Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Muralismo

Memoria, territorio e arte con perspectiva de xénero: volve a arte urbana do Delas Fest

Do 8 de xullo ao 2 de agosto hai unha nova cita creativa nas paredes e muros de Compostela, Brión e Negreira, nunha nova edición deste festival que conta coa presenza das mexicanas Janí

n Nuz e Yuda e das galegas Nana e Isa Bermúdez

Clara R. Cordeiro, Xosé Penas, Míriam Louzao, Sandy Cebral e Marcos Pérez nos arcos do Pazo de Raxoi

Clara R. Cordeiro, Xosé Penas, Míriam Louzao, Sandy Cebral e Marcos Pérez nos arcos do Pazo de Raxoi / cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Do 8 de xullo ao 2 de agosto vaise desenvolver en Compostela, e tamén en Brión e en Negreira, a VIII edición do Delas Fest, festival de arte urbana que combina «perspectiva de xénero, memoria e territorio» e que vai traer á contorna santiaguesa os murais de dúas artistas mexicanas, Janín Nuz e Yuda, e outras tantas galegas, Nana e Isa Bermúdez.

A presentación desta nova edición do festival tivo lugar no Pazo de Raxoi, e nela participaron a edil de Capital cultural, Míriam Louzao; o deputado de Patrimonio, Xosé Penas, a responsable da cooperativa 7H, Clara R. Cordeiro; a concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral; e o técnico cultural de Negreira, Marcos Pérez. Todos eles coincidiron en resaltar o éxito destes anos de Delas Fest, así como en poñer en valor a memoria, o respecto ao territorio e a perspectiva feminina que vertebra non só os murais senón todo o proceso creativo dos mesmos.

A concelleira Míriam Louzao destacou aposta en valor da "memoria, de construír barrio e habitalo" que transita o Delas Fest, algo que tampouco esqueceu o deputado Xosé Penas, que o vencellou non só ao patrimonio, senón tamén á lembranza de que "durante moitos anos o espazo público estivo vedado para as mulleres". Un espazo que dende hai oito anos ocupa esta iniciativa de 7H Coop., xunto a moitas outras.

Nesta liña, Clara R. Cordeiro defendeu que hai «outras maneiras de traballar no espazo público» e mais a dimensión «comunitaria» do festival e non dubidou en lembrar a intervención de Pía Piadosa en Conxo, retratando as protagonistas do ‘Parlamento’ e como pasou de querer fotografías das mulleres «na cociña» e convencerse, grazas á veciñanza, de que o idóneo era retratar esas mulleres «que sacan a cociña e a tertulia fóra da casa».

Conxo será de novo escenario do Delas Fest, da man das artistas mexicanas en Suarribas, Nana intervirá en Brión, na piscina municipal, e Isa Bermúdez fará o propio en Negreira, na Unidade de Atención Temperá. Antes de poñérense a pintar, roteiros e moitas xuntanzas coa veciñanza para recuperaren «a memoria» ligada ao territorio.

Cartel da VIII edición do Delas Fest deseñado por Pía Piadosa

Cartel da VIII edición do Delas Fest deseñado por Pía Piadosa / cedida

Roteiros, xuntanzas... e catro pinturas

Os máis curiosos poden non só gozar neste festival visitando os murais en pleno proceso de creación, tamén poden formar parte dos roteiros, por máis que estean pensados para as artistas, para que se integren e coñezan mello o territorio no que van a intervir, "están abertos ao público", confirmou Clara R. Cordeiro en rolda de prensa.

Con esta máxima, dende este mesmo martes Janín Nuz e Yuda entran en contacto coa veciñanza, coa "idiosincrasia" do histórico barrio de Conxo e tomarán parte nun roteiro guiado por Marisa V. Garea, nunha visita á exposición Conxo un Concello de Seu, no CSC Aurelio Aguirre, nun paseo polos murais do barrio, na lectura de fragmentos da obra de Rosalía de Castro e Carmen V. Valiña no Banquete de Conxo, un encontro de anfitrioas de todo o barrio de Conxo na Praza de Aurelio Aguirre e outro para as da área concreta dos murais en Suarribas.

En Brión, ás visitas e traballos escolares súmase o encontro de anfitrioas que terá lugar o 18 de xullo onde, nunha merenda, Nana amosará o bosquexo feito grazas ás pesquisas contextuais.

En Negreira, Isa Bermúdez mergullarase na intrahistoria do concello entre o 22 e o 23 de xullo, días nos que realizaremos un encontro de anfitrioas coas pandeireteiras locais, para escoitar e falar das coplas negreiresas, as lendas… ademais dun roteiro polo concello.

Os traballos de Janín Nuz e Yuda vanse desenvolver na rúa Cruz da Nogueira, número 10, e en Suarribas, 61, respectivamente, e o 13 de xullo comezarán a pintar os seus murais que concluirán o 19. En canto á obra de Nana en Brión e a de Isa Bermúdez en Negreira, as datas para poder velas "en acción" son do 17 ao 23 de xullo e do 27 de xullo ao 2 de agosto, respectivamente.

"Chegar aos muros é posible grazas á convocatoria de Muros en Man Común", lembran dende Raxoi, e que está aberta todo o ano para que a veciñanza destes concellos poidan candidatar as súas fachadas. Os novos murais en Compostela uniranse aos 46 que xa están recollidos no programa Muralismo en Compostela, presentado recentemente.

Tracking Pixel Contents