Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Escolas municipais de Santiago

Raxoi saca a concurso a xestión dos centros infantís de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío por 3,1 millóns

Con esta licitación cóbrese o servizo ata 2028

Os pregos no novo contrato promoven con ata 20 puntos a atención á diversidade

Escolas infantil de Conxo

Escolas infantil de Conxo / Maps

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Coma cada luns, a voceira do goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta dos asuntos aprobados pola xunta de goberno local, e referiu tamén as cuestións tratadas na xunta extraordinaria do pasado xoves. Unha delas a aprobación do expediente para a contratación do servizo de xestión das escolas infantís municipais, xa publicada na plataforma estatal, cun orzamento base de licitación de 3.130.984 euros.

As tres escolas infantís de titularidade municipal son as de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños e van ter cuberto o servizo con esta nova contratación até 2028 (cun crédito de 543.174 en 2026, de 1.565.492 en 2027, e de 1.022.317 euros en 3038). A edil indicou tamén que o prazo para presentar ofertas será ata o día 9 de xullo.

Unhas cifras que supoñen, segundo explicou a tamén concelleira de Educación, “un 24,8% máis que o contrato anterior, que fora adxudicado en 2021”. “Este aumento importante do orzamento deriva, por un lado, pola obriga de absorber as novas condicións salariais que recolle o convenio”, apuntou Míriam Louzao, mais tamén “do incremento dos custos das materias primas de comedores e dos materiais didácticos”.

“Reforma estrutural”

A concelleira de Educación indicou durante a súa comparecencia de prensa que este novo contrato “introduce unha reforma estrutural na xestión das escolas infantís porque pasamos dun modelo ríxido, de pago mensual fixo, a un sistema de prezos unitarios por hora efectiva real”.

Desta maneira o número total de horas de servizo ao ano será de 60.574,54 e “este deseño vai funcionar coma un sistema de vasos comunicantes, onde calquera aforro se vai investir en melloras educativas”. Louzao puntualizou tamén que os pregos reorientan os criterios de adxudicación “asignándolle maior puntuación, por exemplo, ao reforzo de educadoras nas horas críticas ordinarias”.

Outras das melloras do novo contrato refirense á saúde e á seguridade alimentaria. Así, o servizo de comedor e cociña “deixa de ser un espazo asistencial de alimentación para converterse nun programa de seguridade sanitaria e pedagoxía nutricional”.

Persoal específico

A concelleira recalcou que as persoas cociñeiras xa non terán, como até o de agora, que realizar labores de limpeza nos comedores, senón que se dotará de persoal específico. Por outra banda, mellórase a transparencia “ao obrigar a empresa adxudicataria a presentar unha memoria de custos directos antes do 30 de setembro, referida ao curso anterior”.

Míriam Louzao fixo referecia á mellora da conservación diaria destas tres instalacións “sen implicar en ningún caso os investimentos en obras estruturais que seguen a ser competencia do Concello fóra deste prego”.

Finalmente, os pregos do novo contrato promoven con ata 20 puntos a atención á diversidade e outorgan 5 puntos para as empresas que ofrezan ferramentas de detección precoz e 15 puntos para as que ofrezan unha bolsa de ata 450 horas de especialistas de atención temporal e estimulación.

Tracking Pixel Contents