Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

"Unha actuación ambiciosa e estrutural"

Verea celebra o novo aparcadoiro do Hospital Clínico de Santiago e pide axilizar a súa execución

O líder popular asegura que o proxecto transformará a contorna do CHUS con novos accesos, máis prazas de estacionamento e unha mellor integración urbana

Borja Verea celebra o anuncio do novo aparcadoiro do Hospital Clínico.

Borja Verea celebra o anuncio do novo aparcadoiro do Hospital Clínico. / Jesús Prieto

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

L.R.

Santiago

O anuncio do novo aparcadoiro do Hospital Clínico de Santiago foi recibido con satisfacción polo líder do PP local, Borja Verea, que o definiu como unha actuación "ambiciosa e estrutural" chamada a poñer fin a un problema de estacionamento que afecta desde hai anos a pacientes, profesionais sanitarios e visitantes do CHUS.

Durante unha comparecencia ante os medios de comunicación, Verea lembrou que a falta de aparcadoiro no CHUS afecta diariamente a pacientes, familiares, profesionais sanitarios e a milleiros de persoas que acoden ao hospital e que, durante demasiado tempo, tiveron que perder tempo, tranquilidade e mesmo a paciencia buscando unha praza. "O importante é que Santiago deixe atrás os parches e afronte este problema con ambición e con visión de futuro", sinalou.

Neste sentido, puxo especialmente en valor que o proxecto presentado consiste nunha actuación integrada dentro da propia contorna hospitalaria, con novos accesos, reorganización do espazo, integración urbana e unha concepción máis ordenada, máis verde e máis humana do complexo hospitalario.

Verea lembrou ademais que o Partido Popular foi a primeira forza política en defender publicamente unha solución destas características para o CHUS. "O importante non é que quen se colgue unha medalla. O importante é que Santiago resolva problemas históricos que levaban demasiado tempo sen resposta. E este era un deles", afirmou.

"Santiago precisa máis capacidade para liderar proxectos importantes para o futuro da cidade"

O líder popular aproveitou tamén para facer unha reflexión sobre o modelo de cidade que necesita Santiago e asegurou que os grandes avances prodúcense cando existen responsables públicos capaces de impulsar propostas e implicarse nos asuntos importantes.

"As cidades avanzan cando hai iniciativa, cando hai capacidade para propoñer solucións e cando os responsables públicos se implican nos grandes debates da cidade e están presentes nos momentos importantes para o futuro de Santiago", explicou.

Por iso, insistiu en que Santiago necesita "máis ambición, máis presenza e máis capacidade para liderar proxectos importantes para o futuro da cidade".

Verea destacou ademais que o Hospital Clínico é unha infraestrutura esencial para toda Galicia, pero tamén un espazo fundamental na vida diaria de milleiros de composteláns, polo que mellorar a súa accesibilidade, os accesos, a capacidade de estacionamento e a integración da súa contorna supón tamén mellorar a cidade.

Así mesmo, mostrou o seu desexo de que a actuación avance coa máxima rapidez para que os cidadáns poidan comprobar os seus efectos canto antes. "Santiago necesita menos debates estériles e máis solucións útiles, como esta, para mellorar a vida diaria da xente", concluíu.

Verea reclama que o proxecto debe avanzar con rapidez

Preguntado polos xornalistas, Verea sinalou que o problema do aparcadoiro do CHUS "leva demasiados anos agardando por unha solución estrutural", polo que reclamou que a actuación avance agora coa máxima rapidez.

"As cidades avanzan porque hai xente que se atreve a propoñer solucións antes de que esas solucións parezan evidentes para todo o mundo. Nós fixémolo no seu momento e hoxe vese que esa era a dirección correcta", sinalou.

Por último, preguntado pola ausencia da alcaldesa na presentación oficial do proxecto, limitouse a afirmar que "cada un decide onde quere estar", aínda que deixou claro que "todo o que sexa importante para Santiago e para o futuro de Santiago merece implicación e merece presenza".

Tracking Pixel Contents