Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Guia Risari e Paolo Domeniconi, gañadores do XIX Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados

'El hombre y la luna’ se impuxo nunha edición marcada pola variedade e a riqueza temática e plástica dos 265 proxectos que se presentaron procedentes de 15 países

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Educación, Míriam Louzao, deron conta este martes do fallo do xurado do XIX Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Educación, Míriam Louzao, deron conta este martes do fallo do xurado do XIX Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados. / C. S.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

R. S.

Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Educación, Míriam Louzao, deron conta este martes do fallo do xurado do XIX Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados nun acto celebrado no Salón intermedio do Pazo de Raxoi.

Goretti Sanmartín anunciou que ‘El hombre y la luna’, de Guia Risari (Turín, Italia) e Paolo Domeniconi (Módena, Italia), se impuxo nunha edición do Premio Compostela marcada pola variedade e a riqueza temática e plástica dos 265 proxectos que se presentaron procedentes de 15 países: Italia, Alemaña, Brasil, Ucraína, Arxentina, Perú, Uruguai, Turquía, Montenegro, Reino Unido, Portugal, Francia, México, Estados Unidos e España.

Ademais, o xurado declarou finalista o álbum ‘Contar hasta diez’, de Ailin Monjeau (El Bolsón, Arxentina) e concedeu unha mención especial ao álbum ‘Morada’, de Maria Luísa Ornelas Nogueira Lima (Porto, Portugal).

Tanto a finalista coma a mención especial son primeiras obras, feito que destacou a alcaldesa por dar conta de que “este premio serve, por un lado, para recoñecer o traballo de xente xa consagrada, como neste caso os gañadores, e ao mesmo tempo, para conseguir que haxa novos valores”.

Goretti Sanmartín celebrou que o XIX Premio Internacional Compostela é “un referente absolutamente consolidado” e volve recibir un ano máis un gran número de obras dunha calidade altísima, polo que agradeceu o “traballo impresionante dos membros do xurado”.

O premio, convocado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka Editora, ten como obxectivo pór en valor este xénero literario e artístico, ademais de proxectar o nome da cidade ao exterior. A súa dotación económica é de 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos intelectuais e a obra gañadora publícase en galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués no mes de novembro. Este ano serán editadas a obra gañadora, ‘El hombre y la luna’, a finalista, ‘Contar hasta diez’, e a distinguida cunha mención especial, ‘Morada’, de Maria Luísa Ornelas Nogueira Lima (Porto, Portugal).

Valoracións do xurado

O xurado valorou a coherencia narrativa e harmónica entre o texto e as ilustracións de ‘El hombre y la luna’ así como a súa calidade literaria e poética. Resalta especialmente o virtuosismo técnico no tratamento da luz. Coa súa linguaxe precisa, o texto convida a descubrir a beleza e a súa contemplación de forma sinxela, compartida e emotiva. O álbum envolve nunha atmosfera onírica chea de misterio e curiosidade.

A obra gañadora presenta a historia dun home, observador desde neno dos detalles da natureza e os ciclos do tempo, que segue asombrándose cada mes ante a fermosura do luar. Admira o esplendor do astro, pero sabe que só gozará plenamente del cando o comparta cos que o rodean.

‘Contar hasta diez’, de Ailin Monjeau, amosa unha ollada singular na elección de cada escena: a cidade como espazo de encontro e relato colectivo, onde o traballo, a diversidade, a cultura e a vida compartida constrúen formas posibles de habitar o común. Protagonizado por animais humanizados, o álbum destaca polo seu cromatismo e pincelada solta. Preséntanos un universo particular elegante e harmónico, cunha progresión numérica de distintas escenas que se resolven ao final do libro cunha soa imaxe.

‘Morada’, de Maria Luísa Ornelas Nogueira Lima (Porto, Portugal), ilustra o percorrido que realiza un gato na cidade e introdúcenos de maneira sutil no actual e preocupante tema da vivenda. Destaca neste libro, sen palabras, a combinación de dúas linguaxes: o cómic e o álbum.

O xurado do XIX Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados está formado por profesionais de recoñecido prestixio no eido da literatura e da ilustración infantil. Está presidido pola concelleira de Educación, Míriam Louzao, por delegación da alcaldesa. Como vogais desta XIX edición formaron parte a ilustradora e docente catalá Mercé Gali; a ilustradora brasileira Yara Kono; o mestre e escritor castelán José Luis Polanco; o pintor, deseñador gráfico e ilustrador galego Xosé Cobas; e a directora editorial de Kalandraka, Manuela Rodríguez. A técnica do Departamento de Educación Beatriz Varela actuou como secretaria.

Tracking Pixel Contents