Saltar al contenido principalSaltar al pie de página
Decide o teu futuro

O Politécnico de Santiago aposta pola FP con máis futuro laboral

O CIFP dirixido por Nicolás Espasandín reforza a súa oferta para o próximo curso con formación dual intensiva e propostas pensadas para incorporarse axiña ao mercado de traballo e formación de alta especialización

O ciclo superior de Xestión da auga conta con 12 prazas en modalidade dual intensiva.

O ciclo superior de Xestión da auga conta con 12 prazas en modalidade dual intensiva. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Santiago

O CIFP Politécnico de Santiago abrirá o próximo curso cunha oferta ampla e claramente orientada á empregabilidade. O centro integrado, dirixido por Nicolás Espasandín desde 2021, ofrecerá 24 titulacións en distintas familias profesionais, réximes e modalidades, desde grao básico ata ciclos superiores, cursos de especialización e formacións aceleradas.

A oferta inclúe FP Básica en Carpintaría e moble; graos medios en Instalacións eléctricas e automáticas, Instalacións de telecomunicacións, Soldadura e caldeiraría, Carpintaría e moble, Operacións de laboratorio, Carrozaría, Electromecánica de vehículos automóbiles; e graos superiores en Sistemas electrotécnicos e automatizados, Sistemas de telecomunicacións e informáticos, Automatización e robótica industrial, Mantemento electrónico, Construcións metálicas, Mecatrónica industrial, Deseño e amoblamento, Laboratorio de análise, Química e saúde ambiental, Automoción e Xestión da auga. A maiores, ofertará cursos de especialización en Ciberseguridade, Robótica colaborativa, Inspección técnica e peritaxe de sinistros en vehículos e Mantemento e seguridade en sistemas de vehículos híbridos e eléctricos.

O CIFP Politécnico de Santiago ofrece no vindeiro curso 24 titulacións.

O CIFP Politécnico de Santiago ofrece no vindeiro curso 24 titulacións. / Cedida

Xestión da auga

Entre toda esa oferta, Espasandín quere poñer o foco en tres propostas. A primeira é o ciclo superior de Xestión da auga, que o centro comezou a impartir o pasado curso tras adaptar a súa formación ás necesidades das empresas. Conta con 12 prazas en modalidade dual intensiva, con cinco meses no centro e catro na empresa, xa con prácticas remuneradas desde o primeiro curso.

“Estamos tan acostumados a abrir a billa e que saia auga limpa que parece algo automático, pero detrás hai toda unha industria”, lembra o director, que insiste na importancia de formar profesionais capaces de garantir a depuración, filtrado e retorno da auga aos ríos. Segundo explica, é unha titulación con moi boa saída e demanda empresarial, especialmente por parte de compañías e servizos municipais vinculados ao ciclo da auga.

Automatización e robótica industrial

Outra das apostas será a formación de Automatización e robótica industrial combinada con módulos de Mecatrónica industrial, unha vía de alta especialización en dual intensiva con empresas como Finsa. O perfil, subliña Espasandín, resulta útil para “calquera industria que teña unha liña automatizada ou unha planta de produción”.

A oferta do Politécnico de Santiago está orientada á empregabilidade.

A oferta do Politécnico de Santiago está orientada á empregabilidade. / Cedida

Montaxe de instalacións de tubaxe

A terceira liña destacada é a formación acelerada de Montaxe de instalacións de tubaxe e construción de carpintaría metálica, vinculada ao ciclo de Soldadura e caldeiraría. Trátase dunha proposta de curta duración, con formación no centro entre setembro e decembro e prácticas en xaneiro e febreiro, que permite obter un certificado profesional habilitante para traballar. Para quen queira continuar, eses módulos poden ir sumándose ata completar o ciclo.

O prazo de solicitude para a oferta de FP será do 15 ao 30 de xuño, segundo indica o director, nun contexto no que o Politécnico busca facer visible non só a variedade da súa oferta, senón tamén o seu vínculo directo co tecido produtivo. “Se o que interesa é incorporarse rápido ao mercado laboral, coa formación adaptable e á medida, a acelerada é o máis axeitado”, resume Espasandín.

Tracking Pixel Contents