos distintos decanatos para establecer prioridades de actuación de cara aos próximos meses. «Hai intervencións por goteiras que hai que facer urxentemente en verán, pero polo de agora non temos a foto de todas as obras previstas de cara a finais de ano», indica o vicerreitor.

Cada ano repártense arredor de 1,2 millóns de euros entre facultades e escolas para pequenas actuacións de mantemento, unha contía que se distribúe en función da superficie dos centros e do número de estudantes e persoal docente e investigador. Ademais, a USC reserva aproximadamente dous millóns de euros para obras, melloras e reparacións, aínda que esa partida tamén debe facer fronte a gastos sobrevidos derivados do incremento dos custos enerxéticos, do IVE ou das necesidades que xorden en residencias universitarias, instalacións deportivas e outros servizos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents