Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Goretti Sanmartín Alcaldesa de Santiago

Goretti Sanmartín: «É impensable que o presidente da Xunta non atopase un oco para reunirse comigo»

Defende os investimentos do seu goberno no rural que «superan o comprometido» e saca peito coas iniciativas de vivenda e co cambio de modelo urbano

A alcaldesa Sanmartín posa no seu despacho co cadro do histórico alcalde de Santiago Ánxel Casal

A alcaldesa Sanmartín posa no seu despacho co cadro do histórico alcalde de Santiago Ánxel Casal / Antonio Hernández

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Na última entrevista coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, falamos do seu gusto por casar parellas aínda que non se atreveu a definirse mellor ou non que o arcebispo Francisco Prieto. A conversa deste ano, curiosamente, tamén estivo marcada pola voda, que tiña que oficiar 50 minutos despois do inicio da entrevista. Entre un picheleiro e unha catalá era o casamento, pero Sanmartín non quixo emular a León XIV e oficiou en galego.

Na súa presentación como candidata asegurou que asumía a responsabilidade con «ilusión e gañas para consolidar o proxecto do BNG en Compostela». Confía en revalidar a alcaldía?

Dende logo que si. Confío en revalidar porque creo que a maioría da poboación de Compostela sabe perfectamente que temos un grupo que se está desvivindo por Santiago. Sabe tamén que os ciclos teñen que ser máis longos, que non podemos andar sempre mirando medidas curtopracistas que poidan acabar en catro anos e que se necesita un ciclo un pouco máis longo para continuar a desenvolver proxectos que transformen Compostela. Temos moitas gañas, creo que a xente sabe que só hai dúas solucións despois das eleccións de maio de 2027: ou continuamos avanzando e transformando esta cidade con políticas sociais, de modelo urbano... Ou imos a un modelo do Partido Popular que xa sabemos o que significou nesta cidade.

E que balance fai do seu goberno, pero sobre todo que proxectos quere resolver antes de que remate a lexislatura?

Non podemos facer previsións tendo en conta maio de 2027, facémolas tendo en conta as necesidades de que saian adiante proxectos. O transporte está na última fase, espero que quede unha mesa última para adxudicar e que xa a partir dese momento poida ser unha realidade. Sabemos que pode tardar uns meses en implementar todo o que é o conxunto de buses, pero xa dende o primeiro día poderemos ter o bus nocturno, as liñas alimentadoras do rural, maiores frecuencias... E creo que todo isto vai ser unha realidade nos próximos meses.

En materia de vivenda acaban de anunciar esta semana unha orferta pública de adquisición.

Imos ter unha serie de edificios abandonados, poder rehabilitalos, compralos, a cargo deses tres millóns de euros. E iso unido a que, no próximo mandato, tamén será unha realidade a entrega dos primeros pisos de vivenda protexida, alugueiros accesibles, na Caramoniña. Vaise ver o cambio de modelo turístico... Hai moitísimas cuestións que fomos capaces de poñer en marcha. E en canto ao conector central, temos un proxecto piloto da primeira fase, o proxecto non se vai ver, pero o inicio do proxecto espero que si. A xente é moi consciente de que os ciclos electorais son curtos para o que significa a tramitación administrativa, o fundamental é o que está por vir, e dentro do que está por vir a transformación do conector central vai ser un antes e un despois en Compostela.

O rural non é unicamente competencia municipal, pero todos os grupos o levaron no programa electoral de 2023. Eles seguen denunciando abandono.

Fixemos un incremento importante de investimentos no rural. E, sobre todo, con esa intención nosa de que o rural norte fose máis favorecido, porque era o máis discriminado. Foi unha aposta deste Concello dende o primeiro momento o social, o incremento do servizo de axuda no fogar. No último Consello de medio rural presentamos un cadro onde ensinamos un por un todos os investimentos que se fixeron nestes anos do noso mandato e dixemos en que estado estaba cada unha desas obras. E conseguimos unha cantidade importante, pero ese desenvolvemento require que eses proxectos sexan revisados por Augas de Galicia. Entendo perfectamente as urxencias porque o rural de Santiago leva tempo nunha situación de discriminación histórica, pero son conscientes de que iso non se vai solucionar nin nun ano nin en catro, que necesitamos seguir a unha marxe de oito ou dez anos para poder dicir que pode haber unha mudanza. Pero os investimentos que fixemos en saneamento e abastecemento son moi importantes, e a revolución do transporte porque a implantación do novo modelo é un dos beneficios máis grandes para o rural.

