Saltar al contenido principalSaltar al pie de página
Decide o teu futuro

O IES As Fontiñas, único centro en Santiago con Bacharelato Xeral

Entre a súa oferta formativa inclúe dous ciclos superiores con emprego garantido: Proxectos de Edificación e Proxectos de Obra Civil

IES As Fontiñas, en Santiago de Compostela.

IES As Fontiñas, en Santiago de Compostela. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Santiago

Nun momento no que moitos estudantes dubidan entre diferentes itinerarios académicos e profesionais, o IES As Fontiñas reivindica dúas das súas ofertas máis singulares para o próximo curso: o Bacharelato Xeral, pois é o único centro público de Santiago que o imparte, e varios ciclos formativos cunha empregabilidade próxima ao 100 %.

A directora do instituto, Chus Prieto, considera que o Bacharelato Xeral segue a ser un gran descoñecido a pesar das súas vantaxes. “En realidade, é a opción máis flexible para o alumnado”, resume.

Un bacharelato para quen aínda non ten claro o seu camiño

Implantado coa entrada en vigor da LOMLOE, o Bacharelato Xeral permite configurar un itinerario máis personalizado que as modalidades tradicionais que xa viña ofertando o centro: por unha banda, Ciencias e Tecnoloxía e, por outra, Humanidades e Ciencias Sociais.

Segundo explica Prieto, o Bacharelato Xeral está especialmente pensado para estudantes que aínda non teñen definido o seu futuro académico ou profesional, para aqueles que contemplan cursar un ciclo superior antes de acceder á universidade ou para quen quere combinar materias de diferentes ámbitos.

Podes fabricar ti o itinerario. Hai alumnado que quere cursar Bioloxía, por exemplo, pero sen ter que facer todo un bacharelato científico-tecnolóxico. Este modelo dálle esa posibilidade”, sinala.

A directora destaca que o mercado laboral e a propia universidade evolucionaron moito nos últimos anos, coa aparición de novos graos que non encaixan necesariamente nas divisións clásicas entre ciencias e letras.

Hai moitos graos novos que non requiren tanta especialización previa. Este bacharelato adáptase moi ben a esa realidade”, afirma.

Ademais, lembra que se trata dun bacharelato plenamente homologado, que permite acceder ás Probas de Acceso á Universidade en igualdade de condicións que o resto das modalidades.

“Dá un pouco de medo porque aínda é pouco coñecido, pero é exactamente un bacharelato como os demais e tamén permite facer a PAU”, explica.

Para o próximo curso, o IES As Fontiñas dispón aínda de 10 prazas vacantes nesta modalidade. Tamén quedan 13 prazas no Bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía e 20 no de Humanidades e Ciencias Sociais.

Formación profesional con saída laboral inmediata

Outra das fortalezas do centro é a súa ampla oferta de Formación Profesional. Neste ámbito, destaca a familia de Edificación e Obra Civil, onde se imparten os ciclos superiores de Proxectos de Edificación e Proxectos de Obra Civil.

Trátase de estudos que, malia a súa elevada inserción laboral, continúan sendo pouco coñecidos entre o alumnado.

Son ciclos cunha empregabilidade do 100 %. Houbo momentos nos que mesmo estiveron a piques de pecharnos algunha destas ensinanzas por falta de matrícula, e é unha pena porque teñen moitísima saída laboral”, lamenta Prieto.

Os titulados especialízanse na representación gráfica, modelado tridimensional e deseño técnico de edificios, infraestruturas, urbanizacións, estradas, pontes ou espazos públicos, utilizando programas profesionais empregados no sector da arquitectura e da enxeñaría.

A directora fala desde a experiencia, xa que tamén é arquitecta. Por iso considera que estes ciclos son unha excelente porta de entrada para estudos universitarios posteriores.

“Se eu tivese feito antes un destes ciclos, tería levado media carreira de Arquitectura adiantada. Son estudos moi prácticos e permiten dominar ferramentas profesionais que logo se utilizan na universidade e no mercado laboral”, asegura.

Unha oferta única en España

O IES As Fontiñas conta ademais cunha singularidade pouco habitual: é o único centro de España que oferta o ciclo superior de Proxectos de Edificación na modalidade a distancia.

Esta opción permite que alumnado de diferentes puntos do país poida cursar estes estudos sen necesidade de desprazarse, apoiado nunha metodoloxía que o centro leva anos perfeccionando.

Temos profesorado con moita experiencia e unha preparación moi coidada dos materiais e das tarefas. Iso fai posible que o alumnado poida seguir os estudos con garantías tamén na modalidade a distancia”, destaca Prieto.

A esta oferta súmase toda a familia profesional de Administración e Xestión, desde o ciclo básico de Servizos Administrativos ata os ciclos superiores de Administración e Finanzas e Asistencia á Dirección, incluíndo tamén modalidades a distancia.

Con máis de 500 ordenadores ao servizo da actividade docente e unha oferta educativa que combina flexibilidade académica e alta empregabilidade, o IES As Fontiñas busca posicionarse como alternativa con itinerarios capaces de adaptarse ás necesidades reais do alumnado e ás demandas dun mercado laboral cada vez máis cambiante.

Tracking Pixel Contents