O IES San Clemente reforza a formación en ciberseguridade e IA para responder á demanda das empresas
O centro compostelán combina ciclos superiores de informática, cursos de especialización e formación a distancia para persoas adultas nun dos ámbitos con maior empregabilidade

Alumnado de Formación Profesional. / E. P.
A especialización converteuse nun dos grandes valores engadidos da Formación Profesional vinculada ás novas tecnoloxías. Así o defende o director do IES San Clemente, Víctor Lourido, que destaca a importancia dos cursos de especialización para un alumnado que cada vez se incorpora a un mercado laboral máis esixente e cunha demanda crecente de perfís tecnolóxicos altamente cualificados.
“O alumnado que remata un ciclo e continúa cun curso de especialización conta cun punto moi importante ao seu favor”, explica Lourido. “Moitas empresas xa están buscando profesionais con formación especializada”.
O centro compostelán está especializado na familia profesional de Informática e Comunicacións, unha área que concentra toda a súa oferta presencial de Formación Profesional. Para o próximo curso impartirá os ciclos superiores de Administración de Sistemas Informáticos en Rede (ASIR), con grupos de mañá e tarde; Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma (DAM); e o ciclo plurilingüe de Desenvolvemento de Aplicacións Web (DAW). A esta oferta súmase o máster de Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da información, un dos estudos que espertan maior interese entre o alumnado.
Interese pola ciberseguridade
Precisamente a ciberseguridade figura entre os ámbitos con máis demanda. Segundo explica o director, tanto a modalidade presencial como a distancia rexistran un elevado interese. O mesmo sucede cos estudos relacionados coa intelixencia artificial, un sector en plena expansión que este ano gaña protagonismo na oferta do centro.
“Este ano o Ministerio creou a familia profesional de Intelixencia Artificial e Data e nós comezamos a ofertar un dos seus cursos de especialización”, destaca Lourido. A novidade reforza unha programación que xa incluía outros estudos avanzados vinculados ás tecnoloxías emerxentes.
Entre os cursos de especialización a distancia figuran tamén os de Intelixencia Artificial e Big Data, Desenvolvemento de videoxogos e realidade virtual, Desenvolvemento de aplicacións en linguaxe Python, ademais de dúas incorporacións para o próximo curso: Despregamento de produtos de software en contedores e Aprendizaxe automática: xestión de datos e adestramento.
O director chama especialmente a atención sobre o curso de Python, unha formación que non está pensada unicamente para informáticos. “Pode realizala alumnado doutras familias profesionais para incorporar ferramentas informáticas ao seu propio ámbito de traballo”, explica. A pesar das súas posibilidades, considera que aínda é unha opción pouco coñecida entre titulados doutros sectores.
Educación a distancia para adultos
Xunto á Formación Profesional, o San Clemente mantén unha importante aposta pola educación a distancia para persoas adultas. O centro oferta tanto a Educación Secundaria para Persoas Adultas (ESPA) como o Bacharelato para persoas adultas, unha vía que permite continuar a formación a quen non dispón da titulación necesaria para acceder a determinados estudos.
“O alumnado que non pode entrar nun ciclo porque lle falta a titulación ten a posibilidade de completar a ESO ou o Bacharelato a distancia e continuar despois o seu itinerario formativo”, sinala Lourido.
A modalidade a distancia constitúe un dos sinais de identidade do centro. Neste caso, a matrícula realízase de forma modular, permitindo que cada estudante curse as materias que mellor se adaptan ás súas necesidades persoais ou profesionais. Os módulos de primeiro curso adoitan concentrar a maior demanda, especialmente nos ciclos de ASIR, DAM, DAW e Sistemas Microinformáticos e Redes (SMR).
Segundo explica o director, as prazas dos ciclos presenciais adoitan cubrirse completamente no primeiro curso e a formación a distancia mantén tamén unha elevada ocupación. Un comportamento semellante rexistran os cursos de especialización, cada vez máis valorados por empresas que buscan profesionais capaces de responder aos retos da transformación dixital, a automatización, a intelixencia artificial ou a protección de datos.
- La Panadería Moure dice adiós a Pontepedriña tras más de 70 años: «Los clientes venían porque les gustaba nuestro pan, pero también por el trato»
- Compostela perde un dos seus activistas culturais: morre aos 52 anos Gonzalo Suárez Castro, da Unitaria
- Un vehículo se sale de la vía en una calle de Santiago, se empotra contra un banco y deja varias personas heridas
- Las fiestas de a Nosa Señora da Mercé de Conxo vuelven con música, pulpo y un emotivo homenaje a Kiko Fernández
- Cuatro orquestas y diez conciertos: la gran verbena con Los Satélites que llega esta semana a 30 minutos de Santiago
- Christian Gálvez vuelve a Galicia: «Elegí Jacob para el ‘prota’ del libro que abre la saga como homenaje a Santiago»
- Suspendido el mayor festival de música urbana de Santiago
- El diésel y la gasolina cambian de precio este martes tras la bonificación del Gobierno: así queda el precio del litro en Santiago