Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Mercedes Rosón Concelleira non adscrita e candidata á Alcaldía de Santiago

«A xente de Santiago quería esta opción electoral, din que agora xa saben a quen votar»

Mercedes Rosón anunciou esta semana que encabezará unha candidatura propia nas próximas eleccións municipais

«Non pensamos en pactos, aspiramos a gobernar», asegura

Mercedes Rosón, na Rúa Nova de Santiago nos instantes previos á entrevista con EL CORREO GALLEGO

Mercedes Rosón, na Rúa Nova de Santiago nos instantes previos á entrevista con EL CORREO GALLEGO / Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Manu López

Manu López

Santiago

Mercedes Rosón (Becerreá, 1961) atende a este diario na Rúa Nova, un lugar especial para ela porque foi onde residiu por primeira vez en Compostela e onde desenvolveu boa parte da súa actividade profesional, ademais de tratarse dun lugar especial pola súa intensa vida cultural. Antes da súa expulsión do PSOE, estivo en varias ocasións nas quinielas para encabezar a papeleta socialista, pero non chegou a facelo porque «nunca me deixaron», afirma. Agora, liderará nas eleccións municipais do 2027 un proxecto propio acompañada dos outros concelleiros non adscritos.

Anunciaron hai uns días que presentan candidatura propia. Que acollida tivo?

Dende a perspectiva da cidadanía, a acollida foi excelente. Para moita xente, era un desexo. Na súa lóxica estaba que despois destes anos, foramos unha opción electoral para eles. Está sendo moi emocionante porque non paramos de atopar xente que nos felicita e de recibir chamadas e mensaxes. O que repiten constantemente é que agora xa saben a quen votar.

Por que decidiron dar este paso adiante neste momento?

A nós dóenos Santiago, e cada día vemos os problemas que hai: a falta de mantemento e limpeza, o problema da vivenda, o reto da seguridade, a necesidade de reforzar os servizos sociais... Fai falta máis traballo e compromiso. A xente non ten por que decidir entre a xestión deficiente do BNG e a crispación do PP. Hai un proxecto centrado nos problemas reais e ese é o noso. Pepe Mujica dixo hai uns anos unhas palabras coas que me sinto identificada. «Si tuviera dos vidas las gastaría enteras para ayudar en tus luchas, porque es la forma más grandiosa de querer la vida». Eu son moi feliz traballando para axudar aos demais e servir ao público. É a miña vocación.

Tamén dixeron que a veciñanza lles pedía presentar unha candidatura. Esa xente está disposta tamén a implicarse facendo campaña, ou mesmo indo nas listas?

Ese ofrecemento, ese interese por formar parte do que estamos construíndo é previo ao anuncio que fixemos o martes. Queremos construír con todas e todos un proxecto que estea á altura do que Santiago de Compostela merece, que neste momento non existe.

Unha candidatura "á altura das circunstancias"

Que nomes teñen para completar a lista electoral?

Agora non toca iso, agora o que toca é construír, traballar para ofrecerlle a esta cidade un futuro. Queremos facer partícipe a toda a xente que se queira adherir a este proxecto, que vai ser un proxecto libre, progresista e feliz, que buscará solucións para todos os problemas que ten Santiago porque aspiramos a gobernar. Faremos unha candidatura á altura das circunstancias con xente solvente e con perfís parecidos a nós.

Outra incógnita é a marca e a fórmula xurídica que empregarán.

É moi pronto para iso. Estamos traballando en todas esas cuestións que son absolutamente imprescindibles para poder concorrer a unhas eleccións. Non tardaremos moito, pero agora non estamos niso.

Fala de gobernar, pero que fará se os números non dan? Pactará con outras forzas progresistas?

Nós aspiramos a gobernar e non estamos na lóxica dos partidos. Estamos centrados na xente e na cidade, e en facer un programa que convenza á cidadanía. Esas liortas ás que nos teñen acostumados aos partidos tradicionais, esas cábalas que se están facendo constantemente sobre os futuribles, agora non están na nosa axenda.

Pacto "descartado" con Sumar e Compostela Aberta

Sumar lanzou unha proposta neste diario para formar unha candidatura con CA e con vostedes. Hai algunha posibilidade?

Está descartado. Nós estamos impulsando un proxecto diferente.

Tras o seu anuncio, alertaron do risco de dividir o voto progresista. Que pensa disto?

Non se me ocorre mellor maneira de dividir ao electorado e polarizar á cidadanía que criticando o paso adiante dun proxecto que busca desfacerse das vellas prácticas dos partidos convencionais para centrarse en Santiago. Eu non teño nada que dicir de Sumar máis que desexarlles sorte, cada quen ten o seu proxecto, e non vou entrar na crítica ou na confrontación porque iso si que divide e crispa.

E co PsdeG, despois da súa expulsión, é posible entenderse?

Nós xa non estamos no Partido Socialista, é unha cuestión da que agora non toca falar porque ese tema xa está superado.

Tracking Pixel Contents