Sabemos os logros no proxectado: taxa turística, regulación das VUT, declaración de zona residencial tensionada e esta semana lanzan a proposta de adquisición pública para rehabilitar o parque de vivenda con alugueiros accesibles. Que pode facer neste ano de lexislatura máis alá do que se fixo?

Hai que saber que algunhas cuestións tiveron a oposición frontal da Xunta, que tentou que non se levasen a cabo. O imposto de estadías turísticas chegou máis tarde do esperado, a Xunta puxo unhas condicións gravosas para o concello ao ter que encargarse da xestión e da recadación e o mesmo coa zona tensionada. E agora para rehabilitar, eses tres millóns de euros, puideron ser unha realidade antes. Levamos a cabo cousas, por primeira vez na historia do concello, como poñer en poxa pública un edificio a través do Rexistro de Soares.

A respecto do Ensanche Norte , cal é a opinión do goberno pese a que non sexa un proxecto local?

Parécenos moi ben que poida haber tamén neste caso un desenvolvemento con construción de vivenda e de feito tamén cedemos parcelas á Xunta. O que nos parece é que a vivenda protexida debe estar estendida polo conxunto do territorio e non só acumulada nalgúns lugares. Creo que temos que ir a un modelo de urbanismo que supere o que se fixo no século XX.

O avance no incremento da dotación da Xunta a Santiago pola capitalidade foi tímido.

Tímido por non dicir ridículo pero creo que se seguirá avanzando porque despois de estar estancado durante moito tempo a nosa reivindicación foi tan grande e entendida polo conxunto da poboación que a Xunta non sería capaz de manter un novo estancamento. Mesmo algunhas persoas relevantes do PP dixeron que a cantidade que se nos dá nestes momentos xa foi superada hai máis de 15 anos. Non nos poden intentar vender pasar de 2,4 a 3 millóns en 3 anos como algo importantísimo, creo que se viron obrigados a facelo porque temos estudos rigorosos e porque o presidente da Xunta non cumpriu o que acordou comigo na primeira reunión é única que tivemos para poder definir que houbese xuntanza do Consello da Capitalidade. É impensable que o presidente non teña tempo para Santiago, vai a outros concellos máis pequenos, non digo que non teñan dereito, por suposto, pero a capital do país con temas tan importantes como a cuestión de turismo ou as infraestruturas... É impensable que o presidente da Xunta non encontrase un oco para reunirse nunca máis.

Dende o PP tráese a colación a inseguridade, liortas tumultuarias, problemas co lecer nocturno... Dende o goberno deféndese que non se incrementa a criminalidade pero que comprenden que se perciba de inseguridade.

Creo que os datos avalan que Santiago é unha cidade segura, os da delegación do Goberno, do ministerio. Temos as cifras máis baixas a respecto doutras cidades da contorna, doutras cidades galegas e do Estado. E non é que o diga eu como alcaldesa senón que o di a comisaria. Que acontece? Entendemos que poida haber percepción de inseguridade en determinados lugares, ligados ao exterior dalgúns locais nos que ás veces se producen altercados. Elementos que poden axudar a incrementar esa percepción de inseguranza. Increméntanse os furtos pero estabamos en cifras moi pequenas. Tamén preocupa o consumo de estupefacientes. Temos que actuar, así o transmitimos á Delegación do Goberno e así o entenderon, creo que eses reforzos que se van ver e a colaboración do Concello de Santiago para estar vixilando que os locais cumpran as normativas axudará a volver a unha perspectiva integral de que Santiago é unha cidade segura.

Tracking Pixel Contents