Concello e Xunta retoman o próximo martes o proxecto do parking do Clínico
A convocatoria chega case dous anos despois da sinatura do protocolo e tras seis meses de espera desde que a alcaldesa pediu a celebración da comisión

Coches aparcados encima de la acera en el Hospital Clínico de Santiago. / Jesús Prieto

A comisión de seguimento do protocolo do CHUS reunirase o vindeiro martes por primeira vez desde a sinatura do acordo, o pasado 2 de agosto de 2024. O anuncio fíxoo este venres a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, quen incidiu na urxencia de avanzar no proxecto do novo aparcadoiro do Hospital Clínico, unha actuación que considera "prioritaria" para responder ás necesidades de estacionamento, tanto da veciñanza compostelá como da área sanitaria.
Sanmartín lembrou que o Concello levaba meses agardando pola convocatoria desta comisión. Segundo explicou, a solicitude para a súa celebración formalizouse en decembro de 2025 e chega agora, seis meses despois. A rexedora asegurou que trasladou esta demanda directamente a responsables da Xunta ante a falta de avances.
"A comisión nace co obxectivo de informar, dialogar, coordinar e concretar as actuacións previstas no protocolo do CHUS", recordou a alcaldesa. Polo Concello participarán as directoras das áreas de Mobilidade e Urbanismo e o coordinador xeral, mentres que pola Xunta asistirán a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas e o director de Augas de Galicia. Tamén está prevista a presenza da conselleira de Vivenda e do conselleiro de Sanidade.
A rexedora municipal insistiu en que o aparcadoiro do Clínico é unha actuación "moi urxente" e reclamou "avances reais máis que actos públicos". Neste sentido, explicou que o Concello quere coñecer con detalle o ámbito do Proxecto de Interese Autonómico (PIA), as obras previstas e o deseño definitivo da infraestrutura.
Sanmartín lembrou que, aínda que a posición inicial do Concello era apostar por un aparcadoiro completamente soterrado, no marco do protocolo aceptouse a alternativa dun estacionamento mixto, con parte soterrada e parte en altura. "Trátase dun acordo no que tivemos unha xenerosidade importante", asegurou Sanmartín.
Ademais do novo aparcadoiro, a reunión tamén servirá para abordar outras actuacións vinculadas ao complexo hospitalario, como a mellora dos accesos, o reforzo do transporte colectivo e a implantación dun servizo de transporte urbano "de maior calidade". Neste último punto, a alcaldesa lembrou que o Concello está a piques de culminar o proceso de adxudicación do novo contrato do transporte urbano.
Taxa de reposición da Policía Local
Na rolda de prensa, Goretti Sanmartín tamén respondeu ás críticas do portavoz do PP, Borja Verea, sobre a falta de efectivos na Policía Local. A alcaldesa acusouno de facer un "anuncio enganoso" ao asegurar que o Concello pode crear novas prazas sen limitacións e lembrou que as competencias en materia de seguridade cidadá corresponden á Policía Nacional e á Delegación do Goberno.
Ademais, defendeu a política municipal de reposición de persoal. Segundo detallou, entre os exercicios 2024 e 2026 repuxéronse 79 xubilacións no conxunto do Concello e creáronse 18 novas prazas, o que suma un total de 97 incorporacións. Delas, 39 corresponden á Policía Local, 16 ao Servizo de Extinción de Incendios e o resto a distintos departamentos municipais.
Sanmartín tamén contrapuxo estes datos á evolución dos efectivos durante os gobernos do PP, cando, segundo indicou, o cadro da Policía Local pasou de 188 axentes en 2011 a 159 en 2015, unha cifra que, afirmou, se foi recuperando nos últimos anos.
Taxa turística
A alcaldesa informou tamén de que o pleno municipal tomou coñecemento este mércores da aprobación definitiva do regulamento do Foro de Turismo Sustentable, un órgano consultivo previsto na normativa que regula o imposto sobre as estadías turísticas.
Explicou que este foro asesorará sobre o destino dos fondos recadados a través da taxa turística, que deberán destinarse a actuacións vinculadas co desenvolvemento dun modelo turístico sustentable. O Concello iniciou xa os trámites para a súa constitución, solicitando ás entidades participantes que designen os seus representantes.
Sanmartín subliñou, ademais, que o concelleira de Turismo, Míriam Louzao, mantivo informado ao sector desde o inicio da tramitación, coa primeira reunión celebrada o pasado 26 de decembro e encontros periódicos de carácter mensual.
Posible candidatura dos concelleiros non adscritos
Preguntada polo anuncio dos concelleiros non adscritos de concorrer ás próximas eleccións municipais, Sanmartín restou transcendencia á cuestión ao lembrar que "aínda falta un ano" para os comicios e que se descoñece que candidaturas acabarán presentándose.
A rexedora asegurou que lle preocupa a desafección política, pero considerou positivo que "persoas ou colectivos decidan implicarse na vida pública se consideran que teñen propostas para a cidadanía". Ao mesmo tempo, criticou ao PP por, ao seu xuízo, "poñer por diante outras cousas antes que Santiago" e defender os intereses da Xunta por riba dos da veciñanza.
Conflitividade en Santa Marta
Sobre a concentración convocada en Santa Marta pola preocupación veciñal ante o consumo de substancias estupefacientes, a alcaldesa recoñeceu que se trata dun asunto que "preocupa" ao goberno local e que require "unha resposta integral".
Sanmartín asegurou que o Concello está a reforzar os efectivos e mantén unha colaboración permanente co resto das administracións implicadas. Con todo, destacou que os datos obxectivos seguen indicando que Santiago é, en termos xerais, "unha cidade segura", aínda que admitiu a preocupación polo incremento do consumo de determinadas substancias.
- Compostela perde un dos seus activistas culturais: morre aos 52 anos Gonzalo Suárez Castro, da Unitaria
- Muere a los 85 años de edad Hipólito Rodríguez Visos, fundador de la emblemática empresa Mármoles del Río
- Suspendido el mayor festival de música urbana de Santiago
- Las fiestas de a Nosa Señora da Mercé de Conxo vuelven con música, pulpo y un emotivo homenaje a Kiko Fernández
- Luis Zahera y Tamar Novas protagonizan la próxima apuesta de Netflix y no es 'Clanes': una película con Santiago muy presente
- Christian Gálvez vuelve a Galicia: «Elegí Jacob para el ‘prota’ del libro que abre la saga como homenaje a Santiago»
- El pub de Santiago donde la gente se reúne para hablar de la muerte: 'Aquí nadie te juzga ni te mira raro
- La infracción de tráfico más repetida en Santiago deja más de 600 denuncias en solo un año