Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Patrimonio

Raxoi autoriza obras para rehabilitar dous espazos singulares da Catedral de Santiago

As licenzas aprobadas permitirán intervir no museo do Coro Pétreo do Mestre Mateo e nas sacristías da capela do Cristo de Burgos

A xunta de goberno tamén deu luz verde á reparación da Quinta dos Fuentes, da que se fará cargo o Consorcio

Colas en la Catedral de Santiago

Colas en la Catedral de Santiago / E. N.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Manu López

Manu López

Santiago de Compostela

A xunta de goberno do Concello de Santiago outorgou este luns licenzas de obra para o desenvolvemento de actuacións en dous espazos da Catedral de Santiago. A primeira delas refírese á rehabilitación e ampliación do espazo do museo no que se expón o Coro Pétreo do Mestre Mateo, situado nos sotos do claustro nunha zona coñecida como Buchería. Este proxecto ten o obxectivo de mellorar a musealización da reconstrución parcial do coro, que se inaugurou neste emprazamento no ano 1999, segundo explicou a voceira de Raxoi, Míriam Louzao.

A nova organización espacial que se propón aumenta a zona expositiva para incorporar novas pezas, moitas delas descubertas nas excavacións arqueolóxicas realizadas entre os anos 2017 e 2021. Tamén procura mellorar a visión do fragmento de calzada medieval que está na zona de acceso á actual sala. Intervirase nunha superficie total de 306,82 metros cadrados, dos cales 149,70 serían de ampliación.

“O proxecto organizará tamén o percorrido e o discurso positivo arredor das pezas pertencentes ao coro pétreo incorporando un entarimado de madeira e tamén se renovará a iluminación para buscar unha analoxía coa forma en que a luz natural atravesaba os ocos da fachada sur da nave e iluminaba o coro primitivo”, explicou Louzao.

Capela do Cristo de Burgos

Ademais, o goberno local deu luz verde á licenza para a restauración das sacristías da Capela do Cristo de Burgos, localizada no lateral norte da Catedral e separada do Pazo de Xelmírez por un pequeno patio. Neste caso, o proxecto ten un orzamento de execución material de 151.163,84 euros.

Esta capela, con planta de cruz grega e dúas sacristías, fora encargada polo arcebispo Pedro Carrillo y Acuña ao arquitecto Melchor Velasco y Agüero e concluíuse no ano 1664. A sacristía leste, que é moito máis complexa e rica, está cuberta por unha bóveda de casetóns de carpintería, mentres que a sacristía oeste, que é a máis ampla e ten dous andares, é moito máis sinxela e tamén máis funcional.

Louzao apuntou que esta última limita directamente co muro da fachada románica norte da Catedral, polo que “ten especial interese, xa que é un dos poucos lugares desde onde é posible observar polo exterior a totalidade dos elementos da orde arquitectónica desa fachada románica”. Esta sacristía foi privada e a súa cuberta orixinal foi substituída, polo que agora o proxecto vai recuperar a xeometría tradicional. Louzao sinalou que este punto tamén é interesante porque, segundo apuntan os últimos estudos, nesa zona foi onde quedou parada a obra da nave principal para ser despois retomada polo equipo do Mestre Mateo, encargado de finalizar a Catedral.

A obra tamén vai restaurar os paramentos interiores e os pavimentos das dúas sacristías e renovar o espazo exterior entre a sacristía oeste e a torre norte, que estaba afectado pola auga sen que houbera ata o momento unha solución adecuada. Tamén inclúe a renovación da instalación eléctrica en todas as zonas nas que se intervén.

Quinta dos Fuentes

Ademais, Raxoi deu licenza para outra actuación no eido patrimonial, o da reparación da estrutura e a eliminación de humidades na Quinta dos Fuentes, en Vidán. O proxecto foi elaborado polo Consorcio de Santiago, que tamén se vai encargar de contratar a obra, e ten un orzamento de 105.077,26 euros e un prazo de execución de catro meses.

As obras previstas inclúen o cambio da estrutura da cuberta para levantar o lucernario da escaleira, a renovación das tellas deterioradas, a reposición do falso teito da planta baixa afectado pola auga, o reforzo dos pontóns e das trabes, a instalación de novos canalóns, baixantes, carpintarías e varandas, o saneamento dos muros, revocar e pintar, a execución dun sistema de drenaxe exterior e o traslado da sebe que afectaba á fachada.

A Quinta dos Fuentes está moi unida á historia industrial de Santiago. Funcionou como curtidoiro entre 1792 e 1889, aínda que durante esa etapa sufriu varios cambios de propietario e foi tamén saqueada polos franceses na guerra da independencia. Chegou a mans de Manuel Fuentes Rodríguez, que non tivo interese en continuar a actividade industrial e encargou ao seu fillo, Agustín Fuentes, a súa transformación nun predio de lecer.

O edificio, que está no corazón dun parque que se creou en 2003 e situado á beira do paseo polo río Sar, destinouse a actividade sociocultural, pero “arrastra desde hai décadas importantes deficiencias que foron provocando deterioros importantes e que dificultan o seu uso. Por iso, esta era unha obra moi agardada” apuntou Louzao.

Tracking Pixel Contents