Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Eleccións municipais

Os exconcelleiros do PSOE de Santiago lanzan candidatura propia para 2027: "Isto vai de que Mercedes Rosón sexa alcaldesa"

Os edís non adscritos afirman que dan "un paso adiante" ante a "parálise" do BNG e a "crispación" de PP e PSOE

Non revelan polo momento o nome nin os integrantes da lista

Marta Álvarez, Mila Castro, Mercedes Rosón e Gonzalo Muíños, este martes no Hotel Virxe da Cerca de Santiago

Marta Álvarez, Mila Castro, Mercedes Rosón e Gonzalo Muíños, este martes no Hotel Virxe da Cerca de Santiago / Javier Rosende Novo

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Manu López

Manu López

Santiago

Os exconcelleiros do PSOE de Santiago confirmaron na mañá deste martes que concorrerán cunha candidatura propia ás eleccións municipais do ano 2027, tal como informou este diario na tarde do luns. Os edís non adscritos corroboraron ademais que a lista estará encabezada por Mercedes Rosón, aínda que non revelaron polo momento a marca coa que se presentarán, a fórmula xurídica elixida, nin o resto de integrantes da lista.

Rosón afirmou que decidiron dar "un paso adiante" como resposta ás peticións da veciñanza fronte á "parálise dun goberno atascado na xestión ordinaria ou o bloqueo dunha oposición instalada no 'e ti máis'", indicou. "Desde xa poñémonos a traballar para presentar un proxecto progresista, libre, rigoroso, ilusionante e cunha alternativa de goberno real para Santiago de Compostela", engadiu.

A concelleira lembrou que este mércores cúmprense dous anos da votación que precipitou a súa expulsión do PSOE. Ademais, para o lanzamento do proxecto elixiron o mesmo escenario no que renunciou hai doce anos á súa acta por discrepancias coa dirección socialista, o Hotel Virxe da Cerca. "Hoxe dámonos conta de que a democracia require de novas plataformas que desboten as dinámicas, moitas veces escuras, dos partidos políticos", asegurou Rosón, quen proclamou o lema que previsiblemente guiará a súa estratexia futura: "Somos máis de Santiago que de partido".

Unha xestión "deficiente" e unha oposición "desleal"

Pola súa banda, Gonzalo Muíños, subliñou que as expectativas creadas polo goberno de Goretti Sanmartín tornáronse en "decepcións" debido a unha xestión que cualificou de "deficiente". Ao mesmo tempo criticou a "oposición desleal" e a política de "crispación" do PP e do PSOE. Ante isto, considerou que é preciso deixar de "poñer as siglas por diante das veciñas e veciños".

Na súa quenda, Mila Castro reivindicou que algúnbs fitos clave deste mandato, como o desbloqueo de tres orzamentos municipais, a operación Peleteiro, a ordenanza de mobilidade ou a taxa turística, saíron adiante "a pesar da mala xestión do goberno" e grazas á "responsabilidade" dos non adscritos: "Os nosos votos foron os que permitiron desbloquear estes proxectos". Ademais, Marta Álvarez puxo en valor as traxectorias dos catro edís como mostra da súa "vocación de servizo público" e destacou de Rosón que "ten Santiago na cabeza".

Pactos electorais

Os concelleiros foron inquiridos pola súa política de alianzas, pero sen chegar a descartalas, deixaron entrever que non contemplan unha candidatura conxunta con Compostela Aberta ou Sumar, tal como propuxo esta formación nas páxinas deste diario. "Isto vai de que Mercedes sexa alcaldesa", proclamou Muíños.

Pola súa banda, a cabeza de lista, reafirmouse en que o seu proxecto é "incuestionablemente propio" e pasa "pola unidade, polo diálogo, pola ilusión, polo traballo e polo futuro". Ademais, rexeitou incorporarse a proxectos como Espazo Común, liderado polo exsocialista Pachi Vázquez.

Reacción de Sumar

Tras a comparecencia dos non adscritos, Sumar Compostela chamou a que a súa decisión "sirva para reforzar o espazo da esquerda compostelá e non para dividilo". A secretaria de organización da formación, Rocío Núñez Rúa, asegurou que "non podemos permitirnos máis candidaturas de esquerda competindo polo mesmo espazo electoral nun momento no que o principal obxectivo debe ser consolidar unha maioría progresista forte e capaz de seguir gobernando Santiago".

Tracking Pixel Contents