Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Do 'labor' á arte

Club de bordado: agulla e fío para resignificar memoria dende a óptica feminina

A Casa Xohana Torres acolle a presentación da mostra dos traballos da segunda edición dun taller que saca esta arte de costura do mundo dos ‘labores’ das mulleres para reivindicar esta creación e reforzar o valor da comunidade

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Fotografías anónimas, parte dun arquivo descoñecido, pero cunha historia e cun fondo comúns segundo as épocas. Xente descoñecida para as participantes no segundo taller do Club de Bordado que se desenvolveu na Casa Xohana Torres e que, como o propio nome indica, interveu nestas imaxes con este 'labor' de costura, dándolle non só un novo contido, tamén resignificando aquilo que a fotografía e as súas protagonistas transmitiron á artista e creando novos lazos de comunidade feminina.

Do resultado deste obradoiro saen pezas de exposición, novos elementos que lle confiren ao bordado esa categoría de arte (actividade humana que ten como fin a creación de obras estéticas, di a Real AcademiaGalega) que ten a artesanía (a técnica ou arte do artesán, tamén a RAG). Imaxes dos anos 40, de Córdoba ou de Alemaña que as participantes no Club de Bordado reinterpretaron, sen deixar de lado a perspectiva de xénero dándolle a esas mulleres azos de liberdade, por exemplo, que as poses da época non permitían.

A mostra presentouse na tarde do martes 7 de xullo na Casa Xohana Torres, e contou coa visita da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. No evento participaron as propias artistas, que debullaron os procesos creativos dos seus traballos para a audiencia, sen esquecer tampouco nalgún caso a experiencia de coller case por primeira vez unha agulla.

Arte, agulla e fío, porque "a agulla e o tamén conforman a arte", e así o reivindicaba a formadora dos talleres, a noiesa María Arufe, á que o gusto polo bordado llo transmitiu a súa avoa, que asistiu á presentación da mostra, e da que o colectivo reivindicou que era tamén unha das artífices. Porque o colectivo, en feminino, é outro dos intereses deste obradoiro.

Porque "xuntármonos para facer isto", explicaba Arufe na presentación, non deixa de ser unha maneira de crear comunidade, "unha resistencia grupal" fronte a algo que a monitora do obradoiro definiu como "un auxe perigoso", que se está a dar neste momento da historia e que conduce tan só ao individualismo.

Mais o Club de Bordado non só vai de "facer comunidade" ou recuperala, vai tamén de sacar eses "labores" do privado ao espazo público a través desta exposición. Arufe lembraba que na época victoriana esta, e outras artes téxtiles, pasaron a denominarse 'labores', un concepto vencellado ao feminino e ao privado do que botaron man nas escolas reximes totalitarios coma o franquismo. "A arte téxtil pasou a ser algo así coma unha arte de segunda".

Unha arte de primeira

Pese a esas intencionalidades, o que se viviu o martes na Casa Xohana Torres foi a reivindicación dunha arte de primeira, de creación de comunidade e de reivindicación dun traballo tradicionalmente asignado ás mulleres. Algunhas das participantes tomaron a palabra e explicaron, as fotografías coas que traballaron.

Unha imaxe dunha nena nunha praia que leva á artista a bordala coma unha bolboreta, pois a nena está "a crear un universo de cambio"; unhas flores de lis para levar a monarquía, a coroa, a unhas imaxes dun grupo que "semellan" militares; ou unhas nenas nunha pose estática sobre unha alfombra nun salón ás que se lles bordan uns fentos, "para levalas á natureza" e unhas bolboretas, algo que ademais se fai coa colaboración da filla de dez anos, ampliando a comunidade máis alá do club.

Pero os testemuños non só forón cara ao sublime, o artístico e a inspiración. As participantes do Club de Bordado tamén recoñeceron o seu medo a enfrontarse ao traballo da agulla dende o descoñecemento, e como tamén estragaron algunha imaxe coa pretenderon traballar, polos moitos ensaios do bordado ou polo feble do papel fotográfico.

En calquera caso, e como verbalizou unha das participantes, "a semente" do Club de Bordado xa prendeu, e seguen, non tan só agardando unha nova edición, unha nova ocasión, senón traballando na súa arte pola súa conta.

Dúas edicións

Contan dende a organización do Club de bordado que nestas dúas edicións xa se reuniu "unha colección de pezas únicas nas que cada participante desenvolveu unha intervención persoal sobre materiais fotográficos históricos", e defenden que "máis alá do resultado artístico, o proxecto consolidouse como un espazo de aprendizaxe, experimentación e acompañamento mutuo, fomentando a creatividade, a conversa e a construción colectiva de memoria".

A exposición que se presentou este martes "permite compartir tanto as obras realizadas como os procesos e relatos que as acompañan, poñendo en valor a creación artística comunitaria como ferramenta de participación e transformación social".

O Club de Bordado, que nestas dúas edicións, de apenas unhas semanas cada unha, reuniu arredor dunha vintena de participantes e ten entre os seus obxectivos o de crear "un espazo seguro de encontro e creación colectiva", alén de ensinar propiamente as técnicas do bordado.

Ao tempo, a intervención nas fotografías permite "recuperar e reinterpretar a memoria visual das mulleres mediante a intervención de fotos e postais antigas" mentres "favorece a reflexión sobre a memoria persoal e colectiva dende unha perspectiva feminista" e promove "a participación cultural, o intercambio de experiencias e a creación de vínculos entre as participantes".

Tracking Pixel Contents