Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Campaña informativa en Praza Roxa

Estudantado de Odontoloxía da USC sae á rúa para concienciar sobre o cancro oral

O material informativo inclúe datos sobre alteracións potencialmente malignas e un código QR que leva a un vídeo sobre autoexploración

Estudantes de Odontoloxía da USC promoven na Praza Roxa unha campaña para concienciar a cidadanía arredor da prevención do cancro oral.

Estudantes de Odontoloxía da USC promoven na Praza Roxa unha campaña para concienciar a cidadanía arredor da prevención do cancro oral. / Santi Alvite

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

L.R.

Santiago

Estudantado de Odontoloxía da Universidade de Santiago participa este martes na Praza Roxa de Santiago e na lucense Rúa da Raíña, nunha campaña informativa destinada a concienciar á poboación da existencia do cancro oral e de como os propios pacientes poden participar no diagnóstico cun sinxelo acto de autoexploración. 

Ao longo da mañá, o estudantado, en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro, o Colexio de Odontólogos da Coruña, o Colexio de Hixienistas Dentais de Galicia e o Colexio de Odontólogos da capital lucense, transmite información á cidadanía sobre esta enfermidade. De forma simultánea, lévanse a cabo revisións na Unidade de Medicina Oral na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC. O material informativo que se entrega foi confeccionado polo estudantado e inclúe información sobre cancro oral e alteracións potencialmente malignas así como un código QR que leva a un vídeo sobre autoexploración. O proxecto conta co perfil de Instagram canceroralusc_ onde o estudantado transmite información do cancro oral e dá a coñecer a campaña.

Unha úlcera na boca que tarda en curar máis de dúas semanas, un vulto ou unha mancha branca ou vermella que non desaparece, poden ser signos de cancro oral”, sinala a profesora da USC Pilar Gándara. Ante estas situacións, destaca, “o paciente debería acudir ao seu odontólogo de confianza para ser revisado”. 

A profesora da USC Pilar Gándara é unha das impulsoras da iniciativa.

A profesora da USC Pilar Gándara é unha das impulsoras da iniciativa. / Santi Alvite

"Con esta iniciativa pretendemos facer consciente ao estudantado da súa responsabilidade coa sociedade en xeral ante estas campañas e o seu papel como futuros profesionais na prevención desta enfermidade”, subliña a profesora Gándara, impulsora da iniciativa xunto a Andres Blanco Carrion, Manuel Somoza Martín, Mario Pérez Sayáns García, Mercedes Gallas Torreira, Maria Dolores Reboiras López, Eva Otero Rey, Flavio Seijas Naya, Cinthia Chamorro Petronacci e Abel García García. A campaña desenvólvese ao abeiro da décima convocatoria de proxectos en Aprendizaxe-Servizo da USC baixo a denominación STOPcancerOral. 

Máis de 250 tumores de beizo, cavidade oral e farinxe diagnosticados en Galicia en 2023

O cancro oral está relacionado co consumo de tabaco e alcol, a exposición prolongada ao sol (beizo) ou ao virus do papiloma humano, entre outros. Segundo o Rexistro Galego de Tumores no ano 2023 diagnosticáronse só en Galicia 266 tumores de beizo, cavidade oral e farinxe. A nivel mundial, segundo datos de Globocan, onde se consideran só beizo e cavidade oral, é o décimo sexto tumor en incidencia, máis alta que o melanoma que ocupa a 17ª posición .

Tracking Pixel Contents