CULTURA
‘Noitear’: espectáculos de prestixio en Santiago na Cidade da Cultura
O Gaiás acolle un evento ao aire libre nunha soa noite que unen danza, teatro e artes vivas nInclúe as estreas en Galicia de ‘Carena’, do grupo catalá La Corcoles, e ‘Into thin air’, dos neerlandeses Panama Pictures, e a aposta da compañía galega Fran Sieira Danza, grupo que pechará a xornada con ‘Ceibe’

A compañía galega Fran Sieira Danza nunha función de ‘Ceibe’. / Aigi Boga
R. V.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lanza este mércores 15 de xullo Noitear, na Cidade da Cultura, unha nova proposta para vivir as artes escénicas con tres espectáculos nunha mesma noite de verán e ao aire libre en Santiago. Cos espazos exteriores do Gaiás como grande escenario, nace este programa no que converxen a danza, a música, as acrobacias ou o teatro físico, con tres funcións que abraiarán ao público pola súa dramaturxia de risco, suspensión e confianza mutua.
A primeira edición de Noitear chega ademais con dúas estreas en Galicia: o espectáculo "Carena", da recoñecida compañía catalá de circo contemporáneo La Corcoles; e "Into thin air", que supón a primeira actuación na nosa Comunidade da compañía neerlandesa Panama Pictures. Completa o programa "Ceibe", de Fran Sieira Cía Danza, nunha función especial que levará a peza a dialogar coa arquitectura do Gaiás nun pase único para o público que na noite do 15 de xullo se achegue á Cidade da Cultura.
Así, o Goberno galego aposta por unha programación coa altura, o equilibrio e o risco como fío condutor. Baixo o lema "Tensar o aire", o público terá a oportunidade de asistir, con entrada libre e de balde, a tres aclamadas propostas que innovan na escena contemporánea do circo, a danza e os espectáculos de rúa para público adulto.
Tres espectáculos de prestixio para tensar o aire
Noitear arrincará pouco antes do solpor, ás 20,30 horas ( Xardín do Teatro), con "Carena", unha premiada produción coa que a compañía La Corcoles explora o equilibrio sobre o baleiro.
O público será testemuña dun arriscado solo de funambulismo onde a artista Mariona Moya desafía a vertixe sobre un cabo de arame suspendido a grande altura sen rede de seguridade.

Unha escena de ‘Carena’, espectáculo do grupo catalá La Corcoles. / Cedida
A peza, de enorme plasticidade e carga poética, inspírase na última viaxe de peregrinos e sherpas cara os cumios onde falta o osíxeno, convertendo o equilibrio nun duelo simbólico contra o propio abismo. "Carena" conquistou o público de festivais de referencia como o Circada de Sevilla ou o TAC de Valladolid, sendo galardoada como mellor estrea de artes de rúa na Fira Tárrega 2024 e co premio Zikólika 2025 ao mellor espectáculo de circo de rúa.
Ás 21.30 horas (Parque da Balea) será a quenda da prestixiosa compañía neerlandesa de danza e circo contemporáneo Panama Pictures, que na súa estrea en Galicia achegará ao público do Gaiás o seu aclamado espectáculo "Into thin air". Baixo a dirección artística da coreógrafa Pia Meuthen, Panama Pictures é recoñecida en Europa por desenvolver unha linguaxe escénica híbrida onde a fluidez da danza e o risco físico das acrobacias interactúan con sets arquitectónicos monumentais.

Unha representación de ‘Into thin air’, da compañía neerlandesa Panama Pictures. / Cedida
En "Into thin air", tres intérpretes desafían as leis da gravidade suspendidos nunha abraiante estrutura: unha escaleira inclinada que flota no espazo e onde os corpos dos acróbatas deben buscar constantemente o equilibrio e a confianza mutua nun espazo inestable e sen puntos de apoio tradicionais.
Fusión de tradición e contemporaneidade
O peche deste Noitear chegará a partir das 22,45 horas (Praza Central) da man de Fran Sieira Compañía de Danza, cun pase moi especial do seu espectáculo "Ceibe", unha proposta que afonda na danza galega contemporánea desde unha perspectiva renovadora, virtuosa e profundamente conectada coa tradición. Baixo a dirección artística do propio Fran Sieira xunto a Sergio R. Suárez, a peza combina precisión técnica, musicalidade e unha lectura actual do patrimonio coreográfico galego para cuestionar as imposicións de xénero e reivindicar a identidade, a tradición e a liberdade.
Nesta ocasión, a función establecerá ademais un diálogo directo coa contorna arquitectónica da praza central do Gaiás, onde se desenvolverá a representación.

Outra ollada compañía galega Fran Sieira Danza nunha función previa de ‘Ceibe’. / Aigi Boga
Aida Tarrío (bailadora e integrante de Tanxugueiras)
"Ceibe" aséntase na excelencia técnica dos seus intérpretes, entre os que se contan Aida Tarrío (bailadora e tamén integrante do exitoso grupo de folk Tanxugueiras), Martín Mondragón (coñecido como Mondra, no seu proxecto musical en solitario), André Adrio, Artur Puga, Patricia Sánchez, María Montero, Cristina Canosa, Adela Otero, José Adrián Casal ou o propio Fran Sieira, «un elenco que domina con precisión a rítmica tradicional, dialogando coa música orixinal de MounQup que acompaña un espectáculo que constrúe novas formas de entender o corpo e o movemento», indican dende a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
En resumo, medra a axenda cultural con este Noitear que ofrece espectáculos de prestixio no Gaiás o día 15 con acceso libre.
- Santiago activa radares fijos en dos de los principales accesos a la ciudad
- Borja Verea aspira a gobernar Santiago en 2027: «Un alcalde ten que ser útil»
- ¿Vas a ver el eclipse en Santiago? El Concello cerrará el acceso en coche a dos de los puntos más populares para contemplarlo
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- 100 años y una vida dedicada a la Iglesia: la historia de Ricardo Bello
- Ni Ensanche ni Casco Histórico: los barrios de Santiago en los que el alquiler se come casi la mitad de la renta familiar
- No son peregrinos. Son chavales de fiesta': El Barroquista cuestiona el turismo de Santiago
- Una panadería de Santiago se cuela entre las mejores de España: 'Empecé vendiendo hamburguesas en Venezuela