Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Concesión a Mercagalicia

Raxoi mantén o plan de poñer en marcha o centro loxístico este ano

O Concello aproba o pago ao Consorcio de máis de medio millón, última cantidade correspondente á construción da infraestrutura

A voceira do goberno local de Santiago Míriam Louzao

A voceira do goberno local de Santiago Míriam Louzao / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Manu López

Manu López

Santiago

O Concello de Santiago mantén o plan de poñer en marcha a nova plataforma loxística de reparto de mercadorías este ano. A voceira de Raxoi, Míriam Louzao, afirmou que "estamos agora cos últimos trámites" para facer unha concesión a Mercagalicia, que esperan rematar "esta semana". A partir dese trámite, a empresa pública empezará a traballar para "poñelo en marcha tan pronto sexa posible". Así, engadiu que "será ao longo deste ano, pero non sabemos a data exacta".

Louzao sinalou que todas as cuestións relativas ao funcionamento do novo sistema iranse esclarecendo unha vez se avance neste trámite. "É un proxecto pioneiro do que non hai ningún outro nin sequera do que tomar exemplo", declarou, de maneira que "non podemos concretar exactamente como será porque imos ver que atopamos polo camiño de todo ese proceso". En calquera caso, asegurou que se manterá o contacto co sector nos pasos que se dean.

Último pago ao Consorcio

A concelleira deu conta ademais do acordo da xunta de goberno para pagar ao Consorcio da Cidade de Santiago a última cantidade correspondente ao convenio mediante o cal este organismo executou as obras de construción do centro loxístico. Esta última certificación ten un importe 507.353,29 euros dun total de 4.598.000 (IVE incluído). Louzao lembrou que o proxecto conta cunha axuda europea de case catro millóns destinada a implantar zonas de baixas emisións.

A obra foi executada por Tragsa nun terreo de 40.000 metros cadrados anexo a Mercagalicia. O Concello encargouse das obras de urbanización dos accesos exteriores, non incluídas no acordo co Consorcio, que teñen un orzamento de 629.181,26 euros. O centro funcionará como un nodo de recepción de cargas para, coa mestura necesaria, seren repartidas nos puntos de destino finais, inicialmente negocios de hostalaría e alimentación, con vehículos de cero emisións e de tamaño e peso reducidos.

Publicidade institucional

Louzao informou tamén dunha licitación para a publicidade institucional en medios de comunicación das festas do Apóstolo por valor de 90.000 euros (IVE incluído), aprobada nunha xunta de goberno extraordinaria o pasado xoves. A voceira destacou que é a primeira vez que se recorre a un concurso aberto para este tipo de gastos, que se viñeron resolvendo sempre mediante contratos menores. "Esta é a fórmula correcta, o concurso público, e na liña de regularizar os procedementos contractuais que se está a seguir, tanto dos grandes como dos pequenos contratos, chegoulle a vez á publicidade", engadiu.

Preguntada polos tempos da licitación, sinalou que "se se fixo así é porque se considera desde os departamentos impulsores que estamos en prazo", pese a que "gustaríanos ter ido con moitísimo máis tempo", algo que espera que mellore nas próximas edicións.

Outros acordos da xunta de goberno

Ademais, Raxoi deu luz verde ás bases e á convocatoria para este ano da V edición dos Premios á Excelencia Empresarial Axenda Urbana 2030, así como o gasto correspondente por importe total de 42.000 euros.

Tamén se validaron as adxudicacións de dous contratos de obras, un deles para a rehabilitación dos firmes na rúa do Agro dos Mozos e da Ponte de San Lázaro (47.500 euros), e outro para a mellora do pavimento na vía Edison (47.800 euros).

Tracking Pixel Contents